Podemos dicir que as nosas valiosas rías son un tipo moi particular de esteiro. Neles, as augas dos ríos descargan no mar e vanse mesturando coa auga salgada. A auga doce dos ríos é moi diferente da do mar; en cada litro de auga de mar hai por volta de 35 gramos de sal, o que a fai máis pesada que a auga doce. Desta maneira, a auga dos ríos tende a espallarse por riba da auga do mar demorando bastante en mesturarse. É por isto que cando hai choivas moi prolongadas e os caudais dos ríos aumentan moito, a cantidade de sal na superficie das rías baixa moito e pode provocar a morte de organismos acostumados á auga de mar, como por exemplo os croques ou as ameixas das praias. Estas situacións extremas non son o máis común nas rías galegas porque teñen unha capacidade de renovación altísima: o volume enteiro da Ría de Vigo, equivalente a máis de 800.000 piscinas olímpicas, renóvase en tres días. Polo contrario, a descarga dos ríos na costa ten principalmente efectos moi beneficiosos para os ecosistemas costeiros, xa que transporta nutrientes e outros elementos esenciais para a vida. Tamén, na súa mestura coa auga de mar formando o que chamamos esteiros, cría ambientes moi diversos aos que algúns organismos se adaptan e prosperan.

Volvamos á terra.

Como é común, na contorna da Ría de Vigo, os ríos transportan unha pequena parte da auga doce presente. A maioría da auga doce en realidade está no subsolo. En Galicia sabémolo ben. Abastecémonos de auga potable extraída do subsolo con frecuencia, e é un elemento crucial para soster a dispersión da poboación característica destas terras. Mananciais, pozos de aros ou pozos de barrena utilízanse habitualmente para abastecer de auga doce as nosas vivendas. Estas augas subterráneas almacenan a auga da choiva, abastecen á vexetación e alimentan os ríos nas épocas máis secas. E móvense. Moito. Alá por onde a auga poida circular, circulará. Temos así unha rede hídrica inmensa debaixo dos nosos pés da que coñecemos moi pouco pero que ten unha importancia fundamental para a vida.

Que acontece cando as augas subterráneas chegan á costa?

Xa o dixemos, pero é importante. As augas subterráneas móvense moito. Nun pozo non podemos velo, parece que a auga está estancada, pero realmente desprázase moitísimo alá por onde pode, cubrindo grande parte do subsolo. Na costa, como non podía ser doutra maneira, descarga ao mar. Imaxinade unha praia. Cando rompe unha onda, parte da auga volta cara o mar, pero outra parte métese na area. O mesmo acontece coas augas subterráneas. Non o vemos, pero circula incesantemente das zonas máis altas cara as zonas máis baixas. Cando chega a costa, descarga ao mar polas zonas que lle é máis fácil, as praias. Ao igual que as ondas, circula dentro da area e sae xunto ao mar. Da mesma maneira que os ríos mestúranse progresivamente coa auga de mar formando os esteiros, as augas subterráneas tamén se mesturan progresivamente coa auga de mar. A grande diferenza é que esta mestura soe acontecer tamén no subsolo, neste caso no interior das praias. Por iso non o vemos, e por iso, a estas zonas, chamámolas esteiros subterráneos. Cando sube a marea, cando rompe unha onda, a auga de mar infíltrase na praia e mestúrase coas augas subterráneas. Así, en esteiros subterráneos, a auga que descarga da praia é unha mestura de auga de mar e auga doce. Coñecemos moi pouco destes ecosistemas, pero o que xa sabemos é que teñen unha diversidade microbiana excepcional e unha función no ecosistema importantísima. Coma os esteiros superficiais, os esteiros subterráneos transportan nutrientes e elementos vitais para os organismos mariños, poden limpar contaminantes que poidan vir coas augas subterráneas e servir de protección diante dos efectos do cambio climático.

Hai esteiros subterráneos na Ría de Vigo?

 Si. Moitos. Case todos descoñecidos ata o de agora. Temos o esteiro subterráneo de Ladeira en Baiona, o de Panxón e Saiáns en Nigrán, tamén temos esteiros subterráneos en Vigo, San Simón, no Morrazo e mesmo nas illas Cíes! Cando vaiades á praia, se coincide coa marea baixa, fixádevos. Veredes unha zona da area que está mollada, incluso formando pequenos regatiños coma os da foto, que é de Saiáns. Esa é a zona de saída do esteiro subterráneo. Agora sabedes que, moi probablemente, estades enriba dun ecosistema case inexplorado!

Panxón. OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Severino Pino

* Severino Pino Ibánhez é investigador posdoutoral no Laboratorio de Xeoquímica Orgánica, Instituto de Investigacións Mariñas (IIM). Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC)