Divulgación

Esta sección de 'Ciencia para o día a día’ elabórase coa colaboración de persoal do CSIC a través da Unidade de Cultura Científica CSIC-Galicia. Santiago Cerviño é investigador del Centro Oceanográfico de Vigo (IEO-CSIC)

Os recursos pesqueiros, a diferenza doutros non vivos coma os mineiros, son renovables. Grazas á reprodución, a parte que pescamos dunha determinada poboación, que é un grupo de individuos dunha mesma especie que habitan nun mesmo lugar nun mesmo tempo, pódese recuperar.  

Cando non hai pesca as poboacións alcanzan un número máximo de individuos no momento que os peixes que nacen e crecen se igualan cos que morren por depredación, vellez, etc. Se introducimos a pesca, aumenta a mortandade e diminúe o tamaño da poboación. Cando hai un equilibrio entre os procesos que fan aumentar o tamaño da poboación (recrutamento de novos individuos e crecemento) e os procesos que a reducen (mortalidade natural e pesqueira), a poboación pódese manter no tempo de modo sostible. Un principio fundamental da regulación pesqueira é que, de todos os procesos que condicionan o tamaño dunha poboación, só podemos aumentar ou diminuír este tamaño actuando sobre a pesca, e se actuamos correctamente podemos manter as poboacións productivas dun modo sostible.

Esquema das poboaciones pescadas. Cedida

Non obstante, a pregunta que faciamos ao principio non era sobre a sostibilidade da pesca, senón sobre a sostibilidade da sobrepesca. A priori, parece contraditorio, xa que a “sobrepesca” asóciase a algo negativo e o “sostible” asóciase ao contrario. Pode un vicio (a sobrepesca) ser una virtude (o sostible)?

Qué é a sobrepesca? A sobrepesca pódese entender de diversas maneiras. Con frecuencia asóciase ao risco da desaparición da poboación, pero non é necesario chegar a ese extremo para considerar unha poboación sobrepescada. 

Pertenzo a unha xeración de científicos pesqueiros que nos formamos no mar, realizando mostraxes en barcos comerciais. Recordo unha expresión que se escoitaba entre a tripulación cando as capturas traían peixe pequeno: “isto é pan para hoxe e fame para mañá”. Unha moi boa definición do que é a sobrepesca.

O que caracteriza a unha poboación sobreexplotada é que, por un lado, perdeu gran parte dos adultos reprodutores e, polo tanto, ao nacer menos peixes ofrece menos oportunidades de pesca; e que, por outro lado, está máis exposta a factores ambientais (cambios de temperatura, salinidade, etc.), que se son desfavorables poden levala ao esgotamento e o colapso. Unha poboación sobrepescada é unha poboación enferma, con todas as consecuencias.

A sostibilidade, por outra parte, é agora un concepto de moda. Dende que a Organización das Nacións Unidas estableceu en 2015 os obxectivos do desenvolvemento sostible, non hai produto que saia ao mercado sen presumir de ser máis sostible ca o seu competidor. Aínda que a iniciativa da ONU é necesaria e oportuna, a verdade é que o concepto “sostible” perdeu, en parte, o seu significado orixinal e se abusa del sen xustificación. 

Pode ser entón a sobrepesca sostible? Vimos que a intensidade de pesca afecta directamente ao tamaño das poboacións de peixes e que se este tamaño se reduce fai que a súa produtividade sexa menor do desexable e que se expoña a riscos maiores, é dicir poboacións sobrepescadas.

Por outra parte, temos múltiples exemplos de poboacións que se mantiveron nesta situación durante longos períodos de tempo e que seguen sobreexplotadas.

Por exemplo, no século XVIII houbo unha importante crise na pesca da sardiña. Martín Sarmiento, un sabio da época, defendía que a causa era a avaricia dos homes que coas súas capturas levaban do mar os individuos que podían reproducirse. Referíase á sobrepesca. A pesar disto, aínda hoxe en día continúa a pesca da sardiña, iso sí, con certos problemas causados pola sobrepesca. Hai mais exemplos, pero a conclusión é que sí, a sobrepesca pode ser sostible na medida en que se pode manter no tempo.

Obviamente esto non a fai nin boa, nin desexable. Os científicos pesqueiros dicimos que a sostibilidade é unha condición necesaria, pero non suficiente para unha xestión adecuada dos recursos pesqueiros, que son renovables, pero non infinitos.