Para coñecermos como vivían as mulleres e os homes do pasado, os historiadores analizamos fontes moi diversas: desde achados arqueolóxicos e obras artísticas até gravacións e historias orais das nosas mais, avoas ou veciñas. Entre todas elas, moitos centramos as nosas pescudas nos testemuños escritos. Lemos e estudamos crónicas, diarios, libros, xornais, as leis da época que queremos coñecer e, sobre todo, numerosos documentos de diferente contido e natureza. Pensemos en textos notariais como compravendas, arrendamentos, doazóns ou testamentos, preitos xudiciais, libros de contas, cartas e un longo etcétera. Todas estas fontes permítennos coñecer os nomes das xentes do pasado, as súas actuacións cotiás, os negocios que emprenderon, as propiedades que tiñan, como se relacionaban entre eles ou, incluso, se sabían ler e escribir. Cada documento adoita darnos moita información e somos moitos os investigadores que podemos sacar bo proveito dun mesmo documento. Por iso, resulta fundamental descubrir novas fontes e, ao mesmo tempo, dalas a coñecer ao conxunto dos investigadores e da sociedade en xeral.

Investigar o pasado

Investigar o noso pasado é, dalgún xeito, coma emprender calquera investigación propia dunha novela negra: coñecer os feitos que tiveron lugar, os protagonistas, os porqués da súas actuacións, as consecuencias destas... Iso si, os historiadores non xulgamos o noso pasado. Non se trata de condenar a ninguén. Queremos coñecer as historias da nosa Historia, entender os feitos no seu contexto, talvez sacar pequenas ensinanzas, pois sempre se di que a historia é magistra vitae –desculpade o latinismo, non significa máis que “mestra da vida”–, mais non consiste en axuizar o que pasou nin os nosos devanceiros. Trátase, insisto, de coñecer e entender ese pasado –ás veces moi complexo e esvaradío– que explica como somos hoxe en día.

Trátase, insisto, de coñecer e entender ese pasado –ás veces moi complexo e esvaradío– que explica como somos hoxe en día

Para levar a cabo esta tarefa, que é o primeiro que precisamos? Localizar as fontes ás que me refería; é dicir, reunir probas para coñecer o mellor posible o asunto que queremos investigar. E onde están? No meu caso, moitas das fontes escritas que preciso para as miñas investigacións sobre a Galicia medieval consérvanse en arquivos –tanto públicos como privados– espallados polo mundo adiante: desde a propia Galicia até Rusia, pasando por Madrid, Toledo, Barcelona ou Nova York.

Busca de arquivos

A estes arquivos é preciso acudir –aínda que agora moitos xa nos dan facilidades para consultar desde a casa algúns dos seus fondos (e vós tamén podedes!)– co obxectivo de ler os diferentes pergamiños, papeis e manuscritos que, con varios séculos ás costas e moitas veces tras sobrevivir a incendios, inundacións, guerras, roubos e ao propio paso do tempo, hoxe son os que nos permiten coñecer como eran e como actuaban os nosos antepasados. Porén, houbo moitas máis fontes escritas que as que hoxe conservamos nos arquivos. Dalgunhas temos noticia a través de alusións indirectas ou incluso podemos coñecer o seu contido grazas a diferentes copias, cuxa fiabilidade é variable. É certo que abundan as referencias sobre a destrución de documentos e libros ao longo dos séculos. Daquela, debemos aceptar que hai fontes que se perderon para sempre! Pero, noutras ocasións, as “perdas” débense a roubos, traslados, extravíos involuntarios ou compravendas descoñecidas. Estamos, pois, ante fontes aínda non localizadas pero que poderían aparecer, xa que non hai certeza da súa destrución. Estarán nos nosos faiados? Podería ser, pois algunhas teñen aparecido certamente en casas particulares.

Tombo de Samos. Cuberta Arquivo Histórico Universitario de Santiago.

Tombo de Samos

Así aconteceu co Tombo de Samos, un manuscrito do século XIII no que os monxes do mosteiro lucense de San Xulián de Samos copiaron preto de 250 documentos que conservaban no arquivo monacal. Pois ben, este libro foi atopado “no faiado dunha vella casa, perto do Mosteiro, en Sarria”. Aínda que se sabía da súa existencia, o Tombo desaparecera durante os procesos de desamortización de bens monásticos que tiveron lugar no século XIX, coma moitos outros documentos e libros que custodiaban os mosteiros galegos. Daquela, pasou a mans particulares e perdeuse a súa pista durante máis dunha centuria. Non foi até a década dos oitenta do século XX cando o Tombo reapareceu, posibilitando así a súa investigación por parte de paleógrafos e historiadores. Esta redescuberta tivo lugar grazas a unha persoa ligada á familia propietaria, antigo alumno de filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, quen acudiu ao departamento de Historia medieval solicitando unha análise do manuscrito que caera nas súas mans. Foi así como se puido confirmar que se trataba do Tombo desaparecido; un manuscrito medieval que, afortunadamente, estaba ben conservado e que, de feito, constitúe unha das fontes máis empregadas para coñecer a Galicia dos séculos VIII ao XII. Finalmente, o Tombo de Samos foi adquirido pola universidade compostelá, en cuxo arquivo permanece desde 1984. Incluso desde tempos recentes pode consultarse directamente na páxina web do Arquivo Histórico Universitario de Santiago.

O boca a boca

Tamén hai moitas fontes das que realmente non temos noticia da súa existencia até que finalmente aparecen. Apenas hai uns meses, a raíz dun artigo que publiquei no xornal sobre a historia da miña terra, un veciño escribiume para dicirme que na súa casa tiña documentos antigos. Deste xeito tan casual puiden comezar a traballar un pergamiño de 1532, cuxo contido era completamente descoñecido e que serve para reconstruír con maior precisión o pasado da miña zona. Tamén accedín a dous documentos orixinais do século XIX outorgados pola raíña Isabel II, así como a diversas cartas e outros papeis que actúan de fiestra aberta cara ao pasado para coñecer a Galicia rural dos séculos XVIII ao XX. Todas estas fontes non estaban en ningún dos arquivos que teño visitado nas miñas pescudas como historiador, senón na casa dun veciño, Juan Pérez, quen, grazas á súa boa predisposición, contribuirá a que todos nós poidamos ter un coñecemento máis preciso da nosa historia. É un bo exemplo de como a xenerosidade do conxunto da sociedade pode axudar moito a que os historiadores avancemos nas nosas investigacións ao compartir as fontes que poden aparecer nos nosos faiados, armarios ou garaxes.

Aínda hai moitos documentos espallados polas nosas casas que poden constituír auténticos tesouros

É unha certeza que aínda hai moitos documentos espallados polas nosas casas que poden constituír auténticos tesouros para coñecer o noso pasado. Polo tanto, cada descuberta de “papeis vellos” pode converterse nunha oportunidade para atopar novas fontes coas que avanzar no coñecemento da Historia; unha Historia que non só é o relato dos grandes feitos, senón tamén a experiencia vivida no día a día polo conxunto da sociedade. Para min, cada pergamiño, cada papel solto, cada carta, cada escrito que chega ás miñas mans non é simplemente un papel doutro tempo que só ocupa espazo e non serve para nada. Non. É, ante todo, o testemuño directo dunha realidade histórica que, máis ou menos afastada no tempo, quero coñecer para entender mellor como eran, como viviron e como sentiron as mulleres e os homes que nos precederon.   

Buscar, sen medo...

É moi interesante e necesario subir aos faiados, sen medo, para ver se neles atopamos obxectos que nos poñan en relación co noso pasado persoal, familiar e colectivo. E non só falo de pergamiños e documentos de séculos atrás. Senón tamén doutros máis novos que, porén, evidencian os importantes cambios que están tendo lugar na nosa sociedade. As cartas das nosas avoas, ao mellor gardadas en caixiñas poeirentas, non son iguais cós nosos correos electrónicos actuais. As formas de falar e relacionarse eran moi distintas. Tamén as súas inquedanzas. Os detalles cotiáns que nos ofrecen eses documentos son fundamentais para coñecer un mundo que cada vez nos queda máis lonxe. Ademais, non só se trata de atopar documentos nos faiados. Alí tamén podemos ver roupa que nos fala da historia da moda, xogos e xoguetes que poñen de manifesto os cambios nos divertimentos, aparellos que mostran as mudanzas na historia da tecnoloxía... incluso vellos libros de historia que, se os comparamos cos nosos, poden servirnos para ver os cambios que se produciron no coñecemento do noso pasado grazas a diferentes descubertas e investigacións históricas.

En definitiva, os nosos faiados e rochos poden ser auténticos depósitos de fontes coas que recuperar as miles de historias que forman parte da nosa Historia. Así que xa sabedes: entre os papeis e trastes vellos que podemos ter neles poden aparecer auténticos tesouros para investigar e coñecer o noso pasado. Vaiamos ao faiado e investiguemos! Que fiestra cara o pasado imos abrir na nosa próxima visita ao faiado?

Miguel García-Fernández, técnico superior de actividades técnicas e profesionais. Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Galicia).