Volve a presencialidade ao proxecto de xornalismo escolar de FARO, o FARO_DA_ESCOLA. Por mor da pandemia, nas dúas últimas edicións algunhas das actividades deste proxecto, que se realizan durante o curso e nas que participan os cerca de 70 centros educativos implicados, realizáronse virtualmente. Por exemplo, charlas con científicos, con escritores, obradoiros sobre distintas temáticas... A situación sanitaria actual permitirá este curso, que acolle a VII edición deste proxecto, realizar máis actividades de modo presencial. Conferencias e charlas en persoa, coma na etapa anterior ao coronavirus. De todos xeitos, como explica o equipo organizador deste proxecto de xornalismo escolar: “as actividades poden seguir facéndose virtuais para quen prefira”. Deste xeito, unha charla presencial poderá tamén seguirse por videoconferencia, por exemplo. Así, poderán acceder máis escolares a unha mesma actividade.

Cada colexio participante neste proxecto elabora o seu propio xornal durante o curso escolar. Ao final do curso, os xornais de todos os centros participantes imprímense na rotativa do diario decano, de FARO. O resultado final, todos eses xornais escolares impresos, cunha cabeceira moi similar á de FARO DE_VIGO, entréganse na gala de fin de curso. Nesa mesma festa de fin de curso de FARO_DA_ESCOLA, organizada por FARO, os colexios participantes reciben os premios que se conceden cada ano, grazas aos patrocinadores deste proxecto: Concello de Vigo, Deputación de Pontevedra, FCC Medio Ambiente, Vegalsa, Vitrasa, Xerais e CSIC.

En novembro empezarán a realizarse as actividades desta VII edición. “Faremos unha xornada informativa coas novidades desta edición”, comentan desde o equipo organizador de FARO_DA_ESCOLA. Indican que os profesores poden enviar as súas suxerencias de novas actividades ao correo escola@farodevigo.es. Expresan dende o equipo organizador que se recuperarán as actividades presenciais pero que tamén poderán seguirse online.

A maioría dos centros que participan nesta edición participaron tamén nas anteriores, de xeito que xa coñecen como elaborar un xornal. E non é, para nada, tarea doada. Teñen q ue saber o que van contar en cada unha das páxinas (normalmente o xornal dos escolares ten unha extensión de 32 páxinas), distribuír os temas dunha maneira lóxica e ordenada. Nestes momentos, na parte inicial do curso, é momento de ir pensando os temas que se incluirán no xornal. Seguro que tedes moitas ideas! Ánimo a todos e a todas!

Escolares cos Faro da Escola na segunda edición deste proxecto de xornalismo escolar.