Que é o que máis está custando na organización diaria?

-Calquera principio de curso ten as súas complexidades. Este ano, hai que engadir un terceiro trimestre no que os alumnos/as non pisaron a aula. Foron, para moitos, demasiados meses. Sen unha familia que titorice ao seu fillo/a, que o acompañe na adquisición de coñecementos, recuperar ese tempo non é doado. A nosa responsabilidade é trazar o mellor camiño para que ese lastre desapareza.

-Teñen desdobres?

-Sí, en Secundaria hai desdobres. Aquí o problema é que a Xunta permitiunos a última hora. Moitos centros, coma se tiveran unha espada de Damocles enriba, non sabían, xa non a escasos días senón a escasas horas de comezar, se poderían facer eses desdobres ou non. A alternativa, mercar mamparas, por exemplo, era unha medida difícil de levar a cabo. Hai tempo que os centros solicitan unha baixada da ratio. Estes desdobres van a ser un bo exemplo das vantaxes de baixar o número de alumnos por aula.

-Aguantan as aulas burbulla, sen que se mesturen os alumnos e alumnas?

-Sí, o certo é que os alumnos estanse portando de dez. Eles non se queixan. Manteñen distancias de seguridade, levan a mascariña todo o tempo que se lles esixe, e permanecen no seu grupo a pesar das ganas que teñen de falar ou xogar cos de outras clases.

Iso si, os grupos burbulla só teñen sentido se fóra do centro iso se mantén. De nada serven se ao saír pola porta uns van a casa dos outros, ou se mesturan no parque para xogar.

-E nos espazos conxuntos, recreos e iso, mantéñense as distancias?

-Si, interactúan cos da súa clase, co seu grupo, non cos demais. Un dos labores dos mestres é que non o fagan, pero tampouco hai que repetilo moito. Os nenos están máis que concienciados sobre o coronavirus e sobre a importancia das medidas individuais.

-Como levan os rapaces o tema mascariñas?

-Como dicía, os que nos queixamos somos os adultos. Os rapaces entenden que esas medidas son necesarias e xa está. Nunha ampla maioría non hai queixas. Quizais puntualmente, en situacións concretas, pero lévano ben. A mascariña pasou a formar parte do seu vestiario e non cuestionan o seu uso.

-E os docentes o tema da afonía?

-A mascariña obriga a forzar a voz para que un sexa escoitado. Ao longo de varias horas, a gorxa reséntese e un comeza a padecer afonía. Témome que será a tónica habitual nas vindeiras semanas. Sen contar coas aulas ventiladas e as correntes de aire que iso provoca. Vai ser un curso de abrigarse.

-En que nota máis dificultade na organización no día a día?

-A maior dificultade penso que foi o desconcerto dos pais e nais nas primeiras semanas do curso. Os cambios de protocolo e as incertezas das autoridades educativas non axudaron a facer deste comezo de curso algo sinxelo. Aínda hoxe, sobrevoa a posibilidade dun confinamento en calquera momento. Seremos capaces de estar á altura dunha educación telemática de calidade? Nalgún caso supoño que non. E iso as familias non o van a entender. O primeiro confinamento pillounos a todos de sorpresa, agora xa non temos esa escusa. Despois destes meses, as dificultades deben estar superadas. O problema reside en facer a educación online fácil, tanto para os alumnos como para os pais e nais, para que cando chegue o momento, e desexo que non chegue, ningún neno/a quede atrás.

Debo engadir tamén que para os mestres esta situación tamén resulta unha sobrecarga de burocracia. Entendo que unha sistematización dos procesos é necesaria, pero creo falar en boca de todos cando digo que agora mesmo o que queremos é simplemente dar clase, estar con estes rapaces que levan seis meses lonxe da escola e acompañalos emocionalmente neste retorno á normalidade.

"Os nenos sempre sorprenden pola normalidade con que se enfrontan a situacións novas. Para eles, a súa escola é a súa escola. Con mascariñas ou sen elas. O desexo de aprender segue aí, de rir cada día e xogar cos seus compañeiros, de volver a unha rutina na que se ven cómodos. Iso é o que sorprende. Para eles a vida continúa, non hai cambios"

-Que medidas cre que mellorarían a situación actual e que non foron tomadas?

-Deixáronse moitas medidas para última hora. Desperdiciáronse uns valiosos meses nos que se poderían ter plantexado todos os escenarios posibles á chegada de setembro. Fixéronse moitas cousas mal e fixéronse, en moitos casos, pola presión dos centros.

Organizar un curso coma este nestas circunstancias é difícil, ninguén o nega, pero penso que faltou diálogo entre as institucións e os centros, e faltou tamén ollar para os países do entorno para ver que medidas tomaban, e que nalgúns casos están obtendo bos resultados.

-En que momentos hai máis confusión?

-No día a día? Todo é cuestión de organización. Despois dalgúns días, tanto polo centro como polas familias, os protocolos quedan claros e establécense rutinas que todo o mundo segue. Iso evita confusións e fai que a xornada sexa máis sinxela.

As familias deben entender que todas as medidas que se tomaron foron en beneficio dos seus fillos e fillas. Ás veces danse circunstancias difíciles, como os cambios de horarios, pero son medidas que se tomaron non por capricho senón porque foron necesarias. Neste curso, cómpre que todos fagamos un esforzo tendo presente que o importante son os nenos.

-Teñen profesorado de reforzo?

-No meu centro, o Divino Salvador, tomáronse medidas para priorizar a saúde dos alumnos e alumnas, a súa seguridade. Establecéronse quendas de entradas e saídas, por diferentes portas segundo a idade; quendas tamén no comedor, protocolos de limpeza de mans… Todos os membros da comunidade educativa traballan xuntos para que o día a día sexa máis fácil, sobre todo para os nenos. Son circunstancias especiais e esixen de todos nós unha grande responsabilidade. E un dáse conta de que paga a pena todo o esforzo cando chegan os rapaces pola mañá á aula cun sorriso nos beizos. O cole é como a súa segunda casa, e así debe ser.

Para o profesorado esta situación abriga a un traballo rigoroso que en moitos casos nada ten que ver co simplemente académico. E compaxinar isto coa asfixia dunha burocracia que a Xunta impón non deixa un respiro. Esperemos que pouco a pouco vaiamos volvendo a un ritmo máis normal.

-En canto aos síntomas.. en caso de detectalos. Como proceden?

-Estableceuse un equipo Covid que vela polo cumprimento do protocolo seguindo as directrices da Xunta. Como dicía antes, quizais cun exceso de burocracia, pero facendo todo o necesario para, atopando a algún alumno/a con síntomas, protexer a súa saúde e tamén a saúde dos seus compañeiros e os docentes que lle dan clase. Os pasos a dar están moi claros e foron comunicados ás familias. Todo o mundo está concienciado.

-Como levan o tema de dar os contidos que quedan pendentes e combinalo co novo temario do curso?

-Academicamente, non se pode negar que o terceiro trimestre pasou factura aos rapaces. Resulta evidente que a educación telemática non pode suplir a educación presencial. Eses contidos pendentes incorpóranse ao novo curso coa intención de todos os mestres, de recuperalos e que o alumnado poda seguir o seu ritmo de aprendizaxe. Este ano, o traballo de facer a programación do curso debe ser máis minucioso que nunca, e debe basearse no diálogo entre os mestres do curso anterior e os deste. Da súa coordinación sairá o mellor camiño para que os nenos recuperen todo aquilo que perderon e cheguen a alcanzar con éxito os estándares de aprendizaxe do seu curso.

-Algo que lle acontecera no que vai de curso e que non soubera solucionar…

-Para que a educación funcione debe tecerse unha rede entre toda a comunidade educativa. A colaboración familia-escola é esencial. Remando xuntos, non haberá problema que non se poida solucionar. De momento, todo segue o seu curso, o rumbo trazado. Non sabemos que nos deparará o futuro inmediato, pero estamos facendo un gran esforzo en que nos pille preparados.

-Algo que sexa máis doado do que vostede pensaba…

-É fácil esquecerse destes meses estraños. Na aula, cos alumnos cheos de curiosidade e enerxía, queda atrás a distopía na que estivemos mergullados no final do curso anterior. Sei que botarei de menos nos vindeiros meses moitas cousas: as saídas con eles, as celebracións compartidas con todo o centro… pero aínda así estou seguro de que será un curso marabilloso. Nada me fai pensar que non o será.