Libros

Libros recomendados da semana

Libros recomendados da semana en Faro da Cultura.

Libros recomendados da semana en Faro da Cultura. / FdV

VV.AA.

Testemuñas de Putown

Curiosamente boa

Iago Fernández

Putown é unha cidade autoxestionada por unha estirpe de prostitutas que están a ser asasinadas. Unha sucesión caleidoscópica de monólogos da conta da situación, dos afectos, a política e as vidas das prostitutas e dalgunhas personaxes obvias (policías, doutores, asasinos). A nouvelle recorda case que inercialmente á “A parte dos crimes”, o eixo de 2666, a novela capital de Roberto Bolaño, onde un policía investiga a superabundancia de feminicidios en Santa Teresa, un trasunto de Ciudad Juárez. As estruturas da nouvelle e de “A parte dos crimes” son fragmentarias e ambas obras vencellan o código da narrativa co da poesía, no caso de Bolaño, reiterando anaforicamente as descripcións forenses, no caso de Pedreira, mediante acesos de sobrecarga lírica que ás veces parecen exemplos de neobarroco cubano: “con ollos pesados coma bólas de metal que pendurasen dentro dunha gasa delicadísima, e que son de pel tan fina coma as sabas do teatro negro (brancas), sombras pequinesas por tras dun veo mol como o pétalo da camelia” (páxina 9).

Tamén procedería emparentar a nouvelle con boa parte da obra de Vollmann, obsesionado coas prostitutas e a morbilidade, pero o certo é que a concepción da escrita e a voltaxe ideolóxica feminista emparéntana máis ben con certas obras de Virgine Despentes ou Kathy Acker nas que o pronunciamento literario é inseparable do pronunciamento político. A valoración deste tipo de novelas é problemática e impón mudar á primeira do singular. Ao meu ver, son produtos underground que acadaron sona literaria nun contexto de recepción, o dos noventa, onde a provocación punk e as estéticas salvaxes adquiriron valor de cambio. No eido da literatura non aportan máis novidade cá de dramatizar grotescamente as sensibilidades políticas das autoras; no eido da crítica cultural só aportan o retrato dunha sensibilidade de época que xa esgotou o seu sentido. Na actualidade, porén, publícanse certas obras que, malia continuar o ronsela de Despentes e Acker, posúen unha forza retórica e inventiva propias que lles outorga valor de uso a nivel literario.

Un deses casos é A boca de sombra, peza de ourivería que roza o experimental pero que se le con fluidez desaxeitada. Os monólogos están cheos de feitos escabrosos atípicos ou recreados con xeito, e a multiplicidade de rexistros e perspectivas dálle pleno sentido a unha narración, nunca mellor dito, esfarelada. Ilústrase convincentemente, pois, o dictum de Bolaño segundo o cal escribir ben consiste en “saber meter a cabeza no escuro, saber saltar ao Baleiro”.

O imaxinario non é orixinal, mais coma artefacto literario, a nouvelle funciona.

Imagen

A boca da sombra

Autor: Emma Pedreira

Editorial: Aira Editorial

PVP.: 15,20 €

Nº de páginas: 104

Si, es vella

Apócema lectora revitalizante

Pilar Ponte

Beatriz García Turnes encóntrase co público adulto a través das páxinas de Comando Sintrom: un libro de contos de vellas. Si; de vellas, pero non como estás pensando, porque Turnes contradí o que un agarda e converte os relatos nunha apócema lectora revitalizante que reconforta e anima a vivir: a ti que si, es vella, e tamén a ti, teñas a idade que teñas.

Este monllo de sete relatos e un minirrelato achégase á realidade de mulleres na súa vellez: mulleres concretas que podemos atopar en cada rúa ou camiño e que viven circunstancias perfectamente recoñecibles máis ou menos propias da súa idade, aínda que non sempre.

Atopamos a sororidade como un valor especialmente presente en varias historias como no primeiro relato entre Lola e Carme “Ti axúdasme a min e eu axúdoche a ti e unha coa outra imos tirando”. O marabilloso penúltimo conto “A asociación” é unha homenaxe ao asociacionismo nado nos anos setenta e ás mulleres que durante medio século foron asumindo as diferentes loitas socio-culturais de cada década e que hoxe se axudan mutuamente a autorrecoñecerse nese, si, es vella, de corpo e de espírito, e xa está, e agora ollemos cara ao futuro.

O tempo é o gran tema que circula en silencio por todas as historias: o labor que nos leva a tomar decisións porque queremos xestionar libremente as últimas decisións que podemos tomar, ben sexa para vingarnos a través dun testamento, ou ben para superar desavinzas do pasado e poder estar en paz con aquelas persoas a quen queremos. A autora sérvese dunha ollada dende o exterior do mundo da vellez para nos amosar os prexuízos e os erros que cometemos ao contemplarmos os nosos maiores como persoas vidas a menos.

Turnes aplicoulle o Sintrom ás súas letras e así como o fármaco serve para manter o sangue líquido, o seu estilo lixeiro lévanos dunhas páxinas a outras e circulamos polas diferentes historias dunha maneira fluída libres de todo atranco nunha prosa que nos envolve en cada unha das historias. Outro reto superado pola autora é o de manterse no límite do humor fino que nos provoca o sorriso mantendo a identidade das súas personaxes sen a necesidade de ridiculizalas para conseguilo.

Comando Sintrom é un libro que despois de ler quererás conservar e ademais tamén pode ser para quen o reciba un agasallo entrañable.

Imagen

Comando Sintrom

Autor: Beatriz García Turnes

Editorial: Galaxia

PVP.: 13,96 €

Nº de páginas: 108

 

Unha haxiografía familiar

As pegadas cara ao éxito

Fabio Rivas

“Falar de Avelino é referirse ao don, esa variña máxica coa que certas persoas son agasalladas polos deuses, como se fosen merecedoras naturais do bo saber e o ben obrar.”

Moita satisfacción debeu sentir Antón Seoane (Ferrol, 1949) unha vez rematada a escrita deste Avelino Cabezas e os seus irmáns; aínda moita máis, intúo, logo da súa primeira lectura ao texto íntegro. Así e todo, non creo que tan sequera se aproxime á satisfacción que sentiría o mozo Avelino Cabezas García, de trece anos, embarcado co ollo posto no Uruguai, de saber que tanto a súa historia como a dos seus irmáns acabarían sendo o xermolo dunha obra literaria, ademais producida co orgullo dun seu descendente. Desde a partida do irmán maior a América do Sur, Ramón, Emilio, Remedios e Paulino deixaron Narón seguindo o seu ronsel. O ano en que Remedios emigra á Arxentina coincide coa data fundacional da Casa A. Cabezas, que co tempo contaría con centos de traballadores. Ela foi a única que regresou e fixo vida na terra natal.

Máis alá do relato sobre os irmáns, construído con pulcritude, axilidade e cun compendio léxico axeitado, cómpre destacar a vizosa bibliografía en que o autor se apoia para conferirlle veracidade absoluta, así como as achegas gráficas que clausuran o libro. Velaí, nos anuncios dos catálogos, algúns encabezados polo rostro de Avelino, no seu nome en letras capitais a comezos do século XX na bonaerense rúa Cuyo 546 ou na feitura da fachada da casa Libunca, xace o éxito acadado pola saga nun tempo de fame e pobreza.

En definitiva, Avelino Cabezas e os seus irmáns, publicado na colección Memoria da Editorial Galaxia, é de seu un refuxio onde gardar a memoria individual e colectiva do pobo naronés.

Imagen

Avelino Cabezas e os seus irmáns

Autor: Antón Seoane

Editorial: Galaxia

PVP.: 25 €

Nº de páginas: 322

A forza da imaxinación

Revitalizarse, renovarse, repoñerse

María Navarro

A estrea de María Oruña no eido da literatura infantil con O tren fantasma é unha moi boa noticia para a cativada que poderá ler, grazas á tradución de Anaír Rodríguez, o texto na nosa lingua e percibir que a imaxinación pode converterse nunha facultade capaz de facer sentir mundos diferentes nos que é posible soñar, é unha forza marabillosa, variable, incoercible quizais do corpo, quizais do espírito que se se goberna é unha ponte entre o mundo físico e o intelectual.

Ao comezo da narración coñecemos a Alan, un neno de seis anos, louro e delgado ao que non lle gustaba durmir porque consideraba que era perder o tempo, ata que seu pai, botando man do pasado, agasállao cun conto vellísimo que no seu interior gardaba un billete de tren para unha viaxe fascinante que o pequeno ía vivir coa maior das intensidades, porque o que alí se contaba era sinxelamente fantasmal: paisaxes marabillosas, unha tormenta, escuridade, o Castelo de Monteilhet, xustas medievais e volta á realidade amenizan a noite do protagonista e amosan que o sono e o soño emparellan perfectamente no universo infantil e permiten a creación dun mundo paralelo onde tamén se aprende, se coñecen persoas e se senten emocións que han servir para medrar, dado o seu rol fundamental na boa saúde e no benestar, ademais de que incrementa a creatividade e ofrece a posibilidade de revitalizarse, renovarse e repoñerse e abofé que en Alan se cumpren todas estas funcións tan necesarias para o ser humano e máis, se cabe, para os pequenos.

Pola súa parte, as delicadas ilustracións que realiza Ana Zurita trasladan o lector a un mundo de ensoñación onde todo é posible: que aparezan e desaparezan realidades se con iso se crea unha ficción ilusionante.

Imagen

O tren fantasma

Autor: María Oruña (Ana Zurita, ils.)

Editorial: Xerais

PVP.: 11,87 €

Nº de páginas: 80

Suscríbete para seguir leyendo