A biblioteca do Instituto de Educación Secundaria (IES) Valadares ten nome propio: ‘O Sobreiral das palabras’. E redes sociais propias. A través da biblioteca crearon unha estación meteorolóxica. E teñen un laboratorio de radio, por exemplo. É un espazo de encontro, un lugar para crear, para investigar, para xogar... é máis que unha biblioteca, se pensamos nas bibliotecas de antes. Nada que ver. Agora, hai uns anos, o concepto de biblioteca escolar é outro. E Galicia destaca neste proceso de metamorfose-reconversión das bibliotecas dos ‘coles’ e dos institutos.

A Rede de Bibliotecas Escolares de Galicia, impulsada pola Xunta e que recibiu varios premios nos últimos anos, está nominada ao Premio Internacional Astrid Lindgren Memorial Award 2022, un dos recoñecementos máis valorados no mundo do libro infantil e xuvenil. O ganador do galardón, outorgado polo Goberno sueco, coñecerase en maio de 2022 no marco da Feira do Libro Infantil en Bolonia.

“’O Sobreiral das palabras’ é un punto de encontro e un centro de oportunidades. Un espazo que mestura diferentes sistemas de exploración, de investigación e de expresión. Por iso, está organizada en catro seccións: espazo para ler e escribir, para traballar e investigar, para falar e escoitar e o espazo creativo. A finalidade desta distribución é facilitar diferentes prácticas, promover o multialfabetismo e a aprendizaxe colaborativa e crear unha contorna que permita a participación, a colaboración, a investigación, a exposición, a manipulación, a creación...”, expresa a coordinadora da biblioteca, Asun Carballo.

A biblioteca cobra especial importancia á hora de deseñar estratexias “para mellorar as prácticas educativas, para fomentar as metodoloxías activas ou para garantir o acceso á información”. “Por iso, a biblioteca coordina ou apoia os proxectos que van xurdindo no centro en cada curso”, expresa a profesora. Na biblio crearon, por exemplo, “MeteoValadares”, un programa de radio de predición meteorolóxica do tempo en Valadares, que forma parte do proxecto “Teño un amigo en AFAGA”, unha proposta do Club de Letras que se estivo a traballar dentro do proxecto de centro “Entre dúas realidades”. Anxela Carballo, profesora do ámbito científico matemático, foi a encargada de dirixir este equipo que creou unha estación meteorolóxica dentro do instituto. Ademais, aprenderon a utilizala e a facer predicións; e todos os venres gravaron o programa no estudo de radio.

A candidatura galega ao premio internacional Astrid Lindgren Memorial Award atópase entre os 282 proxectos de 71 países que tamén optan a este galardón e é o único proxecto institucional nominado en representación de España (o resto de candidatos de España son autores, a título individual: a escritora galega Paula Carballeira, as ilustradoras Jacqueline Molnár e Elena Odriozola e o autor catalán Jordi Sierra i Fabra).  

Espazo creativo na biblioteca.

O Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) foi fundamental para o desenvolvemento das bibliotecas galegas, nesa metamorfose a laboratorios creativos de aprendizaxe, espazos para a exploración, a experimentación, a creatividade, o traballo colaborativo, a inclusión e a construción compartida de coñecemento, como enumera a Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Este premio é un recoñecemento ao labor realizado dende as bibliotecas escolares polo fomento da lectura entre a rapazada galega durante todos estes anos. As bibliotecas galegas levan máis dunha década traballando a prol da lectura, a información e a aprendizaxe: apostando por unha transformación destes espazos e abogando por verdadeiros laboratorios de aprendizaxe a través do Plan Lía e tamén do Plambe (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia).

“A pandemia fixo repensarnos e reinventarnos. Sempre estivemos moi presentes na rede. Pero cando pechamos o espazo físico démonos conta de que podiamos seguir dinamizando na distancia, sen embargo non podiamos amosar a colección. Por iso, decidimos crear un espazo no blog no que recollemos recursos dixitais elaborados polo alumnado, son produtos finais de distintas tarefas ou proxectos que se levan a cabo en diferentes materias: xogos, audiolibros, estudos, biografías... Unha colección virtual que está organizada seguindo a Clasificación Decimal Universal (CDU)”, apunta Asun Carballo.

Espazo para investigar.