LECTURAS EMOCIONANTES

Carballude: "As domus tiñan incluso piscina climatizada"

Pepe Carballude, escritor.

Pepe Carballude, escritor.

"Digamos que somos uns romanos evolucionados", expresa o autor de "A vida diaria dos romanos".

Unha viaxe á vida diaria da Roma clásica. Podería ser este un mini resumo da última obra de Pepe Carballude, que fala do día a día dos romanos. “Aquí cóntase como eran os xoguetes dos romanos, como se entretiña a rapazada, como vestían e como se bañaban, que comían, que deuses tiñan e como eran as súas casas. Tamén descubrimos as pegadas que os romanos deixaron en Galicia”, expresa Xerais sobre esta obra, moi atractiva para que os pequenos e pequenas coñezan máis sobre un pasado moi lonxe no tempo pero quizais máis próximo na herdanza (costumes, forma de ser, organización e estruturas, pensamento...) do que nós memos/as pensamos.

Como xorde este libro?

Hai moitos anos pedíronme que contase o quefacer diario dun neno romano desde que se erguía (coa saída do sol) ata que se deitaba (ó solpor): comidas, educación, divertimentos... Así naceu este libro, editado primeiro en castelán e despois traducido ó portugués. Desaparecida a colección onde estaba, agora dámoslle nova vida, en galego, corrixido e ampliado.

O aspecto é moi atractivo... cre que se lles conta ben a historia aos nenos/as?

Puiden comprobr a miúdo que os colegas de Historia tentan ofrecer unha materia atractiva, aportando vídeos, materiais específicos, didácticos, visitando museos e restos arqueolóxicos... Queda moi lonxe a inútil memorización dos reis godos.

Sabemos moito de Roma, por norma xeral?

Cónstame que a historia de Roma forma parte dos contidos da materia de Historia nalgún curso da ESO. Ademais en Cultura Clásica, de 3°, abórdanse os aspectos máis destacados da mesma.Este libro, as películas e as series sobre romanos tamén serven de apoio.

Supoño que o que sabemos está cheo de “topicazos”...

Os feitos históricos están suxeitos a revisión e o profesor debe aportar luz sobre eles, distinguindo o mito e a realidade.

Entendo que hai comportamentos e costumes dos/as romanos que perviven aínda hoxe...

Pervive case todo. Agás a tecnoloxía, no demais seguimos sendo romanos: no vestir, no comer, na diversión... Digamos que somos uns romanos evolucionados.

Agás a tecnoloxía, no demais seguimos sendo romanos

Destaque unha comida.

Gustáballes moito o leitón. Ah, e encantáballes o “garum”, un prebe fortísimo que tiraba do viño, parecido ó actual “ketchu”!

Unha prenda de vestir.

A toga, que mesmo servía como distintivo social; ou as sandalias que aínda están de moda hoxe.

Unha casa típica.

A vivenda que aparece nas películas era a “domus”, unifamiliar e para xente rica, na que non faltaba de nada, incluída piscina climatizada. O común da xente, malia todo, vivía nas “ínsulas”, pisos incómodos, fríos e carísimos.

E un xoguete.

A roda, coa que eu tamén xoguei de pequeno. Consistía nun aro de ferro que iamos levando cun guiadeiro. Chegabamos a facer competicións e todo!

Que agarda con esta obra?

Agardo aportar materiais de axuda para comprender mellor a cultura de onde vimos e valorar o que nos deixaron os romanos.

Unha viaxe no tempo á Roma clásica

 A vida diaria dos romanos é unha viaxe no tempo á Roma clásica para descubrirmos como vivían os seus habitantes. A través das páxinas deste libro, que percorre as distintas etapas da historia de Roma, asistimos ao nacemento dun neno ou nena, ao primeiro día de escola, aos seus enredos... Sabías que Roma foi fundada por un neno?

Libro (Xerais).

Libro (Xerais).