Cada centro educativo prepárase para afrontar a VII Edición do proxecto de xornalismo escolar Faro da Escola, de FARO DE VIGO. Moitos centros participan neste proxecto dende o principio, dende a sua creación, e van xa sete anos. É o caso do Colexio Divino Salvador, un dos que está dende o empezo deste proxecto. Xa case poderiamos dicir que son uns expertos na creación de xornais... De feito, se miramos a hemeroteca do proxecto e de cada edición dos premios aparece xa na primeira edición.

Nesa primeira edición, a gala final do proxecto Faro da Escola xuntou a 1.400 nenos dos 21 colexios participantes, que encheron o auditorio Mar de Vigo. O Colexio Plurilingüe Divino Salvador de Coruxo fíxose nesa edición co primeiro premio, seguido de Nosa Señora da Esperanza e o Chans-Bembrive.

Falamos co profesor Xavier Estévez para ver como afrontan esta edición e o claustro de docentes deste colexio tomou unha decisión: que todos os cursos de Primaria participen na creación e produción do xornal. É un proxecto pensado, en principio, para alumnado de 6º de Primaria. Son varios os centros que xa nos últimos anos engadiron a participación de alumnos/as de 5º, e incluso de 4º. Pero neste caso o Divino Salvador une a todos os cursos.

Nesta VII edición volve a presencialidade ao proxecto de xornalismo escolar de FARO. Por mor da pandemia, nas dúas últimas edicións algunhas das actividades deste proxecto, que se realizan durante o curso e nas que participan os cerca de 70 centros educativos implicados, realizáronse virtualmente. Por exemplo, charlas con científicos, con escritores, obradoiros sobre distintas temáticas... A situación sanitaria actual permitirá este curso, que acolle a VII edición deste proxecto, realizar máis actividades de modo presencial. Conferencias e charlas en persoa, coma na etapa anterior ao coronavirus. De todos xeitos, como explica o equipo organizador deste proxecto de xornalismo escolar: “as actividades poden seguir facéndose virtuais para quen prefira”. Deste xeito, unha charla presencial poderá tamén seguirse por videoconferencia, por exemplo. Así, poderán acceder máis escolares a unha mesma actividade.

Cada colexio participante neste proxecto elabora o seu propio xornal durante o curso escolar. Ao final, os xornais de todos os centros participantes imprímense na rotativa do diario decano, de FARO. O resultado final, todos eses xornais escolares impresos, cunha cabeceira moi similar á de FARO DE VIGO, entréganse na gala de fin de curso. Nesa mesma festa de fin de curso de FARO DA ESCOLA, organizada por FARO, os colexios participantes reciben os premios que se conceden cada ano, grazas aos patrocinadores deste proxecto: Concello de Vigo, Deputación de Pontevedra, FCC Medio Ambiente, Vegalsa, Vitrasa, Xerais e CSIC.

Os profesores poden enviar as súas suxerencias de novas actividades ao correo escola@farodevigo.es. Expresan dende o equipo organizador que se recuperarán as actividades presenciais pero que tamén poderán seguirse online.

A maioría dos centros que participan nesta edición participaron tamén nas anteriores, de xeito que xa coñecen como elaborar un xornal. E non é, para nada, tarea doada. Teñen que saber o que van contar en cada unha das páxinas (normalmente o xornal dos escolares ten unha extensión de 32 páxinas), distribuír os temas dunha maneira lóxica e ordenada.

Esta VII edición terminará en xuño de 2022, sendo o luns día 9 de maio a data límite para a entrega dos traballos e o martes día 14 de xuño a data prevista para a entrega de premios.

Nesta etapa é momento de ir pensando os temas que se incluirán no xornal. Seguro que tedes moitas ideas! Ánimo a todos e a todas!

Estás a tempo de participar no concurso: “Cíes, o paraíso de todos”

Estás a tempo de participar no 7º Concurso de Debuxo e Vídeo Grupal “Cíes, o paraíso de todos”: o prazo remata o día 30 deste mes. Pódese participar de dúas formas: de xeito individual ou grupal. Se queres ser un dos gañadores do concurso individual, tes que facer un debuxo sobre as Illas Cíes: como as ves, o que máis che gusta delas, os tesouros imaxinarios, a súa fauna e flora. Con imaxinación seguro que saen uns magníficos debuxos! O pasado día 22 entregouse co FARO unha lámina para facer o debuxo. No caso de que non tiveras oportunidade de obter a lámina por esta vía, pódese descargar no seguinte enlace (https://mas.farodevigo.es/illascies(concurso/descargas). Nesta parte individual poden participar nenos de Educación Infantil e Primaria. Iso si, os debuxos deben ser individuais, feitos por cada neno/a. Como facer para envialos? Poden enviarse por correo electrónico a través do formulario que aparece en mas.farodevigo.es ou ben a través do correo ciesoparaisodetodos@faroimpulsa.es. Tamén poden entregarse fisicamente na oficina de Faro de Vigo de Policarpo Sanz, 22, nas instalacións do xornal ou por correo postal a: “Concurso Cíes, o paraíso de todos”. Avda. Redondela, 9-Chapela, 36320, Vigo.

A parte grupal deste concurso, organizado por FARO, Concello de Vigo e FCC Medio Ambiente, consiste na realización dun vídeo colectivo sobre as illas, elaborado por colexios, asociacións, grupos de amigos, etc...Na parte colectiva poden presentarse os escolares de Infantil e Primaria e tamén alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Os vídeos terán unha duración máxima de 5 minutos, deberán enviarse por correo electrónico mediante Wetransfer, Drive ou similar ata o día 30. FARO publicará no xornal do venres 10 de decembro o listado dos gañadores.