CIENCIA PARA O DÍA A DÍA. O CSIC RESPONDE

En que se parece unha folla de carballo a un taller de soldadura?

"Vaste sorprender con esta historia: imaxina unha tarde de verán e unha folla danzando ao compás do vento...", explica a científica Nieves Vidal

Ilustración de Nieves.

Ilustración de Nieves.

Nieves Pilar Vidal González/CSIC

Pecha os ollos uns segundos e imaxina unha tarde de verán e unha folla danzando suavemente ao compás do vento que vai de vagar por nunha carballeira. Parece a viva imaxe da paz e, por que non dicilo, ata da vagancia, non si?

Ata podes sentir un chisco de envexa, pensando que está toda a vida de vacacións...

Pero se puideras mirala cunhas gafas de moito moito aumento (digamos un millón de aumentos) ou mellor, se puideras facerte un millón de veces mais pequeno, poderías vela por dentro e atoparías algo moi semellante a unha fábrica de coches ou a un estaleiro. Unha folla non descansa nin un só segundo.

Que estou a dicir parvadas? Espera que che conte e xa me dirás despois se toleei ou non.

Estiveches algunha vez nun taller de soldadura? Cando tiña a túa idade eu pasaba todos os días ao lado dun, camiño do colexio. Era en Vigo, na rúa Buenos Aires, baixando á dereita. Daquela non había as medidas de seguridade de agora; a porta estaba sempre aberta e podiamos ver as chispas, que as veces saltaban á beirarrúa. Era un sitio ruidoso e non cheiraba moi ben, pero aquel chorro brillante capaz de fundir o metal e crear formas novas parecíame fascinante.

Pois iso mesmiño pasa no interior das follas, nesas cousas verdes con pinta de naves espaciais que se chaman cloroplastos. Só que en lugar de soldadores de gas ou electricidade os cloroplastos utilizan outro tipo de raios, os que veñen dunha cousa redonda que está a uns 150 millóns de km de aquí e que os galegos vemos as veces, cando dende as illas Azores nos mandan o anticiclón: os raios do SOL.

E en lugar de tuberías ou pezas para os barcos ou os coches, nas follas sóldanse os átomos das moléculas de auga e dióxido de carbono (o famoso CO2) para facer moléculas máis grandes.

Buf, cantas palabras raras... Estás a rañar a cabeza pensando que son as moléculas? Así entre nos, por poñer un exemplo, podes imaxinar que se os átomos foran letras, as moléculas serían palabras, ou incluso frases ou parágrafos no caso das mais longas. E o resultado é moi distinto segundo se combinen os átomos nas moléculas, igual que pasa coas letras e as palabras. Seguro que para ti non che é o mesmo ler “As Antípodas de Galicia están en Nova Zelandia” que “Anda, a gata Ninselín vende os zapatos de Alicia”, aínda que uses as mesmas letras.

Non é sinxelo facer novas moléculas. Os átomos están afeitos a ser o que son e non lles gusta que lles anden tocando os electróns e llos movan de sitio, os separen e os xunten de novo para ser outras cousas. Sonche ben teimudos e algo vagonetas. Pero as follas teñen moreas e moreas de operarios moi ben adestrados que fan o seu traballo cunha sincronización digna da mellor orquestra sinfónica do mundo, e fanos ir ao rego. A fama lévana sobre todo as clorofilas. Que non se chaman así porque teñan cloro (que non o teñen) senón pola súa cor verde. Hai uns 200 anos (xusto cando Beethoven estaba a escribir a súa novena sinfonía) os científicos que as descubriron decidiron poñerlles un nome grego, e así quedou a cousa (“chloro” en grego significa verde, e “fila” significa folla). As clorofilas son moi numerosas, e imprescindibles. O seu cometido é recoller a enerxía do sol e transformala en pequenas doses de enerxía química que vai servir para desfacer moléculas pequenas e facer moléculas novas máis longas.

Parece sinxelo pero ten os seus perigos... Imaxinas que es unha folla dun carballo (ou unha cerdeira, un castiñeiro, un grelo ou unha verza) e enredaches cos teus amigos, perdiches o bus, e tes que estar unha hora esperando o seguinte a pleno sol ao mediodía, un día de xullo, sen nada que te protexa? Non sei se peor que a insolación sería ter que apandar cos teus pais, que aínda te ían rifar por esquecer na casa o gorro, as gafas escuras e a crema, non si?

Afortunadamente as follas pensan en todo, e o mesmo que os soldadores levan un mono, guantes e unha especie de casco con pantalla, elas teñen carotenoides. Os carotenoides, aparte de ser moi bonitos (podes ver as súas cores amarelas, laranxas, etc. no outono, cando se desfan as clorofilas que os teñen agochados o resto do tempo) son fantásticos protectores solares para defender as valiosas clorofilas dos excesos da luz solar.

Todo este exército de operarios consegue manexar os disparos dos raios do sol, facendo que as teimudas moléculas de auga (H2O) se rompan e plis plas, aí che van os átomos de osíxeno (O) por un lado e os de hidróxeno (H) polo outro. Logo estes hidróxenos sóldanse aos carbonos (C) do CO2 e fan moléculas mais longas. E dirás, para que? Que gañamos con todo este traballiño de mover átomos de aquí para alá?

E eu dígoche...Ñam ñam...

Seguro que coñeces moi ben a primeira “molécula longa” que se fabrica nas follas coa luz (ou dito con palabras técnicas, coa fotosíntese). Vouche dar unhas pistas.... Estamos afeitos a vela en forma de finos graos brancos. Seguro que na túa casa a tendes en tarros (e nalgún paquete de reposto), para botar as tortas e sobremesas. Senón, podes ir a unha cafetería, onde cha dan en sobres para facer mais doces os tés e cafés. Eu bótolla as filloas (aínda que prefiro o mel, que xa a leva incorporada). Hai xente que non quere consumila para manter o tipo fino, e as persoas con diabetes teñen que ter un coidado especial coa dose.

Pois si, acertaches!! O azucre. Bueno, en realidade a glucosa, que xunto coa fructosa forma parte do azucre común ou sacarosa que consumimos normalmente. Rico, rico, non si?

Pero incluso se a ti non che gustan a cousas doces, precisas das follas para vivir. E non esaxero. Nadiña.

Sabes que desbotan as follas cando fan a glucosa? Lembras que os raios do sol rachaban a auga en osíxeno e hidróxeno, e os átomos de hidróxeno ían a soldarse co CO2 para construír a glucosa, non si? Logo, que será o que queda da molécula da auga, ese refugallo invisible pero esencial? Si si, acertaches de novo! O osíxeno!!

Na nosa folla de carballo, ao tempo que se fabrican doces a toda máquina, bótase osíxeno ó aire! E non queda aí a cousa. Coa enerxía que se captou da luz e que está almacenada nas moléculas, vánselle engadindo mais e mais átomos do mais variopintos, como o xofre, o fósforo, o nitróxeno.... Un non parar! E así, soldando e soldando, na nosa carballeira, tan traballadoriña ela, vaise producindo osíxeno, captando CO2 (defendéndonos do cambio climático), e fórmanse unha morea de moléculas esenciais para a vida.

É certo que non só as plantas fan estas marabillas. As algas e moitas bacterias pasan os seus días soldando coa luz e facendo posible a vida na terra. Hai moitos seres cheos de misterios que podemos descubrir da man da ciencia. Espero que pronto ti nos axudes a coidar e a entender mellor este marabilloso mundo!

Nieves Vidal González é Científica Titular no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, do CSIC. 

Nieves Vidal (IIAG-CSIC).

Nieves Vidal (IIAG-CSIC).