O profesorado participante reúnese por videoconferencia. Dirixen a sesión varias profesionais nestes momentos no CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación). Son tres horas de formación (en cada unha das sesións) pero un tanto atípica: son os propios asistentes os que van montando o relato. O tema desta sesión é ‘Proxectos multidisciplinares’, e teñen o reto de aprender a traballar deste xeito.

Os propios profesores e profesoras, mestres e mestras, especialistas, de distintas etapas educativas traballando en conxunto e, á súa vez, divididos en subgrupos cun coordinador cada un deles, tipo obradoiros. E dos protagonistas parten ideas: “os alumnos e alumnas sempre esperan que lles deas algo concreto e definido pero neste caso pode non terse claro ao principio e ir concretando o tema, falando”. Os alumnos/as como centro do proceso e o profesor como guía. “Se consegues a implicación das familias é un éxito asegurado, sempre é así”, apunta outro dos docentes participantes, pola súa experiencia nas aulas.

A xeralización e hábito no uso das pantallas neste tempo Covid, tanto para impartir clase como para contactar con distintos colectivos ou organizar charlas sexan profesionais ou con amigos, e a dificultade para reunirnos debido ás restricións sanitarias, fai que cada vez sexan máis habituais estes encontros online independentemente do tema, da finalidade ou do colectivo. Salvan distancias e en moitos casos son un formato de encontro ideal. Tanto para crear un videoxogo, ou un xogo de mesa, unha guía para un claustro, un repositorio….. Neste caso son docentes congregados nunha especie de formación online, que máis que formación, segundo conta o propio CAFI, é obradoiro online, xa que os docentes do centro de formación que guían aos profesores apuntados a dito experimento formativo, simplemente son “facilitadores”. Facilitan, guían aos participantes na aprendizaxe e os docentes aprenden novos xeitos de traballar na clase, de ensinar. Aprenden a ensinar. Ensinan a aprender. Conceptos cada vez máis vinculados neste novo xeito de entender a docencia, na que se aprende experimentando. Son máis de 30 os docentes que participan neste encontro formativo virtual. E son cinco xornadas de tres horas cada unha delas, “traballando de xeito virtual”, segundo explica Diana Pastoriza, do Departamento de Innovación do CAFI. Os 30 docentes son de todas as etapas formativas, dende Infantil ata Secundaria e FP e incluso Orientación e PTs. As cinco xornadas están anotadas no calendario, para que os participantes poidan planificar.

Calendario das xornadas

“Eles e elas só precisan achegar o seu correo electrónico para participar na videoconferencia. A partir de aí son os propios docentes os que poñen en marcha a súa creatividade para resolver as tarefas que se poñen nos obradoiros. A partir do que eles precisan e van falando e traballando nós tamén nos facemos unha idea das ferramentas que precisa a comunidade docente e os centros educativos en xeral para realizar os seus proxectos”, apunta Pastoriza, que engade que é a primeira vez que se organiza unha formación deste tipo. Guían tamén a estes grupos de docentes que practican estratexias innovadoras Saleta González, do Departamento de Innovación do CAFI; Alicia Eizaguirre, do Departamento de Linguas, e Conchi Fernández, do de Aula Nova.

CALEIDOSCOPIO COMO LEMA: CADA DOCENTE ACHEGA O SEU GRAN DE AREA

Esta nova versión de formación de docentes titúlase “Olladas caleidoscópicas. Un proceso de colaboración virtual”. “Son miradas caleidoscópicas porque cada participante achega a súa visión, ideas ou opinión, de xeito que é como un caleidoscopio, con todas as pezas que levan a un todo”, apunta Pastoriza.

E que retos poñen os facilitadores para esta serie de sesións virtuais? Crear un proxecto multidisciplinar é un deles (traballo colaborativo, dende varias materias traballando conxuntamente); conseguir feedback efectivo é outro dos retos e o terceiro céntrase na avaliación para a aprendizaxe.

Persoal do CAFI participou, como alumnado, nunha formación da Fundación Cotec (La escuela, lo primero) que precisamente tiña esta estructura ou esquema. “Agora trasladámola ao contexto galego adaptándoa e facendo nós de facilitadoras”, afirma Diana Pastoriza.

TORMENTA DE IDEAS EN REMOTO, RITMO ÁXIL E POSTA EN COMÚN

“Trabállase en remoto e é moi áxil. O ritmo de traballo é rápido, de posta en común, de compartir, de crear”, apunta Pastoriza, máis alá de formacións máis teóricas e de longa duración, sen demasiada parte práctica. “Non lle ensinamos, aprenden de xeito indirecto. E xuntos, crean. De feito a primeria sesión foi de cohesión de grupo”, engade Diana. No caso dos proxectos multidisciplinares melloran o ambiente dos centros, con vínculos entre os profesores, e tamén co alumnado. “O entusiasmo nótase nos rapaces, que trasladan a emoción ás familias. O proxecto multidisciplinar consegue crear unha atmosfera moi positiva e involúcranse distintos axentes: escola, familia, contorna...”, engaden.

Un momento da sesión onlin celebrada hai uns días.