Lembranza de W. B. Yeats

100 anos do Nobel

Yeats nun retrato da autoría de J.S. Sargent (1908).

Yeats nun retrato da autoría de J.S. Sargent (1908).

Manuel F. Vieites

En decembro de 1923 William Butler Yeats recibía o Premio Nobel de Literatura, e no número daquel mesmo mes A Nosa Terra destacaba a importancia do galardón e aínda máis que se lle tivese concedido a un poeta e dramaturgo, ao que se tiña nestas terras por irmán de raza, a celta. O Premio non estivo exento dalgunha tirapuxa, pois o outro candidato, Thomas Hardy, nomeado en bastantes ocasións, tamén era un moi notable representante das letras de expresión inglesa, e cunha moi destacada obra narrativa e poética, e mesmo tiña escrito algunha peza dramática.

Yeats inicia a carreira literaria no campo da poesía, e na última década do século XIX participa en Londres en varios cenáculos artísticos, nos que recibe influencias varias, desde o prerrafaelismo á poesía de Blake, Shelley ou William Morris. En Londres continúa a súa relación coas “ciencias ocultas” que iniciara en Dublín, e en 1890 entra na Hermetic Order of the Golden Down, na que tamén estaban as actrices Florence Farr ou Maud Gonne, o amor maior da súa vida. En 1925 publica A Visión, un ensaio no que, como Valle-Inclán en La Lámpara Maravillosa, recolle a súa mirada a unha realidade mística que consideraba superior. Unha procura que percorre toda a súa obra.

Nas súas estadías na vila de Sligo toma contacto coa cultura popular gaélica, cun patrimonio narrativo e poético que se mantiña vivo na tradición oral e que recrea en volumes como Fairy and Folk Tales of the Irish Peasantry (1888), escolma de contos que lle escoitara ao Paddy Flynn, de Ballisodare. Esa rica tradición tamén inunda a súa poesía como acontece en The Wanderings of Oisin and Other Poems (1889). Tampouco non podemos esquecer a súa relación con Lady Augusta Persse, coñecida como Lady Gregory, quen publica Cuchulain of Muirthemne (1902), Poets and Dreamers (1903) ou Gods and Fighting Men (1904), escolmas con requintadas historias que relatan feitos perdidos nas brumas dun pasado mítico. Como lembrará Yeats en Dramatis personae (1935), as súas memorias daqueles primeiros anos, na casa de Lady Gregory en Galway vive una fonda inmersión no universo gaélico, que traslada a volumes como The Celtic Twilight (1893) ou Stories of Red Harahan (1905). Cando en 1900 Yeats presenta a escolma titulada A Book of Irish Verse, na introdución defende esa vella tradición que, trala devastación de Cromwell, se refuxia en camiños e tabernas. Así o conta John Millington Synge en In Wicklow, West Kerry and Connemara (1911), relato do seu vagar por terras da ribeira atlántica onde atopa persoas capaces de declamar de viva voz as aventuras de Diarmuid, Grania, Deirdre ou Oisin. Unha épica comparable á grega ou á sánscrita, tan descoñecida en Occidente como silenciada.

Non debe estrañar, por tanto, que cando en 1897 Yeats e Lady Gregory, con outros entusiastas, deciden a creación dun Teatro Literario Irlandés, todo xire arredor da recuperación desa tradición, inzada de lendas, mitos e narracións épicas. E nas primeiras propostas, aquela compañía presenta espectáculos moi celebrados, como The Last Feast of the Fianna, de Allice Milligan (1900); Maeve, de Edward Martyn (1900); Diarmuid and Grania de Yeats e George Moore (1901) ou Casad an tSugáin (The Twisting of the Rope) de Douglas Hyde (1901). Nacía así o Abbey Theatre, hoxe a Compañía Nacional de Teatro de Irlanda e naquela altura un modelo no que diferentes países en Europa se quixeron mirar, entre eles Galicia, Cataluña ou Euskadi.

Entre 1892 e 1939 Yeats escribe e publica un total de 26 obras, a maioría estreadas no Abbey Theatre, e a Galicia chegaron da man de Antón Villar Ponte e Plácido Castro, dous textos moi celebrados. Primeiro Cathleen ni Houlihan, un drama insurreccional que recrea o levantamento de 1798 contra a ocupación inglesa, e despois O país da saudade, unha requintada defensa da tradición onde abrolla esoutro mundo no que habitan fadas, trasnos, meigas ou o que en Irlanda se coñece como “xente pequena”. Mancheas de textos por amosar aínda na lingua nosa. Tarefas de país.

Suscríbete para seguir leyendo