Libros recomendados

Crítica literaria

---

---

Estro Montaña

Como diciamos onte

Crónica das nosas raizames

Lois Alcayde

Non é doado entretecer a memoria nun relato atractivo. As impresións, estrelampos, encontros e desavinzas poden afogar coa súa estética a calidade do que debe primar nun ensaio que quere ser próximo e natural no seu devalar; isto é, a primacía da historia. O libro de Tuco Cerviño Un taxi verde e un concerto (Galaxia, 2023) é un exemplo de como un inxente volume de coñecemento (auto)biográfico pode ser narrado con naturalidade e sentido da estética. Estas memorias abranguen un amplo período da vida do autor, dende a súa infancia e mocidade nos anos 40 e 50 ata os 70, pasando pola universidade compostelá dos 60 e o clima do 68. Pero non só. Cerviño aproveita a ocasión para facer un exercicio de memoria e explicar as raizames do noso onte a través da vida dos seus devanceiros, entrelazados coa historia de Galicia e España. Cunha prosa áxil, na cal se nos transmiten inxentes cantidades de información, o autor é capaz de posuír varias voces, a do cronista dunha época, a do cronista familiar, a do autobiografado e a do árbitro que aproveita a ocasión para lembrar con agarimos mais, tamén, para saldar algunhas contas coa factura do tempo, as desunións e os cambios de parecer no seu círculo.

Nestas memorias navegan varios planos, a destacar, o físico. Unha Pontevedra decimonónica, aínda co seu ar fidalgo, ou unha Compostela onde aniña o falanxismo na Galicia dos anos 1930 son o xermolo que dá un inicio pictórico ao relato. Nese disparador é a nai, Daría, muller que nos abre os vieiros da vida de Cerviño, quen marca un devalar político e que sinala un xeito de estar no mundo, como tamén ocorre co seu irmán, Quique. Un médico, Cerviño, logo político socialista galego, que medra e que nos fai de Cicerone pola historia íntima das vivencias na facultade de Medicina da USC e das pequenas fendas (ás veces, ben sonoras) coas que o Réxime ditatorial ía minguando progresivamente no seu control social.

O autor decide introducirnos nos pasos adiante que, dende varias posicións ideolóxicas, deron os movementos estudantís dun Santiago en cambio, de colexios maiores e fondas, dun SEU (Sindicato Español Universitario) que, como os Sindicatos Verticais daquel estado orgánico, ían podrecendo nas súas pólas represoras para dar os abrollos da liberdade. Dentro dese contexto universitario, xunto co retrato dos daquela compañeiros no político, como o caso de Enrique López Veiga, destaca a aproximación aos docentes de Medicina, cun retrato filosófico-costumista que nos achega ao cotiá, sen saír da estampa histórica. O texto, malia as sucesivas entradas, distintos perfís, case máis ordenados nunha intraorde da madeixa de recordos do autor máis ca nunha calculada escaleta, consegue reter a atención daquel lector con interese non só na historia, senón na súa parte vital, a súa humanidade, a relación cos espazos, cos nomes propios.

  • UN TAXI VERDE E UN CONCERTO

    (2023): Tucho Cerviño, Vigo, Galaxia, PVP. 29€

Viguesas fronte ao piano

Acertada e importante pescuda

Estro Montaña

No ano 2015, baixo a batuta de Carlos Villanueva, Carmen Losada presentou a súa tese doutoral na que estudaba a traxectoria de varias mulleres pianistas con residencia en Vigo entre mediados do século XIX e a Guerra Civil. Desta árbore robusta saíu unha póla de coñecemento que, en forma de libro, trataba a vida da pianista Sofía Novoa. Agora de novo a autora publica outro libro co título Mujeres pianistas en Vigo 1857-1936, editado polo Instituto de Estudos Vigueses, no que as pescudas da investigadora aportan novos coñecementos e datos gráficos, despois dun arduo labor de entrevistas, lecturas e visitas á arquivos, entre eles, por certo, foi moi importante a colección de FARO DE VIGO para estudar o paso do salón aristocrático á chamada Idade de Prata.

A autora, pianista e catedrática de Música, volve estudar o encaixe das mulleres pianistas na sociedade viguesa, as diferenzas e similitudes co que estaba a acontecer na historia de Europa, e sempre con grande atención á socioloxía, á perspectiva de xénero, á vida social e musical da cidade olívica, na que se vive un certo fervor cosmopolita co continuo movementos de pasaxeiros cara a América, a presenza dos traballadores do Cable Inglés e a influencia da Institución Libre de Enseñanza, elementos todos que deviron na actividade musical.

A dedicación ao piano de mulleres como Carolina Graña, América Otero, Sofía Novoa, María Sanjurjo, a actividade das academias de música, os éxitos e as dificultades das nenas prodixio son analizadas con rigor, dando conta da evolución do traballo das pianistas desde a esfera privada e doméstica á profesionalización, con todos os atrancos que padeceron con respecto aos homes, xa que non estaba ben visto que actuaran nos cafés e recibían como pago da súa actividade xoias, flores e similares, en vez de cartos, porque se seguía a considerar no primeiro terzo do século XX que o seu traballo era sobre todo un adorno.

Un libro importante, pois, para o coñecemento da historia de Vigo, froito de máis de vinte anos de pescudas.

  • MUJERES PIANISTAS EN VIGO 1957-1936

    (2023): Carmen Losada, IVE-Concello de Vigo, PVP. 15€

Para alén das aparencias

Un relato de sutil acedume

Lucía Seoane

“Shachô-san “ (isto é, presidente) do “sakaya” –empresa de bebidas espiritosas– Kida, fundada polo seu avó; casado e pai de dous fillos, con dúas amantes solícitas, querido e aprezado –polo menos, na superficie– por amigos, coñecidos, clientes..., non cabe ningunha dúbida de que Gorô se presenta como un verdadeiro triunfador, alguén que o ten todo xustamente na flor da vida, exitoso e envexado por cantos o rodean. Acaso o único que parece desentoar, entón, no escintilante conxunto veña ser apenas unha gravata con debuxos de “suisen” (narcisos) que lle fora regalar, cando novo, unha namorada (pobre) chamada Sakoyo. E de súpeto...

Nacida no Xapón en 1945, Aki Shimazaki –a autora de Suisen, traducida ao galego por Sergio Gómez Blanco para Rinoceronte– vive desde hai tempo no Canadá francófono e, precisamente, escribe nese idioma, o francés. Aclamada pola crítica, a novela que hoxe comentamos, veu a luz pública en 2020.

Relatada con ténica cinematográfica –mesmo utilizando por veces recursos de televenovela e/ou de sitcom (máis ben dunha sitcom con toques “negros”)–, Suisen, baixo esa aparente facilidade, conforma toda unha requisitoria, unha crítica tan afiada como elegante ao clasismo, ao arribismo social e, desde logo, aos comportamentos dunha sociedade machista e, ao cabo, esencialmente cruel. E iso por máis que o protagonista do texto –o xa citado Gorô– acabe por resultar, el mesmo, outra vítima máis dun territorio no que tan só o éxito aparente, a trivilidade nas relacións e o poder do diñeiro semellan importar.

De moi doada lectura, Suisen engaiola os lectores deste os primeiros compases. Transcorre logo con pinceladas rápidas, excelentes diálogos e un estilo de difícil sinxeleza ata dar nun final que, non por previsible, deixa de abraiarnos, pondo un pano de inquietude, mesmo de tristura, tras do riso cómplice que a lóxica do relato provoca.

  • SUISEN

    (2023): Aki Shimazaki (trad.S. Gómez Blanco), Cangas, Rinoceronte, PVP. 17,10€

Fabuloso percorrido

Facer accesibles os contidos

María Navarro

Probablemente, a curiosidade da cativada sobre determinados aspectos que nos rodean fique satisfeita tras da lectura do volume que María Canosa e Ro Ledesma veñen de publicar en Cumio, porque dunha forma moi amena van explicando como chega a auga ás nosas casas, onde medran os queixos, por que se producen as tormentas, como se fabrican os libros ou como se fan os lingotes de ouro…así ata un total de dezaseis cuestións que son abordadas dunha forma sinxela dende o punto de vista lingüístico con comentarios precisos e técnicos e acompañadas de imaxes que recrean escenas interesantes e ben suxerentes.

A curiosidade, o desexo de saber é un comportamento instintivo natural propio de moitas especies animais e que leva ás persoas á investigación, á exploración, á interacción e, por suposto, á aprendizaxe que xorde destas intervencións, por iso a viaxe á que nos invitan as creadoras convértese nun fabuloso percorrido que producirá nos lectores e nas lectoras unha dobre satisfacción: a de disfrutar e a de aprender, ambas igual de apaixonantes: unha desenvolve habilidades imaxinativas e de concentración; a outra, amplía horizontes que han de servir para tomar decisións e superar retos que a vida ofrece.

A modo de viaxe que invita á aventura, iníciase un paseo que leva a adentrarse en cuestións que, abordadas con destreza e rigor como é o caso neste volume grande en tamaño e en profundidade, fan accesibles e divertidos contidos propios da ciencia e amosa que a súa divulgación, ademais de ser necesaria, ten un oco entre as lecturas dos futuros homes e mulleres do mañá. Segundo indica a UNESCO que a ciencia é a maior empresa colectiva da humanidade e aos adultos correspóndelles achegárllela para crear neles interrogantes.

  • PÍCACHE A CURIOSIDADE?

    (2023): María Canosa (Ils. Ro Ledesma), Vigo, Cumio, PVP. 19,95€

Suscríbete para seguir leyendo