Na Cidade Velha

Citânia de Santa Luzia, Viana do Castelo

Vista parcial da Citânia de Santa Luzia.

Vista parcial da Citânia de Santa Luzia. / Arquivo

O Santuário do Sagrado Coração de Jesús, situado no alto de Santa Luzía, é un dos monumentos máis coñecidos e emblemáticos de Viana do Castelo, unha verdadeira postal da cidade, con vistas únicas. Esta parte do Alto Minho portugués foi ocupada desde antigo, e ao longo de milenios cada civilización foi modelando unha paisaxe dominada por correntes fluviais, mar e montaña. Moi preto da coñecida construción relixiosa, cunha panorámica que din é das mellores do mundo, atópase a Cidade Velha, un poboado fortificado da Idade do Ferro e un dos máis importantes para coñecer a protohistoria e a romanización do noroeste peninsular.

O conxunto está clasificado como Monumento Nacional desde 1926 e crese que estivo habitado desde o século VIII antes de Cristo deica o século V, como testemuñan algunhas moedas atopadas nos sucesivos estudos arqueolóxicos. Sábese da existencia da citania desde 1722 pero as primeiras escavacións non tiveron lugar ata 1876 por iniciativa de Joaquim Possidónio Narciso da Silva, arquitecto, fotógrafo e arqueólogo que traballou para a casa real e participou, entre outras, nas obras dos pazos da Pena e São Bento. Aínda que el foi o promotor, o xacemento arqueolóxico actualmente visible débese aos traballos realizados en 1902 por Albano Belino.

O poboado está situado nun enclave estratéxico, xa que domina o esteiro e mais a desembocadura do río Lima, así como o propio océano Atlántico. Debeu ser de grande extensión –calcúlase que uns 60.000 metros cadrados–, aínda que da superficie orixinal só conserva un terzo debido ás construcións e aos accesos que se fixeron co tempo, incluíndo os do propio santuario e a pousada. No interior da Cidade Velha pódense observar os restos das vivendas circulares e mais as estruturas defensivas como murallas e fosos. Ademais atopáronse numerosos obxectos arqueolóxicos como muíños manuais, machadas, cerámica e xoiería que foron proporcionando información sobre a vida dos antigos habitantes do castro e as súas sucesivas etapas.

O carácter defensivo do poboado é moi similar ao que pode verse en Briteiros ou noutros castros ao lado galego como os de Entrimo ou Bande. A súa distribución fai pensar que os seus habitantes fixeron un uso intenso de actividades agropecuarias, así como da explotación dos recursos marítimo-fluviais. Algunhas das casas contaban con vestíbulo ou adro e fornos de cocción propios.

Na imaxe grande:vista parcial do conxunto. De arriba abaixo: panorámica da citania; outra perspectiva da acrópole. |  FOTOS: ARQUIVO

Panorámica da Citânia. / Arquivo

Para coñecer máis ao detalle a singularidade deste espazo existe o Centro de Interpretação da Cidade Velha, dedicado á difusión e conservación do patrimonio arqueolóxico do castro de Santa Luzia. O centro ofrece unha experiencia inmersiva aos visitantes interesados na historia desta antiga fortificación. Aí, e a través de fotos, audiovisuais e paneis informativos, o público pode explorar e comprender a vida e o funcionamento do asentamento castrexo, así como a súa relevancia histórica e arqueolóxica. Existen maquetas e recreacións do poboado que permiten visualizar como era o asentamento na súa época de máximo apoxeo. Inclúe as vivendas circulares –algunhas rectangulares-, as estruturas defensivas e outros elementos arquitectónicos, como despensas ou celeiros. Así mesmo, o centro realiza exposicións temáticas centradas en asuntos específicos relacionados co castro e o seu contexto histórico que permiten explorar en profundidade aspectos como a agricultura, a artesanía, o comercio ou a relixión na vella comunidade.

O espazo conta con diversos servizos como tenda, visitas guiadas e actividades pedagóxicas pensadas especialmente para centros escolares que proporcionan información adicional e complementaria sobre o castro e a súa contorna. E xa aquí é inescusable unha visita a Santa Luzia, a basílica de grandes vitrais que dan luz e cor ao espazo interior, onde o silencio do sacro comunga coa éxtase da paisaxe exterior.

Na Cidade Velha

Perspectiva da acrópole. / Arquivo

[object Object]

Do mesmo xeito que noutros castros, na Cidade Velha as vivendas atópanse agrupadas en barrios con camiños ben definidos, algúns lousados. As construcións son de planta circular ou rectangular, orientadas segundo a inclinación do terreo –o que impedía que se asolagasen coa choiva-, algunhas con chemineas e fornos.

Ao igual que noutros poboados fortificados da Idade do Ferro a estrutura defensiva goza de grande importancia. Santa Luzia posuía tres liñas de murallas con camiño de rolda, torreóns e dous fosos para defender a poboación. Actualmente conserva unha parte da muralla interior, un tramo duns oitenta metros no lado norte. A romanización de Santa Luzia obsérvase na presenza dalgunhas vivendas de planta rectangular, a ampliación con novos barrios e o trazado de rúas perpendiculares. A aparición dunha moeda de prata coa efixie do emperador Augusto dá testemuño da influencia romana na última etapa de ocupación do castro.

Parte dos elementos atopados durante as escavacións, desde ferramentas a fragmentos de cerámica ou de adorno que lanzan luz sobre a vida cotiá dos antigos habitantes poden verse na sección de Arqueoloxía do Museo Municipal e na Casa dos Nichos, no centro da cidade.

Suscríbete para seguir leyendo