Desde a raíz

Na revolución das pandeiretas

Mercedes Peón. |  FOTOS: ARQUIVO

Mercedes Peón. | FOTOS: ARQUIVO / Judith R. Iglesias

Judith R. Iglesias

“Os músicos somos como caixas de resonancia”, reflexiona o pianista galego Abe Rábade, facendo referencia ás influencias que os conectan entre si e ás experiencias que viven ancoradas na memoria. Alí é onde todo acontece, lugar do que abrollan os fíos invisibles que unen o alleo co propio, e a tradición coa modernidade. Nun contexto marcado pola efervescencia cultural, a diversidade expresiva e mais a procura da innovación formal, a memoria devén o latexar arreo e indeleble da música de raíz. É dicir, da reivindicación que colle impulso nas orixes vencelladas ás aldeas, o primeiro esbozo da nosa herdanza.

Desde  a raíz

As compoñentes do grupo Leilía. / FdV

“A música de raíz é un concepto con moita amplitude. É unha idea que vai arredor de multitude de xéneros e desde o máis puro ata o máis moderno”, sinala Óscar Losada, director do podcast Raizame de Radio Galega e creador dos Premios Opinión da Música de Raíz. Comparte as súas inquedanzas, xunto con outras figuras do panorama musical como Abe Rábade, Mercedes Peón ou Luar na Lubre, entre outros, no proxecto Crossing borders. A música TRAD galega atravesando fronteiras do Consello da Cultura Galega. Nas diferentes pezas audiovisuais que conforman este relato, Losada conclúe exemplificando un percorrido evolutivo que vai desde as cantareiras de Arteixo, Xiradela, ata as Leilía, formación musical folk nacida a finais dos 80, ou o que fan agora as Tanxugueiras. “As Leilía foron as que dignificaron a profesión e puxeron as pandeiretas nos escenarios”, comentan as tres integrantes das Tanxugueiras que, no pasado 2022, levaron a cultura galega aos escenarios do Benidorm Fest.“Agora”, conclúen, “nós tamén temos que abrir camiños ás que virán. Trátase dunha cadea na que todos participamos”.

Desde  a raíz

Baiuca. / FV

Son cada vez máis os artistas que experimentan cos sons e mesturan o pasado e o presente, na procura de novas e rompedoras formas que incorporan os medios tecnolóxicos do momento para acadar unha contemporaneidade en plena ebulición. É o caso de Baiuca, proxecto de música electrónica detrás do cal atopamos a Alejandro Guillán (Catoira, 1990), encadrado no que algúns denominan música folktrónica ou electrofolk, e que este ano foi seleccionado para participar no WOMEX (Worldwide Music Expo). Este evento de carácter internacional serve de apoio ás diferentes tradicións musicais do mundo. “Desde que comecei a facer música, tiña claro que quería ensinar as miñas raíces en calquera lugar do planeta”, comenta Baiuca. “Emprego elementos da nosa tradición para levalos á actualidade e achegalos a persoas que, tal vez, non están vencelladas coa historia de Galicia e poden así interesarse por ela”. Porén, a recoñecida cantante Mercedes Peón (Oza-Cesuras, 1967) xa participara anteriormente nunha edición do WOMEX (Copenhague, 2010). É unha artista que, en palabras de Óscar Losada, “abre novos espazos sonoros”. Entre a presenza dos dous artistas no festival existe unha liña ascendente, a evolución progresiva das formas musicais cara a unha irrupción da creatividade que nos últimos anos está a propiciar manifestacións cada vez máis orixinais e vangardistas. “A miña intención era crear un estilo, un tipo de contemporaneidade na difusión mediática. É dicir, buscar unha posición como creativa onde non perdera a enerxía aquela cousa tan bestial que viña das aldeas”, comenta Mercedes Peón.

Desde  a raíz

Abe Rábade. / FV

Inmersos nesta revolución das pandeireteiras, o III Encontro Galego de Cultura Popular (Serán’03), que tivo lugar na Cidade da Cultura o pasado 2022, estivo dedicado a este instrumento, xeralmente asociado á muller. “Hoxe en día é imposible entender o folclore e a música galega sen elas”, sinalaban desde a organización. Como unha invitación ao baile, a actual música de raíz convértese nunha chamada á acción: un acto revolucionario orixinado nas orixes mesmas das tradicións. Neste sentido, preguntábase Abe Rábade ao fío do Crossing Borders: “que hai máis de raíz que a propia lingua galega?” e deixáballe a resposta ao vento, albiscando na interrogación unha unión constante entre o pasado e o presente: a reivindicación do idioma, dentro e fóra das nosas fronteiras.

Sons de futuro

Galicia é un lugar lírico, onde as poesías nacen para seren cantadas, bailadas e acompañadas, en moitos casos, da pandeireta. Trátase, xunto coa gaita, dun dos instrumentos galegos máis representativos. Porén, como lembraron desde a organización do Serán’03, despois da Guerra Civil, caeu en desuso. Terían que pasar uns cantos anos para que, na década dos 70, un grupo de veciñas de Malpica de Bergantiños, coñecidas como as Pandeireteiras de Mens, lle desen unha nova vida a este ritmo esquecido. Elas foron as primeiras mulleres cunha presenza notable na escena musical folclórica de Galicia dun xeito habitual, como recolle a profesora da USC e musicóloga, Beatriz Bustos, nun libro publicado no 2021 pola editorial a Central Folque.

Seguindo este ronsel de influencias, as seis mulleres integrantes de Leilía irromperon no panorama musical de 1989, cun claro obxectivo: recuperaren a tradición oral galega. Así, o seu primeiro disco, Leilía (Dismedic, 1994), era, como elas mesmas describen na súa páxina web, “unha mostra etnográfica onde as melodías evocan un tempo pasado que, a pesares de agonizar, resístese a esvaecer”. Mais, co tempo, decidiron dar un novo paso adiante e incorporaron instrumentos e polifonías non tradicionais, que as situaron a un pouco menos de distancia do que finalmente sería a revolución das pandeireteiras.