La adopción en el aula

Comprender para atender: “Nin límites, nin desafiantes, nin vagos”

Águeda Ruibal axúdanos a interpretar e dar resposta ás necesidades do alumnado que chegou á súa familia a través do acollemento ou a adopción

Falamos con Águeda Ruibal, de Manaia, para saber como interpretar e dar resposta ás necesidades do alumnado que chegou á súa familia a través do acollemento ou a adopción.

Falamos con Águeda Ruibal, de Manaia, para saber como interpretar e dar resposta ás necesidades do alumnado que chegou á súa familia a través do acollemento ou a adopción. / SHUTTERSTOCK

María Bueno

María Bueno

A quen a vida lle ensinou que as persoas adultas non son de fiar, confiar nelas e aceptar as súas regras pode parecerlle unha opción arriscada

“Si houbera sabido isto antes …” . É o que responden moitos mestres a Águeda Ruibal, membro da equipa de Educación da Asociación Galega de Adopción e Acollemento Manaia, tras asistir a unha das súas formacións para a atención do alumnado que chegou a súa familia a través do acollemento ou a adopción

 “Aínda existe un gran descoñecemento sobre o impacto que poden ter as experiencias adversas temperás no desenvolvemento das persoas”, unha ferramenta que, pola súa banda, vai a ser “fundamental para enmarcar e interpretar correctamente a forma en que se comportan na aula”. 

“O que non se visibilza non existe e é moi difícil actuar ante unha situación que non se comprende. Nin teñen unha personalidade límite, nin son desafiantes, nin vagos”, explica Ruibal sobre os prexuízos que moitas veces sofren estes cativos cando o que precisan é xusto o contrario. 

Como responder á curiosidade dos pares

Se os e as docentes son as figuras de referencia que acompañan ao alumnado no proceso de entender o que ocorre ao seu redor, en temas potencialmente sensibles deben estar preparados para responder as preguntas e comentarios cunha información clara e respectuosa. 

Neste senso, preguntamos a Ruibal polo xeito correcto á hora de abordar a chegada á aula dun alumno/a con experiencias de acollemento ou adopción ante a curiosidade que pode espertar no seu grupo de pares. O primeiro, responde, é ampliar o foco. 

“Estes nenos xa veñen moi etiquetados. Por iso, trátase de sacar o foco da súa situación particular ao mesmo tempo que a abordamos como un modelo de familia máis”, sinala para apuntalar: “E para iso temos que levalo a un marco máis amplo como é o da diversidade familiar: o primeiro que temos que ter claro é que a familia que adopta e a familia que acolle son dous modelos de familias dentro da extensa diversidade familiar existente”. 

Para marcar a diferenza

“Empatía, paciencia e tempo” son os piares sobre os que debemos construír a nosa resposta docente, en palabras da mestra, que antes de proseguir deixa claro que non todos os casos son iguais e que non se trata de engadir aquí unha etiqueta máis, senón de comprender cada contexto para poder prestarlle unha atención adecuada. 

“Esta parte do alumnado viviu unha situación de separación da súa familia biolóxica, ao que en moitos casos súmanse diversas casuísticas vitais, que poden incluír os malos tratos ou o consumo de sustancias durante o embarazo”, expresa Ruibal. 

Estas e outras situacións de neglixencia poden representar facilmente factores de risco para o bo desenvolvemento psicolóxico, relacional e social das persoas. 

Doutro xeito: “Se non se comportan segundo o esperado poder ser porque non tiveron a oportunidade de desenvolver as habilidades correspondentes a súa idade ao non contar con contornas seguras, nin adultos de referencia”. De feito, engade, as disincronías representan un rasgo común: “É curioso como moitas veces vemos que nos falan como adultos porque no pasado víronse na obriga de actuar como tales, pero logo comprobamos que o seu desenvolvemento emocional ou cognitivo é inferior ao que lles correspondería por idade”. 

Neste contexto, a empatía vai ser a principal aliada do profesorado: “Temos que validar os seus sentimentos e emocións antes de aclararlles que ese non é o xeito de actuar e, a partir de aí, irlles dando ferramentas para que poidan ir adquiríndoas pouco a pouco”. E na palabra “pouco a pouco” está unha das chaves porque necesitan tempo e paciencia para poder “des-aprender” antes de volver aprender. 

Medidas concretas

Tamén existen unha serie de medidas concretas que poden axudar moito a lograr que se sintan valorados, tranquilos e seguros na escola e asimesmo responder a baixa tolerancia ante os cambios que, por motivos lóxicos, é frecuente nesta parte do alumnado: desde establecer unha rutina para darlles a benvida e despedirse ata prepáralos para o que vai ocorrer. 

Ademais, acordar con eles a súa localización na aula nun lugar no que se sintan seguros; comprobar regularmente que están ben a través de xestos como levantar o polgar; ou traballar con eles a través da respiración ou a realización de actividades tranquilizadoras son outras das ferramentas que poden marcar a diferenza.  

Obxectivo: inclusión como NEAE

Unha vez temos asegurado o seu benestar emocional, podemos pasar ao plano académico, sempre tendo en conta que é fundamental priorizar o primeiro sobre o segundo e adecuar “as expectativas as súas necesidades” en lugar de ao revés

Un obxectivo que se concreta en medidas como a adaptación dos contidos, o emprego de formatos que lles sexan máis doados ou a realización de probas orais, entre outras actuacións xa contempladas para o alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE), onde desde Manaia levan anos loitando para que se inclúa ao alumnado con experiencias de acollemento ou adopción, como xa ocorre noutras comunidades como a cántabra. 

Os mestres interesados en obter máis información poden acceder de xeito gratuíto a guía “Da protección á inclusión. As persoas con experiencias de adopción, acollemento familiar e residencial nos centros educativos”, un completo manual desenvolto a nivel europeo ao que pertence o encabezado deste texto e que sen dúbida poderá axudarnos a marcar a diferenza nas aulas.