Música

Un óboe para Breogán

Polas músicas de Iria Folgado

Iria Folgado (San Sadurniño, 1996).

Iria Folgado (San Sadurniño, 1996). / Alicia Seoane

Román Padín Otero

Iria Folgado (San Sadurniño, 1996), óboe e corno inglés, vén de visitar A Coruña para presentar o seu primeiro disco. Recoñecida pola súa forte vontade de expresión e habilidade musical, Iria posúe un talento extraordinario e un fermoso sentido do son. En distancia curta, trátase dunha encantadora muller, cun sorriso incansable e unha doce simpatía que fan dela unha verdadeira estrela da escena musical.

Formada no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol e na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela, fixo estudos superiores na Hochschule für Musik Hanns Eisler. Tivo unha bolsa Alexander von Humboldt e outra á Excelencia Musical do Consorcio de A Coruña. Foi academista na Karajan Akademie. É premio Talento Mozo Galicia 2023 e na actualidade vén ser solista de corno inglés na Konzerthaus Orchester de Berlin. Os seus periplos e participacións inclúen a xira por Xapón, coa Konzerthaus Orchester de Berlin; a colaboración en Mumbai coa Simphony Orchestra India, dirixida por Zubin Metha; a xira europea coa European Philharmonic, dirixida por Charles Dutoit, con Martha Argerich como solista de piano; a xira en Abu Dabi coa Orquestra Sinfónica de Galicia; colaboracións coa Orquestra 430 e a Orquestra de Cámara Galega.

Elección casual

Cando era nena, un compañeiro do colexio estudaba piano, e foi o rapaz quen a motivou a estudar música como actividade extraescolar. Aínda que non procede dunha familia de músicos profesionais, si que había admiración por esta arte no fogar, as súas avoa e tía paternas tocaban o piano na casa e tamén o seu pai tocaba a guitarra. O motivo de acabar sendo óboe foi un pouco casual, pois na volta das probas de acceso ao conservatorio soamente puido elixir praza dentro da sección de vento: sen dúbida, toda unha feliz casualidade. Entre os seus referentes musicais destaca o seu mestre en Galicia, Casey Hill, óboe na OSG. E tamén subliña a importancia do seu mestre en Alemaña, Dominik Wollenweber, corno inglés na Berliner Philarmoniker.

Iria reside en Berlín dende 2014 e xa se atopa moi adaptada alá, o que lle doe é que se faga de noite tan cedo. En Berlín hai sete orquestras profesionais: un verdadeiro paraíso para un músico. En cada parada de bus ou metro hai un cartel ou anuncio de concertos e convocatorias musicais, e é que Alemaña conforma un eido perfecto para facer carreira; a posibilidade para un músico de tocar con diversas agrupacións musicais, o que lle permite estar sempre “fit” ou en forma, adaptándose a novos modos de dirección e interpretación. Canto ao seu repertorio preferido, este podería ser o post-romanticismo e mais o século XX. E tamén gusta de referencias ao impresionismo; o compositor checo Slavik, quen compuxo unha marabillosa sonata chea de sentimentos, e Gustav Mahler, coa segunda sinfonía e cos Rückert lieder, están entre os seus favoritos.

Iria confía na facultade de desenvolvemento por medio da música; de feito, moitos países recibiron impulso grazas a ela, velaí o caso de Venezuela, co sistema que axudaba a saír dos problemas sociais aos mozos, tocando en orquestras. Ou tamén cando se formou a Filharmónica de Israel logo da Segunda Guerra Mundial, promovendo a chegada de músicos e mais o desenvolvemento social e cultural.

Sen dúbida, Iria pensa que a ela mesma a música foi axudala moito a crecer, progresar e evoluír. A disciplina e mais o esforzo das artes, da danza, da música, do deporte son moi boas para educar persoas mellores, máis completas e maduras. Quizais habería menos problemas no mundo con máis artes e formación en artes.

Un óboe para
Breogán

Un momento da gravación de "Ecos de Breogán". / Alicia Seoane

[object Object]

Canto ao disco que agora presenta, trátase dun traballo de tres anos, e xurdiu logo dunha residencia no festival Música no Claustro, en 2021. Nesa data Iria interpretou o cuarteto de Britten e mais o cuarteto de Mozart e o arranxo de Buide. Xa no disco, tomou como arranque a Britten e procurou outras obras de espírito semellante que estiveran cheas de evocacións: obras non moi coñecidas de compositores ingleses, ademais de poñer en valor un compositor de Galicia como Fernando Buide del Real.

O disco Ecos de Breogán reúne os amigos e compañeiros de Iria no ámbito musical e artístico. Xunto a ela (óboe e corno inglés) atopamos un cuarteto de corda que reúne a Raquel Areal e Sara Areal (violíns), Héctor Cámara (viola) e Iago Domínguez (violonchelo).

A Fantasía op.2 de Benjamin Britten abre a gravación. Segue a única compositora do disco, Elizabeth Maconchy, cun Quinteto para óboe e cordas. Ralph Vaughan Williams está presente con Six Studies in English Folksong. De Arnold Bax seleccionouse o Quinteto para Óboe e Cordas de 1922. O galego Fernando Buide del Real está presente co Adagio para corno inglés. O disco, editado por Poliédrica, conforma unha imprescindible escolma de obras de mocidade e media carreira dos artistas elixidos.

Suscríbete para seguir leyendo