Xeira de androides

Intelixencia Artificial e Literatura

Harrison Ford/Rick Deckard en Blade Runner (1982).

Harrison Ford/Rick Deckard en Blade Runner (1982). / Armando Requeixo

Armando Requeixo

Nos últimos tempos, é moito o que se leva falado da Intelixencia Artificial (IA) e a súa capacidade xeratriz de escrita literaria. Nunha nova sorte de tensión dialéctica entre apocalípticos e integrados tense oído de todo: que se a IA acabará coa literatura tal como a entendemos ata o de agora, que se son simples macacos dixitais incapaces de crearen altos textos, que se chegarán a producir unha escrita perfecta e inalcanzable para os ficcionadores humanos ou que non son máis que calculadoras verbais con sistemas probabilísticos reiterativos e previsibles. Sitúese un cos de Laíño ou cos de Lestrove, do que non cabe dúbida ningunha é de que a IA esta aí e que chegou para quedar. E o que para min é non menos importante: a súa existencia xa foi predita pola propia Literatura e no xénero da ficción científica ou ciencia ficción hai exemplos abondo ilustrativos do que digo.

Aínda que as pegadas da presenza das IA poderían rastrexarse ben máis atrás, a súa configuración tal e como hoxe a entendemos tería xurdido coas teorías de John McCarthy na Conferencia de Dartmouth de 1956. Dende aquela existe unha visión aberta e polimórfica das IA, que supera a visión simplista destas como robots parlantes, pois entende que son complexos sistemas informáticos capaces de emular a aprendizaxe humana e que, polo mesmo, poden concretarse igual en grandes supercomputadores que en tabletas persoais, o mesmo en vehículos autónomos que en todo tipo de asistentes virtuais.

Xeira de
androides

Isaac Asimov. / FDV

Esta é a realidade que debuxaron algúns dos grandes clásicos da ciencia ficción. Entre eles coido que foi Isaac Asimov quen comezou a tratar en profundidade estas cuestións, sobre todo a partir da publicación do seu relato de 1942 “Runaround” (que algúns traduciron como “Círculo vicioso”), onde xa se formulaban as tres célebres Leis da Robótica: un robot non fará nin permitirá que se lle faga dano a un humano; un robot debe cumprir as ordes dadas polos humanos, agás que conculquen a primeira lei; e un robot debe protexer a súa existencia sempre que isto non entre en conflito co cumprimento das dúas leis anteriores.Pois ben, todo ese universo de IA robóticas é o que plasmou no ben famoso Eu, robot (1950), colección de relatos que afonda na interacción entre humanos e intelixencias artificiais levando ao límite as implicacións éticas e morais desa difícil convivencia. Relacións, por certo, que volveu tratar na novela A fin da Eternidade (1955), onde o organización Eternidade ten a capacidade de viaxar no tempo e manipular os feitos históricos para variar os destinos humanos a través do control dunha IA. Mesmo noutro sentido complementario Asimov recuncou no tema no moi celebrado, “O home bicentenario” (1976), relato onde o vedraio robot Andrew alcanza a portentosa cifra de dous séculos de idade.

Outro dos grandes nomes da ficción científica, Arthur C. Clarke, publicou en 1968 a novela 2001: Unha odisea espacial, que volveu icónica e paradigmática a arquicoñecida megacomputadora HAL 9000, levando este tema da relación entre humanos e IA a abismos existenciais e filosóficos nun contexto cosmolóxico. E dese mesmo ano é outro dos libros referenciais da ciencia ficción de todos os tempos: Soñan os androides con ovellas eléctricas?, do mestre do xénero Philip K. Dick, novela popularizada pola versión cinematográfica que dela fixo Ridley Scott en 1982 baixo o título de Blade Runner cun inesquecible Harrison Ford facendo do axente Rick Deckard. Nesta distopía futurista os humanos coexisten con androides moi similares a eles, formulándose a gran pregunta da identidade humana en relación á natureza das IA e a súa consciencia e posible vivencia sentimental.

Herdeira destas obras mestras de Asimov, Clarke e Dick é o Neuromante (1984) de William Gibson, que inaugura o subxénero do cyberpunk. Nesta narración a realidade virtual e a ciberdelincuencia son elementos centrais, pois debuxa un mundo futuro gobernado pola IA chamada Wintermute, programa de computadora consciente que recruta o hacker Case para levar a cabo unha ben perigosa misión.

Xeira de
androides

Fotograma de Matrix (1999). / FDV

Matrix

Podería seguir amentando exemplos durante moitos parágrafos, mais rematarei cun clásico da Sétima Arte que é un dos meus favoritos e ancora as súas raíces nun maxistral ensaio. Estou a referirme a Matrix (1999), de Lilly e Lana Wachowski, onde as máquinas converxentes nunha inmensa IA xeradora de todo un universo paralelo teñen escravizada a Humanidade que funciona como reservorio de enerxía eléctrica ou pila biolóxica. Pois ben, tras desa ficción cinematográfica está o ensaio de Jean Baudrillard Cultura e simulacro (1981), no que xa aparecían conceptos como o do “deserto do real” ou a relación mapa-territorio nunha sociedade rexida por unha sobredimensionada orde simbólica que determinaba o inconsciente colectivo.

Ese cosmos virtual simulado é o que traduciron a linguaxe fílmica as Wachowski para lembrarnos que convén decidir nada menos que entre a pastilla vermella e a pastilla azul. IA e Humanidade. To be or not to be, that is the Question.

Suscríbete para seguir leyendo