Saberes de outrora

Museo Etnográfico José Rocha, Trabada

Unha perspectiva das salas do museo.  |  FOTOS: ARQUIVO

Unha perspectiva das salas do museo. | FOTOS: ARQUIVO / Tere Gradín

No corazón do concello lucense de Trabada palpita a historia non só nos seus monumentos e na súa variada riqueza patrimonial, tamén na que se escribe cos traballos e os días das súas xentes. Iso é o que mostra o Museo José Rocha, bautizado así en honra do veciño que doou a súa colección ao Concello. Froito dunha afección que comezou hai décadas, existe o Centro Etnográfico que leva o nome deste benefactor e cuxa antoloxía narra os saberes de antes relacionados coa vida cotiá e mais as tradicións locais.Rocha doou a súa colección de pezas hai algo máis dun quinquenio cunha única condición: que se conservasen en bo estado. Uns anos despois nacía a exposición museística, instalada nunha antiga escola unitaria. A súa función: difundir o patrimonio etnográfico de Trabada e da comarca da Mariña.

Saberes 
de outrora

Carros do país, expostos. / fV

Un bar de época, unha escola dos anos corenta, con encerado e mapa dos países de Europa e do mundo, obxectos de cociña, apeiros de labranza, bicicletas, cadros, roupa, un carro do país, rodas e moitas outras curiosidades van aparecendo ata sumar máis de mil pezas que hoxe poden verse neste museo vivo no que os propios veciños narran a través de audiovisuais como eran as faenas de outrora.

Saberes 
de outrora

Saberes de outrora / Tere Gradín

Un labor de máis de corenta anos é o que levou a Rocha a investir “segundo ía tendo”, como el mesmo di, na que hoxe é esta colección etnográfica. Este xubilado non para e asegura que non o fará ata o seu derradeiro alento. Así que segue adquirindo pezas que falan dunha realidade, non tan afastada, dun pobo e das súas xentes.Neste museo rastréxase,pois, a vida cotiá e as actividades tradicionais da comarca, vinculadas ao ciclo agrícola. Así, van desfilando aos ollos da visitante vestimenta típica (para faenar, para durmir, para a festa…), instrumentos de medida (para o viño, para o cereal…), ou todo tipo de apeiros do campo. Ademais, o museo organiza actividades culturais ao longo do ano co fin de promover e enriquecer o coñecemento da herdanza cultural non só de Trabada, tamén comarcal e, polo tanto, galega.

O traballo do liño, un Cristo de case un metro de alto labrado en marfil, fotos de oficios, de familia, de festividades… e moitas outras antigüidades –ou que non o son tanto– expóñense en “A vida de antes”, que é o título da colección permanente que alberga o museo. No seu díptico de presentación, elaborado pola oficina de Turismo de Trabada, di así: “Hai quen quere tocar o ceo, pero en Trabada queremos tocar a terra. Porque só ben fincados na terra poderemos albiscar o futuro das nosas aldeas, o futuro da terra e da Terra: o planeta no que vivimos é coma un grao de semente que contén todo o esencial para a vida. E coñecer a vida de antes é comezar a pensar como queremos que sexa a vida de despois. Co ritmo das colleitas, a lume manso, co orgullo de todo o que fixemos. A vida cambia, mudan os traballos, pero non queremos esquecer as raíces. A Colección Etnográfica Xosé Rocha é froito da curiosidade e do amor á terra deste veciño de Trabada que soubo valorar os aveños, trebellos e os oficios dun tempo ido, sabendo que no pasado podemos achar beleza e tamén futuro”.

José Rocha pasou media vida adquirindo obxectos. “As cousas hai que conservalas”, ten dito en máis dunha ocasión. Acudía a feiras, a mercados, ás casas… todo o que era susceptible de interese tiña un oco na súa vivenda, ateigada desa “vida de antes”. Agora a súa colección loce na que foi antiga escola, habilitada por seccións e cunha dependencia pensada para acoller exposicións itinerantes ou demostracións de traballos artesáns en vivo, ademais dun punto de información turística. Inaugurado hai dous anos, espérase que este museo sexa un aliciente máis para visitar un concello cheo de interese paisaxístico e patrimonial por onde discorre o Camiño do Norte a Compostela.

Saberes 
de outrora

Saberes de outrora / Tere Gradín

Paisaxe e monumentos

De Trabada dise que é o noveno concello bañado polo Cantábrico porque ata el chega a Ría de Abres, aínda que é a montaña a que máis envolve de fermosura este municipio situado na comarca da Mariña Oriental lucense, no límite con Asturias. O termo alberga lugares de gran beleza paisaxística, tanto nas contornas fluviais como nos bosques cuxas fragas naturais conforman fermosas paraxes como pode verse en San Martiño de Abres, o Marco da Pena Verde ou as fragas de Vilapena ou Becerreira. Castros e menhires testemuñan o seu pasado prerromano, como din que é o da Pena Verde, contan que xa citado en documentos antigos como confluencia de camiños.

Ademais, Trabada destaca en arte sacra polas súas numerosas igrexas e capelas, como os templos de Valboa, o de Vilaformán con retablo de 1735, ou o de Vilapena en cuxa capela poden verse tamén dous fermosos retablos. Na parroquia de Sante existe unha ermida dedicada a San Bricio. Aquí está a imaxe do bispo que foi santo e discípulo de San Martín de Tours. En Sante sitúase o templo parroquial, un dos máis antigos do municipio, datado no século XVI, aínda que foi reformado no XVIII. Antigas liñaxes do país levantaron as súas casas solaregas nestas terras como a de Boca de Canle e Rigoio, entre outras

Suscríbete para seguir leyendo