Cen anos de "Ronsel"

Unha revista para a vangarda de noso

Algúns colaboradores da revista "Ronsel", 1924.

Algúns colaboradores da revista "Ronsel", 1924. / Asociación Socio-Pedagóxica Galega

A cuberta de Ronsel apréixanos nun aquel oscilante entre a señardade marítima e a crenza no vangardismo. É dicir, estourar os marcos do establecido sen complexos nin deixes timoratos. Vangarda de alta calidade artística malia o noso pobo forxarse nun esforzo intelectual contra vento e maré.

Leo en Notas viejas galicianas, de Pérez Costanti, que a Xunta do Reino galego denunciaba (1599) ante El-Rei o trato colonial cando os bispos “no son naturales del reino a cuya causa proveen los beneficios, prebendas e dignidades a los extranjeros del reino, y los naturales habiendo decendido de los que dotaron y edificaron la mayor parte de dichas iglesias, se quedan sin premio, y por esto no se dan a las letras”. Logo, se os bispos fosen de noso favorecerían que as xentes letradas do país “se aplicaran a las letras y a los estudios”. Seino: miraban polo seu, non polas clases populares explotadas sob réxime feudal. Mais non nega o sometemento á metrópole con futuras consecuencias. Pensemos: se temos cancioneiros de lírica medieval débese á existencia dun poder propio capaz de fornecer de recursos esta actividade.

Volvamos ao inicio: contra vento e maré. Vivimos galvanizados cunha forza de produción cultural de altísimo nivel. Dentro desta liña de acción emerxen casos de especial sobresaenza. Ronsel aparécenos nun Lugo próximo a nós. Cidade rexurdimentista (Aureliano Pereira, líder do rexionalismo federal; ou prensa monolingüe A Monteira ou O Labrego) que certifica a existencia de bases operativas dende antes de Ronsel, e máis despois.

Ilustración do número dous da revista.

Ilustración do número dous da revista. / Arquivo

Situémonos cen anos atrás arrentes da porta de Campo Castelo da cerca de Lugo, dixo Otero Pedrayo das murallas, para saber da Revista de Arte ou Revista de la nueva generación gallega. No leme Correa Calderón, un nacho singular extraviado a posteriori no falanxismo, e Álvaro Cebreiro coautor do Máis alá! canda Manuel Antonio. A redacción confórmana autores de obra –ista: cubista, creacionista, hilozoista… Velaí os Fernández Mazas, o logo amante do fascio italiano Eugenio Montes, ou un poeta egrexio, de sensibilidade extrema, de preciosismo emocional, de léxico carregado de evocacións profundas como é Luís Pimentel. A numeración de colaboradores é extensa: Cabanillas, López Abente, Taibo…

No complemento plástico aparecen Castelao, Sobrino, Francisco Miguel (asasinado no 36, tras ser torturado e amputado de mans) e un Ánxel Johán, preso na guerra por informar da saída de Franco cara a Marrocos e militar en Esquerda Republicana, esfera pola que cazolea Ánxel Fole quen, precisamente, foi dirixir outra revista de sonoro título: Yunque, que rememora os versos de Machado: “¡Yunques, sonad; enmudeced, campanas!”. Eis outra mostra fabril do Lugo vangardista acolledor do Seoane, Sigüenza, Montero Díaz (outro falanxista!), Maside e García Lorca, quen publica nestas follas por vez primeira o “Madrigal á cibdá de Santiago”.

A diferenza entre Ronsel e Yunque reside na orientación política: a primeira, pronacionalista; a segunda, esquerdista. Mais ambas acollen a eclosión intelectual do Lugo de preguerra. En Ronsel, ademais, traduciron dende o alemán (cítese aquí María Mercedes, irmá de Luís Pimentel, sabedora do idioma pero tamén, ollo, da literatura xermana) e publicaron versos en portugués, francés, catalán e castelán. Asemade foron incluír artigos musicais sob sinatura do lucense Bal y Gay, un dos grandísimos musicólogos galegos, amigo no exilio de Stravinski e autor dun celebérrimo libro sobre Chopin, noutrora tan exitoso. En apenas seis números conquistaron un posto destacado. Seis paseos por letras e debuxos acompañados de belos anuncios: Martini&Rossi, Garage Auto-Stock ou La Espiga de Oro.

E citemos o secretario de redacción: Álvaro Gil, indispensable para saber da cultura do Lugo posguerra. Velaí a xenerosa doazón ao seu Museo Provincial do carneiro alado, ourivería de diminuto ouro puro, ou o torque de Burela. Mais engadan a súa silenciada contribución dada ao nacionalismo antifeixista.

Miro a “inchadiña branca vela” do verso rosaliano e os remos en alto no espolón padronés. Este é o ronsel porque avantamos cara a unha Galiza nosa.

Suscríbete para seguir leyendo