Entrevista | Ignacio Vilar Director de cine

“En A esmorga fixen o cento por cento do que quería facer”

Dez anos despois da estrea, a Ignacio Vilar ocorréuselle conmemorar a efemérede facendo proxeccións da película en varias cidades e vilas galegas. O resultado? Pois que tanto a novela orixinal de Eduardo Blanco Amor como a súa versión cinematográfica aínda seguen emocionando o público

Ignacio Vilar, estes días en Vigo.

Ignacio Vilar, estes días en Vigo. / Elías Regueira

A esmorga foi unha das primeiras películas en galego que tivo éxito incluso fóra de Galicia. Agardaba esta acollida cando a estaba facendo ou pensaba que só iría interesar en Galicia?

–Antes de comezar a rodaxe, reunímonos e illámonos durante quince días pechados a todo o equipo técnico e artístico que ía participar para concentrarnos na película que queriamos facer, e abofé que saímos de alí con todas as enerxías e dispostos a zafar canta dificultade se nos puxera diante. E xa en plena rodaxe, fomos descubrindo todos que tiñamos unha boa historia, unha grande historia que contar. Ao rematar, fixemos varias proxeccións previas á estrea, e en todas elas confirmamos que tiñamos unha película que ía emocionar a xente. E cando tivemos iso seguro, incluso pedimos un crédito a un banco para promocionala por todas partes con carteis; nese senso, estabamos copetindo en igualdade de condicións coas películas norteamericanas. E menos mal que nos resultou ben! De feito, conseguimos, por primeira vez, proxectar a película en salas de cine multinacionais, porque sabían que a xente estaba a responder moi ben. E a min iso deume moita esperanza.

–Cre que hai un antes e un despois de A esmorga no cine galego?

–En promoción e cifras de taquilla, dende logo que si. Agora estou vendo como películas como a de recente estrea, As Neves, seguiron os nosos pasos, porque A esmorga abriu ese camiño, porque demostrou que o cine galego si pode competir conn calquera outro do mundo.

–Adaptar ao cine a novela de Eduardo Blanco Amor foi un reto. Cales foron as maiores dificultades técnicas para trasladar o texto orixinal e facer o guión?

–A dificultade máis grande era a de reflectir a atmosfera da novela, porque a que describe Blanco Amor é unha atmosfera de inverno, chuvia, néboa, frío… Canto ao guión, hai que recordar que a novela é un monólogo, e nós tiñamos que introducir diálogos que, ademais, fosen fieis a como se falaba en Ourense nos anos 60. E niso teño que destacar que foi fundamental o escritor Bieito Iglesias.

–Vista con dez anos de distancia, que considera que ten a película que deixou pegada en case todos os que a miraron?

–A pegada estriba en todo iso do que estamos a falar. Como está rodada, como está realizada, como logramos trasladar a atmosfera ambiental de Blanco Amor, como recreamos o Ourense daquela época…Todo iso trascende, entra no espectador e provócalle a emoción.

–Conmemorar o décimo aniversario cunhas proxecions é algo que non se adoita facer. Por que decidiu Vde. celebralo así?

–Ao longo destes dez anos teño ido a institutos nos que propoñemos unha actividade desde Vía Láctea Films, á que chamamos “Cine e Literatura”, que consiste en pedirlles aos profesores que preparen as preguntas e logo proxectamos a película. E funciona moi ben, porque despois dunha década, diferentes xeracións de rapaces seguen amósandose emocionados con A esmorga. Iso demostra que A esmorga aínda continúa viva a través da novela e da película, de maneira que comprobando que o filme segue chegando ao público, ocorréuseme volver aos cines para proxectala outra vez, e ademais facelo no entorno do Día das Letras Galegas.

–Un pouco de “autocrítica”, se pode ser... Se puidese cambiar algo da película que hoxe non o convence, que sería tal?

–Non, non cambiaria nada. A esmorga é una película na que conseguín facer o cento por cento do que quería. Era xa a miña quinta longametraxe, pero decateime de que todo o que rodara antes me resultaba necesario para enfrontar o reto de levar ao cine a novela de Eduardo Blanco Amor. Era unha película que eu quería facer desde a adolescencia, e iso que daquela, no colexio de curas no que eu estudaba, a novela estaba prohibida.

–Como foi a súa relación cos actores protagonistas e cal é a súa relación, en xeral, cos actores e actrices que dirixe? É Vde. dos directores que esixen o cumprimento ríxido do guión ou dos que deixan espazo para que os intérpretes sexan creativos?

–A min, unha das cousas que máis me gusta do cine é que é un traballo colectivo. Certo que hai un camiño fixado (reflectido no guión) pero dentro dese camiño hai aportes para a creatividade. E iso no vai só polo reparto actoral, senón por todo o equipo técnico, de vestiario, de decoración, de fotografía…

Ignacio Villar. A Esmorga. Diez años después del estreno, Ignacio Vilar pensó en conmemorar el aniversario proyectando la película en varias ciudades y pueblos gallegos. ¿El resultado? Porque tanto la novela original de Eduardo Blanco Amor como su versión cinematográfica siguen entusiasmando al público ©EliRegueira. Mayo de 2024

Ignacio Villar, co cartel d'A esmorga". / Eli Regueira

–Un dos actores que mellor saíron parados da película foi Antonio Durán “Morris”. Por que quixo ter a Morris en A esmorga e por que lle asignou precisamente ese papel, o do personaxe do Milhomes?

–Para a elección do reparto, estiven como catro meses facendo probas con actores de toda Esaña, tanto vellos como maiores. Desas probas, ao final quedaron Morris e Miguel de Lira….Pero faltábame o actor que dera vida a O Bocas, ata que logo pensei en Karra Elejalde, chameino e. malia que ao principo me dicía que era reacio porque non é galego, convideino a vir a Petín, falamos, comemos e… convencíno. E resuta que os diálgos en galego, mallounos. Ao personaxe de Morris, Milhomes, traballeino porque quería que esa relación amorosa que ten co Bocas se amosase,pero de xeito moi sutil, porque ao cabo é unha relación de amor tráxica.

–Qué outra grande obra da literatura galega lle gustaría levar á pantalla?

–(Risos) Haina, pero aínda non me puxen nela. É Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas.De feito, coido que esa é unha materia pendente do cine galego, non só miña.

Suscríbete para seguir leyendo