Un verán de chocolate

A noite previa custa durmir pola emoción, pero pola mañá o autocar transfórmase nunha sorte de promesa de novas sensacións, paisaxes e amigos diferentes aos habituais no ‘cole’

O alumnado do CEIP da Cruz Budiño (O Porriño) na granxa-escola Corazón de Carballo.

O alumnado do CEIP da Cruz Budiño (O Porriño) na granxa-escola Corazón de Carballo. / Faro

María Bueno

María Bueno

“Os deberes a partir de agora son ir a praia ou o monte, xogar cos amigos, quedar a durmir hasta tarde, comer chocolate, ler contos, ir de excursión coa familia… Toca, en resumo, desfrutar e descansar”

Fátima Caramés

— Titora de 5º de Primaria

Quentan motores, ensaian bailes, traballan en equipa; saen da aula para conectar a escola coas rúas, coas familias, coa flora e a fauna da contorna. Vano pasar ben xuntos, cos mestres e cos compañeiros, abrindo a porta a esa agradable sensación que trae consigo, na infancia e na adolescencia, a próxima chegada da lixeireza e os aromas do verán

Máis de 130.000 alumnos de Educación Infantil e Primaria galegos vivirán estes días o agardado fin de curso. Cos deberes feitos e os contidos na cachola, chega o tempo das excursións e festivais de música, ás que nos últimos tempos téñense sumado as graduacións do segundo ciclo de Infantil e de 6º de Primaria. 

Familias, docentes e cativada gozan e emociónanse nestes actos de despedida dunha etapa, nos que non queda máis remedio que renderse ante a evidencia: o tempo pasa e canto teñen medrado os seus nenos e nenas desde a primeira vez que puxeron un pé nestas aulas. 

O alumnado do CEIP da Cruz Budiño (O Porriño) na granxa-escola Corazón de Carballo.

O alumnado do CEIP da Cruz Budiño (O Porriño) na granxa-escola Corazón de Carballo. / Faro

Aínda máis se cabe desfrutan os peques das escapadas: a noite previa custa durmir pola emoción, pero pola mañá o autocar transfórmase nunha sorte de promesa: lévannos a paisaxes e situacións distintas ás que son habituais no cole, imos facer novos amigos e a coñecer outras plantas, espazos, animais.

Que llo pregunten senón ao alumnado do CEIP da Cruz Budiño (O Porriño), onde estes días xa fixeron a excursión de fin de curso á granxa-escola Corazón de Carballo, segundo nos conta César López, mestre de Primaria no centro. 

Tamén a granxas-escola acudirán os estudantes de Infantil do CEIP Pintor laxeiro (Vigo), onde, pola súa banda, ata os seus 300 estudantes de Primaria pensan xa na súa próxima viaxe ás Illas Cíes. Tamén alí levan varios anos facendo as graduacións, unha cita que a miúdo entusiasma, da testemuña Ésther Fernández, directora do centro: “Fainos moita ilusión a todos porque son moitos anos, queiras que non”.

Festival de fin de curso en el Colegio Martín Códax.

Festival de fin de curso en el Colegio Martín Códax. / Faro

No Martín Códax (Vigo), pola súa banda, xa celebraron o seu festival de Fin de Curso. Dous días de festa, música e risas nas que puideron gozar xuntos con actuacións ben variadas que foron desde a mítica voz de Aretha Franklin ata as cancións da nosa Banda da Loba. 

Así nolo conta Fátima Caramés, titora de Primaria do colexio, que ten a boa costume de escribir unha carta ao seu alumnado cada fin de curso. Verbas entre as que nunca falla unha mensaxe: “Os deberes a partir de agora son ir a praia ou o monte, xogar cos amigos, quedar a durmir hasta tarde, comer chocolate, ler contos, ir de excursión coa familia… Toca, en resumo, desfrutar e descansar”. 

Un verán de chocolate agarda para descansar, gozar xuntos de novas aventuras e outro tipo de aprendizaxes e, por suposto, cargar pilas. E o curso que vén? O curso que vén vémonos tamén aquí. Con máis ganas aínda se cadra.