Teatro

A Bernarda de Jose Prieto

Memoria da violencia e da submisión

Luísa Marelas no papel de Bernarda.

Luísa Marelas no papel de Bernarda. / FdV

Manuel F. Vieites

A literatura constrúese, en boa medida, con personaxes que se vinculan con situacións, conflitos e valores e, por tanto, con ideoloxías que son formas de ver e querer a vida, o mundo e as outras persoas e por iso os nomes de certos personaxes ocupan as capas de tantos libros, de Medea a Fausto. Uns son ficticios e outros teñen unha dimensión histórica, inda que sempre haxa un referente real, pois a realidade é o alimento da imaxinación, en tanto aquela é a única fonte de información. Hai personaxes que nos acompañan desde o inicio da historia literaria, como poida ser Antígona, mesmo con outros nomes. Outro é Bernarda, pero tamén o son Yerma, Perlimplín ou Doña Rosita, unha mostra da vontade universal, cunha cerna local evidente, que atesoura a obra dramática dun dos máis importantes dramaturgos do século vinte.

Bernarda é o personaxe que dá titulo a unha das pezas que se inclúen no volume Cinco pseudocomedias, publicado por Xerais e do que é autor Jose Prieto. Unha peza que nos fai lembrar aquela magnífica traxedia que Federico García Lorca titulou La Casa de Bernarda Alba (1936), que tan ben describe a realidade da España rural e profunda e a opresión da muller a comezos do século vinte. Desa mesma situación parte Prieto para crear un retrato descarnado da Galicia de mediados dos setenta do pasado século, e considerar o rol da muller naquel mundo no que a vida era unha mestura de pedra e negrume, como denunciou Celso Emilio Ferreiro. A destacar unha requintada delineación dos personaxes por medio da súa acción, dos seus devezos e da súa fala, e unha construción da trama moi precisa, sen ornamentos innecesarios.

A obra comeza lembrando os efectos da morte do ditador Francisco Franco nunha familia tradicional e conservadora, pois coa morte do tirano tamén morre o home de Bernarda, pai de Lurdes e Fátima, dúas irmás xemelgas non idénticas. A nai impón unha disciplina férrea na casa e na vida familiar, que implica dous anos de rigoroso loito seguidos do correspondente tempo de alivio, con portas e fiestras fechadas e saídas contadas ao exterior, evitando todo canto a opinión pública podería pensar ante calquera desviación do patrón dominante. Pero a vida continúa, segundo mostra o paso dos meses no calendario da cociña, e ao longo de cinco escenas leremos como pola porta de fóra vai entrando un desexo de liberdade que acaba por provocar a rebelión das rapazas.

A peza recrea moi ben un tempo no que a radio aínda era o medio esencial de comunicación e fonte de lecer, a xente escribía cartas e a mocidade facía festas en casas particulares, que se chamaban guateques, onde algunhas parellas bailaban arrimadas. Un tempo no que se bebía anís e coñac e se escoitaban cancións de Marisol ou Andrés do Barro. E reproduce con requintada precisión as pautas de conduta e os enfrontamentos que xeraban dúas formas moi diferentes de entender a existencia. Por iso constitúe un documento moi notable da vida cotiá durante a ditadura franquista, nunha sociedade a un tempo atrasada e hipócrita, ancorada nun sistema de control social, familiar e veciñal que teimaba en que se cumprisen as normas de suposta urbanidade que ditaban as autoridades eclesiásticas, civís e militares. Un país en branco e negro, sen cor.

Secasí non estamos ante unha versión, adaptación ou apropiación do texto de Lorca, senón dun traballo orixinal que tomando o personaxe de Bernarda como motivo principal crea outra historia, trocando as coordenadas espazo-temporais e as implicacións ideolóxicas, malia que as vellas temáticas de sempre abrollen desde o inicio, pois infelizmente moitas veces dependencia e submisión levan nome de muller. Como ben se indica na cuberta traseira do volume, a dimensión cómica do texto non é máis que un simple aliño ou alivio para que o lector poida respirar nun mundo abafante, co que agora non poucas persoas soñan ao telo como un paraíso perdido, que como antes queren impoñer á maioría. Consentiremos? Calaremos?

O cinto

De ter que escoller unha palabra que defina a esencia das relacións familiares que recrea a peza, ben poderíamos considerar esa correa que un pai violento, franquista e maltratador utilizaba para castigar todo o que non se aviña co que el consideraba adecuado ao seu ideario vital, na muller e nas fillas. E Bernarda tamén botará man da mesma correa para bater nas rapazas, reproducindo a conduta daquel a quen ela mesma considera mal home e demoño, e co que non se atrevía a deixar soas as súas fillas.

O texto é un exemplo magnífico das formas en que nace e se reproduce a violencia de xénero, a violencia contra a muller, e os valores que están detrás desas condutas que sempre teñen unha vertente física e psíquica, e buscan converter a persoa en cousa, en obxecto. Ao tempo tamén é unha denuncia ben clara da indefensión da muller nunha sociedade profundamente machista, que xera a submisión e as dependencias que tan ben reflicten as palabras últimas de Bernarda. Un texto que debería ser lectura obrigada e motivo de diálogo e deliberación en todos os centros de educación secundaria, inda que non faltaría quen falase de adoutrinamento, como se a vella educación franquista, que tanto perdura, non fose doutrinaria. Letra con sangue...

Suscríbete para seguir leyendo