Pensamento

Lingua, cultura e sociedade

Os valores do multilingüismo

Vista exterior do Parlamento Europeo (Estrasburgo).

Vista exterior do Parlamento Europeo (Estrasburgo). / FdV

A pluralidade lingüística e mais a cultura van parellas aos modos de vida dos homes e mulleres. O modelo humano non é único nin homoxéneo, senón que todos formamos parte da denominada neurodiversidade, como resultado das variacións normais que tamén acontecen no campo da natureza e da bioloxía, polo que deberían ser respectadas. Un elemento que se suma, entre outros moitos, á polémica da causalidade dos diferentes trastornos -por exemplo, o(s) autismo(s)-: polémica e debate no que se mesturan a clínica (médicos e psicólogos), a ética e, por suposto, tamén a política.

Nunha entrevista periodística realizada a Jon Fosse (Hangesund – Noruega, 1959), ao recibir o Nobel de Literatura 2023, exclamou este: “É un gran día para unha lingua minoritaria...escribir nunha lingua tan pequena, a alegría é aínda maior”. O nynorsk (ou novo noruegués) é só utilizado polo 10% dunha poboación de 5,4 millóns. Minoritario na produción, o nynorsk é un dos estándares oficiais do noruegués, só utilizado no rural do oeste de Noruega, sendo o bookmaal (literalmente “idioma de libro”) o outro estándar mais común de escritura.

Lingua, cultura e
 sociedade

O premio Nobel de Literatura Jon Fosse. / FdV

Os idiomas minoritarios están para sumar, para convivir en igualdade e harmonía

Considerado como un dos dramaturgos contemporáneos máis importantes do mundo, o Nobel noruegués reflexiona sobre os asuntos universais, convencido de que a experiencia humana une os vivos, os mortos e aínda os que están por vir. Combina así fortes lazos locais, tanto lingüísticos como xeográficos, con técnicas artísticas modernistas, poñendo o acento na intimidade das linguas, perdidas demasiadas veces en debates partidistas, asemade que fala da importancia da preservación da riqueza lingüística como un ben cultural nun continente como Europa. Os idiomas minoritarios están para sumar, para convivir en igualdade e harmonía. Todos son necesarios e descriminalos ou afogalos constitúe un autentico xenocidio cultural. Coñecedor e apaixonado de Garcia Lorca, a súa primeira novela, Randt Svart, 1983 (Vermello, Negro), foi descrita pola Academia Sueca como: “Unha novela tan rebelde como emocionante, que marcaría a pauta para a súa posterior obra”. A súa última ficción, Triloxía, 2018, é considerado como un libro hipnótico, unha historia de amor dunha parella de adolescentes que van ter un fillo e que intentan sobrevivir sen nada nun mundo hostil. Fosse introdúcenos, daquela, na indefensión, facéndonos conscientes da mirada desapiadada da sociedade, pero tamén revivindo o primeiro amor e a experiencia de empezar a vida.

Lingua, cultura e
 sociedade

O neuropsiquiatra Boris Cyrulnik. / FdV

O profesor asociado de Autismo na Universidade de Birmingham, Prithvi Perepa, define a cultura como unha forma de vida, onde aprendemos a comportarnos, relacionarnos cos demais e a conducir o noso día a día con base en principios acordados dentro dunha comunidade. A maioría dos individuos, polo tanto, poderían pertencer ou identificarse con máis dunha cultura e dunha lingua nun momento dado. Perepa comenta que o bilingüismo pode procurar, especialmente nos nenos, mellores habilidades de funcionamento que o monolingüísmo, porque cando un individuo é bilingüe necesita usar habilidades inhibitorias con máis frecuencia toda vez que precisa tomar unha decisión consciente de non usar palabras dun idioma que non sexa o que emprega. Non obstante, cando os nenos non están expostos ao seu idioma materno, non poden participar en discusións e actividades familiares, nin falar con algúns membros da súa familia que só empregan ese idioma, e isto pode impactar na súa identidade cultural. Se ben o bilingüismo pode ser un factor integral para as comunidades étnicas recen inmigradas, tamén pode ser un problema para os grupos étnicos existentes.

O célebre neuropsiquiatra francés Boris Cyrulnik (Burdeos, 1937) cre que o fracaso na escola maternal, por déficit lingüístico, lastra os fillos de familias pobres e desestruturadas. Falando dos disturbios acontecidos no ano 2023 en Francia, apunta como un dos problemas clave dos rapaces entre 14 e 18 anos a falta dunha bagaxe verbal ao chegaren á escola, o que lles provoca fracaso e un sentimento de humillación que os empurra á violencia e a odiaren as elites.

Sociedade escindida

Estamos, pois, diante dunha sociedade escindida, onde unha minoría de rapaces brillantes da burguesía estuda, aproba e acada moi boas profesións e ben remuneradas. O resto, sobre todo nas grandes cidades, están deixados á deriva. Sen apenas lazos familiares, as nais están desbordadas, cando non deprimidas. O pai é violento ou está ausente, desempeñando pequenos traballos que cambian cada dous ou tres meses. Estes cativos e cativas chegan a escola maternal aos tres anos, falando mal e cun stock de só duascentas palabras, fronte as mil palabras dos nenos de familias acomodadas, ás que detestan, e desenvolvendo comportamentos fóbicos. En todas as culturas o odio ás elites é un sinal anunciador do fascismo. En Alemaña, considerado un pobo cultivado, había alemáns que odiaban aos que levaban lentes porque pensaban que eran intelectuais.

Estes rapaces humillados odian, entón, a escola e mais as elites, como acontece nas favelas no Brasil. Os presidentes anteriores a Lula enviaban a policía e mais o exército; porén, cando Lula foi elixido, deixou de envialos e, pola contra, levou alá personalidades da cultura e do deporte. En poucos anos logrou orientar cara á escola o 50% dos posibles delincuentes.

[object Object]

Cando cheguei a Suíza (1968), observei que nas cabinas telefónicas as instrucións aparecían en tres linguas: alemán, francés e italiano. Pasaba o mesmo nos billetes de banco e noutros servizos públicos. A Confederación Helvética está conformada por vinte e seis cantóns que se constitúen en entes político-administrativos. Cada un deles é soberano respecto á utilización do idioma así como no tocante á escolarización dos seus alumnos e alumnas. O alén, cun 63,7% está presente en dezasete cantóns; o francés é empregado por un 20,4% en sete cantóns; o italiano é falado polo 6,5% da poboación nun único cantón. E os suízos aínda teñen unha cuarta lingua, minoritaria pero moi querida: o romanche, falado polo 1%.

Todos os cidadáns teñen dereito a dirixirse ás institucións federais nunha das linguas oficiais e a recibiren resposta nese mesmo idioma. O respecto entre os idiomas é totalmente asumido, para alén dos comportamentos diglósicos nos cales unha das dúas linguas empregadas por un individuo é considerada inferior á outra.

Suscríbete para seguir leyendo