Libros recomendados da semana

Libros recomendados da semana en Faro da Cultura.

Libros recomendados da semana en Faro da Cultura. / FdV

VV.AA.

O retrato da loita comunitaria

Entre o negro e o histórico

Pilar Ponte

A ampliación literaria da diversidade dos xéneros sempre enriquece os corpus literarios e a mobilización social fronte a proxectos lesivos para a contorna natural é un tema necesario na literatura galega. Así o entende Lola Rontano, a profesora, activista e escritora murciana que fixo de Galicia a súa segunda patria.

Esperta do teu sono, a segunda novela da autora, e primeira en galego, revive o conflito social, a contestación veciñal e a organización activista en Corcoesto (Cabana de Bergantiños), a partir de 2012, fronte ao proxecto dunha empresa canadense para a posta en marcha dunha megamina. Esta iniciativa afectaría ríos, regatos e un val que acabaría convertido nun xigantesco cráter con montañas de entullo perigoso.

En Vila Amparo, trasunto de Laxe, un grupo de veciños deciden mobilizarse ante a ameaza que supón o proxecto da mina mais ao mesmo tempo aparece morto Marcelo, un axente da policía local, afogado no seu coche oficial no fondo do porto, e que será o primeiro de varios sucesos estraños que acontecerán na localidade.

Estamos ante unha novela de lectura fluída, construída arredor do activismo de xeito coral a través dunha longa listaxe de personaxes (o bibliotecario, dúas profesoras, Carmela a peixeira, o percebeiro Urbano...) que conseguen dar conta da comunidade como unha entidade global de cohesión pero non de pensamento uniforme, con voces discordantes, as de certos veciños como Isidro, traballador do concello, que ven unha oportunidade de progreso na iniciativa. Estes últimos loitan contra “os do non a todo”, ese grupo de resistencia que conforma o peor de cada casa: anarquistas, apóstatas, feministas... que teñen que facer fronte a todo tipo de presións: agresións físicas, roubos, mortes de animais de compañía... nunha novela de relacións encontradas, dunha banda con enfrontamentos e tensións na veciñanza, e doutra, de estreita amizade e colaboración entre veciños.

O texto de Rontano ofrece unha rica amplitude temática que, ademais da ecoloxía e da loita pola terra -que abrangue a invasión dos parques eólicos que xa asomaba na zona-, tamén inclúe cuestións como a desobediencia civil, a solidariedade entre comunidades rurais e urbanas, a orfandade, a diversidade no amor, o illamento social, o animalismo, a relación coa morte, a irrupción das redes sociais, a homofobia ou a relación entre lingua, natureza, patrimonio e tradición -os representantes da empresa canadense son os únicos que falan castelán na novela-.

Velaquí un magnífico retrato da loita comunitaria de Corcoesto nesta novela calendario dos feitos que se move entre o xénero negro e o histórico.

Imagen

Esperta do teu sono

Autor: Lola Rontano

Editorial: Xerais

PVP.: 18,52 €

Na órbita das ondas

Paisaxes xeográficas, paisaxes humanas

Oriana Méndez

Francisco X. Fernández Naval engrosa a nutrida e sempre celebrada nómina de escritores ourensáns dende que, en 1980, publicara o seu primeiro libro, o poemario A fonte abagañada. Foi o punto de partida dunha extensa obra que se desenvolve en poesía, narrativa, ensaios, libros de viaxes, guións e traducións. Porén, a escritura de Fernández Naval non se encerellou nas contornas da catedral de San Martiño, senón que viaxou libremente, coma en Suite Dublín e outros poemas (2011) ou no volume trilingüe galego-español-inglés, Nova York: ceo e mazá (2017). En termos vitais, tocou os límites do continente por ese litoral pondaliano que se deu en chamar Costa da Morte e afincouse alí. Nese escenario sitúase Mar de Lira, título que nos ocupa e topónimo dunha das extensas praias de Lira, paralelo 42 graos Norte, a liña imaxinaria que conecta o deserto de Gobi co lendario monte Ararat, é dicir, o Palacio de Xade coa Arca de Noé, á súa vez co Camiño Francés cara a Santiago ata Fisterra e despois Nova York e os Grandes Lagos. Un mapa marcado polas estrelas da Vía Láctea, como tamén por algúns dos máis fértiles soños da humanidade e, entre eses mitos, os nosos: a raíña Lupa e o Monte Pindo, que repousa na terra de Carnota e levita sobre ela ao mesmo tempo.

Trátase dun conxunto de corenta e sete poemas que xa vira a luz en 2005, publicado por "A Nosa Terra", e que agora volve editar Caldeirón. Conservan a frescura estes textos breves que traballan o espazo humanizándoo e facendo que esvaezan as fronteiras entre a paisaxe humana e a xeográfica. A voz poética concéntrase nunha imaxe ou nunha idea, acompañándoa en todo momento dun ton lírico transparente que non pretende escurecer a lectura, senón embelecela: “Sabían da cóncava lonxitude da onda/coñecían estreitos oceánicos/canles de mar a mar/o recóndito perfil do silencio”. Os versos medran, ademais, coas fotografías de Maribel Longueira, tamén condensadas, que capturan os detalles de distintos retrincos da xeografía costeira.

Imagen

Mar de Lira

Autor: Francisco X. Fernández Naval

Editorial: Caldeirón

PVP.: 15 €

Asturias, posguerra

Neboenta e fascinante

Xosé Feixó

Xabier López López (Bergondo, 1974), activista cultural desde sempre e tamén escritor prolífico e premiado en moitas ocasións (Xerais, da crítica española, Torrente Ballester…), dedicado sobre todo á novela, á literatura infantil e ao relato curto, vén de dar a coñecer Cocaína, neste último formato, que consiste en historias da posguerra en entregas breves, publicado pola editorial Menino Morreu na colección Bébel.

O escenario sitúanos en Asturias, na época da posguerra española, arredor de tres personaxes e historias: sobre un futbolista de terceira división, que ficha polo Real Oviedo e convértese en branco da prensa local; sobre un guerrilleiro que recibe ordes para levar a cabo unha misión insólita; e sobre un médico que entra nunha espiral autodestrutiva cando ve comprometida a súa reputación. Estas historias e estes personaxes converxen nesta obra, que o autor aproveita tamén para ofrecer unha panorámica gris e neboenta, e ao tempo fascinante, desas terras nesa época, tristes tamén.

Escribe o autor, no capítulo XV, que “Todo estaba enleado, confuso, e [...] cada vez que volvía repasar o que levaba escrito non podía tirar da cabeza que, fose quen fose quen quen acabase lendo aquilo […] o destino final daquelas follas [...], non era senón unha triste carpeta perdida no armario […]”, como frustrante destino daquel informe que o protagonista confeccionaba, a ben seguro. Ocorre así en moitas ocasións, en que o escrito permanece arquivado ou perdido, tal vez para sempre. Neste caso, a Cocaína non lle sucede nin lle sucederá o mesmo, pois ben seguro que o lector a arquivará no seu corazón ou no seu maxín, como destino das obras que merecen lerse e non quedaren esquecidas.

Imagen

Cocaína

Autor: Xabier López López

Editorial: Menino Morreu

PVP.: 12 €

Suxerente relato

Educación vial, natureza, emocións

María Navarro

Kalandraka Editora publica na súa colección Demademora Unha historia fantástica, realmente fantástica porque o seu creador, Bruno Heitz, toma elementos da vida cotiá aos que lle acorda facultades que non lle son propias co que desbarata a realidade converténdoa en extravagante, de aí a súa orixinalidade.

O relato non pode ser máis suxerente: un granxeiro que vai pola estrada e choca cunha vaca á que deixa ferida e no seu intento de amañar o desaguisado procura unha solución que non satisfai as partes co que volta a probar outra alternativa que, agora si, convence a todos aínda que se antolle inusual.

O autor, que xoga co factor sorpresa, atrapa a atención do lector mozo dende a primeira verba: comezo dos contos clásicos co verbo en copretérito, presentación do protagonista e, de forma paralela e cunha estrutura sintáctica similar, coñecemos o animal, a vaca, plantexamento do problema, intento de resolución, primeira proba que non convence e final feliz coa ‘vacabra’ e ‘outra camioneta fantástica’. Velaí a sinxeleza do relato que garda no seu interior unha interesante ensinanza que ben pode ser aproveitada para transmitir á cativada mensaxes relacionadas coa educación vial, coa xestión das emocións, co coidado da natureza ou mesmo coa procura da felicidade.

En canto á proposta plástica, concibida tamén polo propio escritor, é de salientar a lectura que ofrece: as imaxes de madeira non só acompañan o texto, senón que tamén contan a historia; as esceas recrean e realzan o relato; as cores rechamantes dan renda solta á imaxinanción e fan brillar a comunicación visual ao mesmo tempo que permiten unha implicación activa do espectador que se verá obrigado a razonar a relación entre a imaxe e o texto, ou sexa, todo un acerto!

Imagen

Unha historia fantástica

Autor: Bruno Heitz

Editorial: Kalandraka

PVP.: 13,30 €

Suscríbete para seguir leyendo