DIVULGACIÓN

Esta sección de ‘Ciencia para o día a día’ elabórase coa colaboración de persoal do CSIC a través da Unidade de Cultura Científica CSIC-Galicia. Manuel Vicente colabora coa Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia desde o programa de divulgación científica Efervesciencia da Radio Galega

Vas á praia un abrasador día de verán. Pos os pés na auga e sentes como semella que se te “corta a circulación”. Por que a piscina descuberta non está tan fría? Será polas correntes? Polo océano Atlántico? Acontece o mesmo noutros lugares? Afecta isto aos mexillóns da bateas? Que pasará en inverno?

Todas estas son preguntas científicas. As persoas que estudan os mares e os océanos son os oceanógrafos. Pouca xente sabe que un dos pioneiros da oceanografía en España foi o compostelán, afincado en Vigo, Fernando Fraga (1922-2020).

Manuel Vicente, colabora coa Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia desde o programa de divulgación científica Efervesciencia da Radio Galega Cedida

Ninguén nace aprendido

Cando Fernando Fraga naceu en Santiago, xusto hai un século, as rúas iluminábanse aínda con farois de gas. Fraga foi un neno curioso con ganas de aprender de todo, desde como montar e desmontar un reloxo mecánico ata coleccionar insectos. De novo lanzaba aeroplanos con gomas desde o aeroclub, aínda que dicía que case nunca voaban. 

Cursou a carreira de química en Santiago, pero o azar fixo que 1953 comezara a traballar nun laboratorio de pesca no antigo colexio alemán de Vigo. Este centro converteríase co tempo no Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC onde Fraga exerceu de investigador case 7 décadas.

Tivo que aprender de maior algo que ti xa estudaches no colexio

Fraga era moi bo químico, pero ao principio non sabía nada dos mares. Por exemplo, pensaba que os peixes pastaban algas como se fosen vacas. Tivo que aprender de maior algo que ti xa estudaches no colexio. Que nos mares existen unhas microalgas que fan a fotosíntese, chamadas fitoplancto, que son a base da alimentación dos ecosistemas mariños. Sen o fitoplancto non teríamos nin peixes nin marisco. 

O doutor Fraga, así lle chamaban os seus colegas, deuse conta que podía utilizar os seus coñecementos de química para medir na auga do mar os nutrientes dos que se alimenta o fitoplancto. Onde hai moitos nutrientes, hai moito fitoplancto e polo tanto moita pesca. Isto estudiouno Fraga por primeira a bordo do B/O Cornide de Saavedra nas augas do oeste de África, á altura do Sáhara e das Canarias.

O pioneiro oceanógrafo galego Fernando Fraga na súa infancia.

O pioneiro oceanógrafo galego Fernando Fraga na súa infancia. Cedida Familia Fraga

Pistola de auga

Estás na praia. Como a auga está conxelada comezas a xogar coa túa pistola de auga. Cando disparas en modo continuo o chorro sae en liña recta. Pero se comezas a dar voltas sobre ti mesmo empeza a pasar algo curioso, o chorro pasa a ser unha curva que vira en sentido contrario ao teu movemento. Velaquí o efecto Coriolis, descuberto polo enxeñeiro e matemático Gaspard-Gustave Coriolis e que ten implicacións nos movementos das masas de auga do planeta.

Os días de verán os ventos dominantes na costa galega veñen do norte. O movemento de rotación da terra ocasiona que, por este mesmo efecto Coriolis, estes ventos se desvíen cara ó océano atlántico. Deste xeito arrastran as augas superficiais das rías galegas cara o mar. Estas augas que saen das rías teñen que ser substituídas por outras. Nesta situación emerxen as augas profundas do Atlántico que son, precisamente, frías. Misterio resolto.

A pegada de Fraga

A primeira persoa que estudou minuciosamente este proceso en Galicia, chamado afloramento costeiro, foi Fernando Fraga. As augas profundas do Atlántico, ademais de seren frías, achegan nutrientes para o fitoplancto. Esta é a causa de que das nosas rías saía o 15% da produción mundial de mexillóns.

Nos seus 98 anos de vida Fernando Fraga nunca concedeu unha entrevista. Pero aínda así, podes escoitar a súa voz contando a súa vida na web de “Voces de Ciencia” do Consello da Cultura Galega e a asociación Divulgacción.