Empezaba como unha experiencia pioneira no Instituto de Educación Secundaria Alexandre Bóveda. Por que non explicar educación afectivo-sexual entre iguais? De ti a ti. Un foro no que conversen mozos e mozas da mesma idade, de xeito desenfadado, sen ‘corte’ nin pudor para preguntar nin para explicar. Máis alá das valiosas explicacións das expertas no tema, por suposto. Sen dúbida este foro entre iguais achegaría máis os temas ao día a día e nel resolveríanse cuestións que quizais noutro contexto resultarían máis complicadas. Así foi: no ano 2010 nacía o ‘Comando Igualdade’, dirixido ou, mellor dito, impulsado pola catedrática de Filosofía e especialista en temas de xénero Mercedes Oliveira, máis coñecida como Chis. O seu alumnado, que recibira previamente formación en temas de sexualidade, afectos, diversidade ou feminismo, estaba preparado para estender a súa experiencia a estudantes doutros institutos e lugares. A súa creadora, Chis Oliveira, obtivo numerosos galardóns por esta iniciativa. Precisamente esta fin de semana recibía o máis recente, concedido no III Congreso Internacional Clavico por expertas en xénero. Un premio á traxectoria por defender e introducir a educación afectivo-sexual na docencia alá por 1986.

Oliveira con profesoras e exalumnas que continúan co Comando Igualdade R. Grobas

O espírito do comando callou. Tanto que ten dignas sucesoras que se encargan de continuar coa explicación dos conceptos en distintos institutos e actos. Hai relevo xeracional e sobran herdeiras. Priscila Retamozo Ramos é unha delas. Foi alumna de Chis Oliveira entre os 14 e os 17 anos no IES Alexandre Bóveda, tamén chamado Coia 2. Hoxe Priscila ten 27 anos. Estudou Ciencias Políticas en Santiago de Compostela e un Máster de Xénero na Universidade de Málaga. É formadora de xénero. Que casualidade! Elixiu este camiño para a súa vida profesional. “Evidentemente a profesora Chis Oliveira deixou unha pegada persoal e profesional moi grande en min.Tanto que me dedico a isto! Fíxome ver a realidade dende outra perspectiva, eu creo. E esa mirada valeume para darme conta de moitas cousas. Por exemplo, na carreira non había perspectiva de xénero. Hai grandes políticas, investigadoras e expertas e non se mencionan”, comenta esta moza. Cre que é necesario seguir loitando pola igualdade: “avanzamos, é evidente, pero seguen existindo agresións, violencia de xénero e aínda nos miran con outra vara de medir por sermos mulleres”, comenta Priscila, nada en Arxentina e veciña de Vigo dende pequena. Considera que hai un baleiro importante no tema da educación sexual. “Chégase tarde aínda e cun discurso moi atrasado para o que está pasando”, engade Retamozo. Chis e Priscila preparan, precisamente, un libro sobre o Comando Igualdade, co gallo do décimo aniversario. Unha década de vida.

“É interesante que a formación se poida impartir entre iguais, non só por parte de xente experta ou docentes. Así, con esa proximidade na idade, os referentes son comúns e os conceptos chegan máis, ou mellor"

Foto preCovid dun dos encontros do comando FdV

“É interesante que a formación se poida impartir entre iguais, non só por parte de xente experta ou docentes. Así, con esa proximidade na idade, os referentes son comúns e os conceptos chegan máis, ou mellor. Hai referentes comúns de series, películas, literatura, acontecementos que teñen lugar nas redes sociais... A capacidade de influencia e de persuasión que conleva trasladar a xente do comando a un instituto é enorme”, expresa Chis Oliveira, quen lembra que agora é a profesora Ana Álvarez a que dinamiza estes temas no instituto.

Comenta Oliveira que se crea un espazo de sororidade no que as mulleres se senten respectadas e encontran apoio “máis alá da rivalidade na que nos educa a cultura patriarcal”, apunta Chis. Entenden conceptos e cousas que lles pasan. Establecen contactos en redes.

Foto de grupo nunha das charlas do comando. (antes da etapa Covid) FdV

Te puede interesar:

“En moitas cuestións é como se lles quitara a venda dos ollos. De feito moitos alumnos din: eu pensei que o feminismo era outra cousa. E temos mozos que expresan, unha vez comprendido o termo: pois eu son feminista. Ademais, hai moitos rapaces que tampouco están cómodos coa forma tradicional de vivir a masculinidade; con ese grao de esixencia que ten o grupo sobre ti. Ter sempre a última palabra, ser forte, infravalorar as rapazas, medo de non estar á altura… No comando hai rapaces moi solidarios, aliados do feminismo e moitos nin o pensaran”, apunta Oliveira. Trátase de entender como dende o feminismo se atende a toda a diversidade, a toda a sociedade.

As protagonistas desta reportaxe no IES Alexandre Bóveda R. Grobas