A ilustración gráfica en FARO DE VIGO

Viñetas de antes da Guerra Civil

Detalle de una viñeta de Camilo Díaz Baliño (25-VII-1928)

Detalle de una viñeta de Camilo Díaz Baliño (25-VII-1928) / FDV

Por mor do 170 aniversario do nacemento de FARO DE VIGO puidose ver na rua do Príncipe unha mostra de primeiras páxinas históricas do xornal. Alén do interese documental, nos paneis chamaba a atención a riqueza artística das ilustracións que encabezaban moitos números do diario nos anos vinte e trinta do pasado século, un momento senlleiro da ilustración gráfica galega coa presenza de nomes como Castelao, Federico Ribas, Carlos Sobrino, Luis Gil de Vicario e sobre todo de Camilo Díaz Baliño. Desde o punto de vista estilístico, as obras destes anos que abren as edicións de FARO DE VIGO son características das linguaxes dos anos vinte e trinta, con influxos que van desde o prerrafaelismo á estampa xaponesa, pasando polo simbolismo e modernismo.

Este tipo de traballos cómpre entendérmolos no seu contexto. Estamos nunha altura en que artistas variados integran no seu labor a tradición gráfica das artes decorativas, o vocabulario ornamental modernista, que subliña o protagonismo expresivo da liña, como se pode observar practicamente na ilustración gráfica de toda Europa e América nestes anos. En Galicia, como noutros moitos países, en xeral estes referentes formais van estar ao servizo dunha temática ligada ao país, con non poucas doses de idealización. Mesmo certas estilizacións e sutilezas van asimilarse ao espírito sofisticado e elegante da art déco que se abre camiño entre nós nun momento –anos vinte– en que o rexionalismo está de moda en toda Europa.

O Castelao presente no xornal é o das “Cousas”, con viñetas que destacan pola captación psicolóxica do home galego, do mundo cotián, e pola súa inquietude polos problemas das camadas populares con quen o autor sente unha identificación que é froito dun achegamento e comprensión dunha intensa fondura, ao mesmo tempo intelectual, política e afectiva. Mais estas preocupacións elabóranse por medio dunha coidada construción plástica que delata unha constante atención á linealidade e un tratamento de superficies de influxo modernista e referentes simbolistas.Tamén está nesta altura moi presente nas páxinas do diario o debuxante vigués Federico Ribas, que era nesa altura unha figura central no traballo publicitario cun debuxo de grande estilización e decorativismo, debedor do modernismo e da art déco.A evolución do seu estilo segue unha traxectoria que vai dun inicial simbolismo até un progresivo proceso de simplificación do seu debuxo, con modulacións art déco, que fará del un referente nos anos vinte, salientando pola creación dun modelo de muller elegante e cosmopolita, deportista e de aspecto requintado, modelo inspirado nas imaxes do cinema europeo e americano e da literatura de Belle Époque, que mesmo se transmite ás imaxes máis costumistas.

Moi distintas son as colaboracións de Carlos Sobrino que responden ao seu característico rexionalismo de temas costumistas e folclorizantes galegos, onde combina con grande estilización, elementos modernizadores no uso da cor e na planimetría e un manifesto decorativismo. Neste sentido son exemplares os traballos de ilustración gráfica que realiza para o xornal. Esta vontade por destacar o elemento popular galego é parte dun interese xeneralizado da cultura galega de procura das raíces, non alleo en absoluto ao que acontece noutros espazos nacionais europeos.

Luis Gil de Vicario é o colaborador menos coñecido hoxe en día, burgalés instalado neses anos en Vigo como profesor, asina atractivas visións da cidade de Vigo, como a que reproducimos de 1932, en que convive a arquitectura popular da Ribeira, os vapores tipo Vigo e a figura dun mariñeiro acubillando uns meniños cun claro sentido de discurso social. Cómpre lembrarmos que a representación do Berbés xa se configura como un dos motivos característicos da pintura de paisaxe galega, axudando á construción do paisaxismo do sur de Galicia nunha estética baseada na representación das arquitecturas desde un notábel interese polo pintoresco.

A ilustración  gráfica en
 FARO DE VIGO

Ilustración de Gil de Vicario (1-I-1932) / FDV

Ilustracións como esta de Gil de Vicario seguen unha tradición marcada pola lembranza de Serafín Avendaño e da pintura e ilustración galegas de Francisco Pradilla, realizadas nas últimas décadas do século XIX, aínda que notoriamente reformulada nunha estética art déco.

Camilo Díaz Baliño

Finalmente, o conxunto máis destacado de colaboracións son as de Camilo Diaz Baliño. É significativa a poderosa presenza de Camilo Díaz, cun estilo que marca o tránsito da pintura de costumes rexionalista á modernidade do deseño dos anos vinte e trinta. Entre o simbolismo, o modernismo e a art déco hai que situar a obra do noso creador, que se serve destas linguaxes para plasmar frecuentemente o seu compromiso nacionalista. O simbolismo, reformulado en chave galeguista, é ben patente nel con temas como o celtismo, o graal ou as referencias da tradición popular cun universo mítico-relixioso ateigado de mámoas, druídas, citas do románico, presenza do escudo de Galicia, recreación de arquitecturas senlleiras do país ou carballas centenarias, todo cun celme de misticismo plasmado cunha linguaxe simbolista próxima a artistas como Fernand Khnopff ou Jan Toorop. Alén diso, expresa con grande acerto unha sensibilidade modernista, con uso de cores planas e unha elegante linealidade.

A ilustración  gráfica en
 FARO DE VIGO

Viñeta de Camilo Díaz Baliño (25-VII-1928). / FDV

Suscríbete para seguir leyendo