CIENCIA PARA O DÍA A DÍA

¡Todos os segredos nunha soa gota do océano!

Foi a miña curiosidade pola investigación a que me levou a elixir o camiño científico

¿Sabiades que, a partir duns poucos mililitros de auga, podemos saber miles de cousas sobre o mar?"

O alumnado de 5º EP  do CPR Plurilingüe  Possumus e a  súa  titora, Rocío Paramá.

O alumnado de 5º EP do CPR Plurilingüe Possumus e a súa titora, Rocío Paramá. / Faro

Lucía Vázquez Calvo

Divulgación

Esta sección de Ciencia para o día a día elabórase coa colaboración de persoal do CSIC a través da Unidade de Cultura Científica CSIC-Galicia

Lucía Vázquez Calvo é axudante de investigación Centro Oceanográfico de A Coruña (IEO-CSIC).

Lucía Vázquez Calvo é axudante de investigación Centro Oceanográfico de A Coruña (IEO-CSIC). / CSIC

  • “Cando eu ía a escola...”

Preséntome, son Lucía e vivo en A Coruña, cidade na que nacín hai vinteseis anos. Un aspecto que me caracteriza dende nena é a paixón pola natureza e todo o relativo a ela. De feito, as miñas materias preferidas na escola eran as da rama de Ciencias Naturais, pero tamén me gustaban moito as linguas e a historia, polo que podedes imaxinarvos o dilema que tiven á hora de “decantarme” nun futuro laboral polas ciencias. Á hora da verdade, a miña curiosidade pola investigación foi a que me levou a elixir o camiño científico.

  • “O meu camiño na ciencia”

Mentres estudaba o Bacharelato facíamos algunhas prácticas de Bioloxía e de Química no laboratorio, momentos nos cales se espertou moito máis a miña interese. Porén, cando rematei o instituto fixen unha Formación Profesional de laboratorio de análise e control de calidade. Grazas a ela, confirmei ao que me quería adicar: pescudar a composición e as propiedades de miles de cousas cotiás; poder crear a partir dun par de substancias outras funcionais ou ao revés: obter a partir dunha soa o composto que me interesa; illar os microorganismos que hai no aire, nos alimentos, nas superficies…

Foi despois cando comecei a traballar nun laboratorio de química no Centro Oceanográfico de A Coruña. Entre moitas cousas, no meu grupo de traballo o que se fai é estudar e medir as propiedades químicas e biolóxicas de diferentes zonas do océano.

  • O meu agasallo: unha curiosidade

A partir duns poucos mililitros de auga podemos saber miles de cousas sobre o mar! Por exemplo, medindo os nutrientes disoltos podemos saber se unha auga está máis ou menos contaminada, ou se os seres invisibles (plantas e animais!) que viven aí proliferarán de maneira normal ou serán a causa de problemas no futuro. O estudo dos nutrientes e doutros parámetros (PH, alcalinidade, osíxeno disolto…) emprégase como guía dun dos quebradizos de cabeza actuais: a auga dos océanos estase tornando máis ácida. Que isto estea a pasar provoca moitísimas consecuencias que afectan directamente á vida acuática e, polo tanto, a nós mesmos. A maneira de minimizar este problema é reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro, no cal todas e todos podemos deixar a nosa pequena pegada de colaboración!

As aulas preguntan. O CSIC responde

Moitas grazas, Lucía!Pasámolo en grande mergullándonos na túa traxectoria e indagando sobre os océanos e os seus problemas!

De entre todas as ramas da ciencia, por que te decantaches pola análise de calidade?

Decanteime pola análise de calidade porque me gusta o laboratorio e era unha das ramas máis completas e con máis saídas laborais.

Nalgún momento pensaches que estabas tomando unha decisión equivocada con respecto aos estudos? Coa túa experiencia, escollerías outra cousa de poder volver atrás?

Antes de estudar laboratorio, comecei o grao universitario de Enfermaría pero dinme de conta de que non era o meu. Sen embargo, unha vez inmersa neste mundo tiven claro que era o que quería facer... polo que aínda que puidera volver atrás, volvería a escoller estes estudos.

De non estar a traballar no IEO, onde traballarías a gusto?

 Pois estou moi a gusto no IEO, pero se tivese que dicir outro sitio... calquera no que puidese traballar nun laboratorio de química: analizando augas, alimentos, solos, etc.

Exactamente, en que investigación andas metida agora mesmo?

 Agora mesmo estou analizando os nutrientes que se atopan disoltos na auga de mar proveniente de saídas mensuais na ría da Coruña (preto á Torre de Hércules). Despois analizarei as da ría de Vigo!

Que é o que peor levas do teu traballo?, e o mellor?

O que menos me gusta (bastante lóxico) é limpar todo o material despois das análises e o que mellor levo diría que é traballar no laboratorio en xeral, máis que o traballo de escritorio.

Sabemos que andas inmersa nos problemas de contaminación do mar, pero… como se mide a contaminación mariña?

Algúns dos métodos empregados para estimar a contaminación do mar son:

  • Observación da vida mariña: se vemos menos peixes ou corais, ou se estes parecen enfermos, é un sinal de que algo vai mal.
  • Análise da auga: recóllense mostras e analízanse no laboratorio, na busca de substancias daniñas como plásticos e produtos químicos.
  • Estudo do lixo nas praias: ás veces isto pode dicirnos moito sobre a contaminación do mar. É coma se o lixo “se acumulara na entrada”.

E ti, aportas o teu grao de area para evitar a acidificación dos océanos? Tomas algún tipo de medida concreta?

Si, sempre que me sexa posible procuro tomar certas medidas para contribuír á redución de calquera tipo de contaminación.

Por exemplo: coller pouco o meu coche particular, reducindo emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera; apagar os aparellos electrónicos cando non os utilizo para reducir o consumo de enerxía; reducir o uso de plásticos desbotables; reciclar; participar na limpeza de praias...

Que ser vivo é o que corre máis perigo ou está máis ameazado pola contaminación nas nosas costas?

 Os animais máis sensibles á contaminación mariña son os peixes, as tartarugas, as aves mariñas, as baleas, os delfíns, as focas e os leóns mariños... E especialmente, os corais. 

Na clase de ciencias naturais estivemos traballando coa fotosíntese das algas, e sabemos que son unha fonte importantísima de osíxeno para o planeta, pero… como chega o osíxeno que se produce nos mares a atmosfera?

O osíxeno que respiramos provén en gran parte dos océanos. A principal responsable deste suceso é a fotosíntese dun grupo de pequenas plantiñas acuáticas, denominadas fitoplancto. Durante o proceso de fotosíntese, o fitoplancto emprega a luz do sol para converter o dióxido de carbono en osíxeno, o cal se disolve na auga e finalmente unha parte del atravesa a superficie do océano para chegar á atmosfera.

Que nos recomendarías aos que nos gustan as ciencias para chegar a onde estás ti? Cal é o camiño a seguir?

Eu penso que hai miles de camiños a seguir para chegar ao que realmente vos guste. O importante é desfrutar de calquera que sexa ese camiño e non agoniarse por se vos gustan moitas ramas, poucas, ou se directamente non o tedes claro. Sexa o que sexa, creo que agora mesmo o importante é ser curiosos, investigar, preguntar dúbidas, aprender, desfrutar e valorar ás profesoras e profesores que vos axudan e axudarán día a día para que nun futuro poidades acadar ser aquelo que vos guste.