Alcumes de noso

Xentilicios e dicir popular

Canteiros de Pontevedra, nos anos 50 do pasado século.

Canteiros de Pontevedra, nos anos 50 do pasado século.

Segundo o dicir popular, os de Vigo somos “portugueses”; os de Redondela, “choqueiros”; “pulpeiros”, os de Cangas; “zoqueiros” no Porriño; “micos”en Baiona; “bandulleiros “os de Panxón. Son os chamados pseudoxentilicios, alcumes colectivos, topónimos populares ou ditados tópicos que proceden do enxeño, da sabedoría popular, de aconteceres destacados nun grupo social ou mesmo do interese de mofa e escarnio do grupo veciño. Moitos destes alcumes colectivos perviven no tempo e mesmo chegan a seren levados con orgullo polos membros do propio grupo, a pesar de que raramente nacen de destacar algún aspecto positivo, senón máis ben de todo o contrario.

É un feito curioso que, como sinala Xosé Henrique Costas en Os xentilicios de Galicia (Universidade de Vigo, 2016), “hai moitos topónimos de lugares habitados en Galicia que non teñen xentilicio pero si alcumes colectivos ou ditados tópicos”. Pode ocorrer aínda que un mesmo alcume sirva para acoller varias vilas (son “carabuñeiros” os de Teo, os e Ponte Ulla e os de Cela) ou viceversa, que haxa un lugar con varios xentilicios (os de Vigo somos “olívicos”, “portugueses”incluso “carteiristas”, como comentaremos despois).

Os ditados tópicos poden ter diferentes orixes. Hainos que proceden de diversos oficios, dependendo da costa ou o interior. Na nosa zona abondan os peixeiros, pero tamén os canteiros, zapateiros, oleiros… mesmo atopamos oficios de dubidosa legalidade coma os “traficantes” de A Graña ou os “carteiristas”, termo co que os habitantes de Ponte Caldelas, por exemplo, se refiren aos vigueses. Outra procedencia serían os produtos do campo ou a pesca: os “fanequeiros” de Vilanova de Arousa ou os “trucheros” de Ponte Caldelas; hai tamén nomes de prantas: os “saramagueiros” de Viascón ou os “repoleiros” de Madriñán; outros refírense ao emprazamento do lugar, os “aneboados”, os “montañeses”…; hai os que proceden de nomes de animais, normalmente estes cun marcado carácter despectivo: as “burras” de Caldas de Reis ou os “cucos” de Esperante; ou os que aparecen logo dalgún feito excepcional ou curioso ocorrido no lugar, coa os “afoghacristos” de Carril; ou tamén os que se forman a partir de estranxeirismos , coma os “chilindríns” de Celeiro que recollen os nome do children co que os barcos ingleses chamaban aos nenos do lugar.

A este respecto é moi interesante o Portal de ditados tópicos galegos do Instituto de Lingua Galega da USC (http: //ilg.usc.es/ ditados/), que ofrece para consulta as 1.212 fichas recollidas en Galicia para a redacción do Diccionario geográfico popular de España, un proxecto de Camilo José Cela e que contara co importante labor dos carteiros para a inxente recollida de datos. No portal podemos buscar información a partir do lugar de recollida ou do lugar de referencia, e ofrécenos datos sobre xentilicios, alcumes colectivos, refráns e cantigas. Se tecleamos Vigo, por exemplo, podemos atopar algún datos curiosos. Á pregunta de se “coñece algún alcume da súa localidade?” os de Coruxo contestan “coreanos”; os de Matamá, “matamanexos”; os do Calvario, “moscovitas” ou os de Rande, “garotos.” Máis interesante é aínda a pregunta inversa, “coñece o alcume dos habitantes doutra localidade distinta á súa?” Neste caso os de Pontevedra din que os vigueses son “catangueños”; os de Coruxo din que os de Santo Andrés de Comesaña son “calludos”; os de Matamá din que os de Valadares son “balandráns” ou que os de San Paio de Navia son “pataqueiros”; e mesmo os de Rande din que os de Teis son “pescadillas meladas.”

Os ditados tópicos desvelan identidades colectivas, dannos infinitude de datos de como estas se configuran ou se configuraron nun tempo concreto e como e por que algúns destes alcumes se mantiveron no tempo e outros desapareceron.

Esas identidades colectivas que aparecen exaltando o propio e ríndose do alleo; separando o noso do voso pero que o alleo as veces asume como propio e remata levando con orgullo, asumíndoo. Afondar en calquera destes ditados tópicos desvelaranos a rede de relacións sociais do grupo con veciños, amosaranos quen somos e como nos ven os demais.