Libros

Ponto, rei de Galicia

Unha faia antiga e nova

Detalle da portada do poemario "A faia de Ponto".

Detalle da portada do poemario "A faia de Ponto".

Oriana Méndez

Con formato de plaquette ou de libro-obxecto, chega A faia de Ponto. Le roi de la Galice, unha brillante proposta poética de Alba Cid e Estevo Creus que conta con ilustracións da artista portuguesa Maria João Worm; deseños simbólicos de beleza salientable que dialogan cos textos e nos guían visualmente ao seu través.

Os poetas recuperan o mito de Ponto que fora desenvolvido no romance francés de finais do século XIV Ponthus et la belle Sidonie, traducido ao galego por Paulo Nogueira e tamén, recentemente, por Henrique Harguindey. Para nós esta non é unha lenda medieval allea, pois o trazo que singulariza ao mozo Ponto que cabalga no bosque de Brocelianda, en Bretaña, e defende o seu amor por Sidonie, é ser o rei dunha Galicia medieval aínda fulxente no contexto da literatura europea grazas á excelsa produción lírica dos nosos trobadores. Porén, aos días galaicos de hoxe, a lenda do Ponto amigo chegou un tanto exsangüe, malia a recuperación que dende a música fixera o gaiteiro Carlos Núñez e na narrativa, X. L. Méndez Ferrín. Agora, grazas aos poetas, podemos dicir que Ponto regresou onda nós na forma dunha vivísima escrita a catro mans.

Dous poetas pertencentes a distintas xeracións, e de estilos ben diferenciados, trazan as liñas que achegan a lenda aos lectores actuais e que, ao mesmo tempo, nos levan pola historia afastada e próxima. Así, a escrita mesurada e minimalista de Estevo Creus -o soño dunha árbore/prendido da mamila- combínase maxicamente coa fondura narrativa e a riqueza referencial de Alba Cid -Ponto móvese na procura de todo aquilo que aínda non/perdeu realmente- para consagrar unha faia antiga e nova que agora prende na terra nosa.

  • A faia de Ponto

    Alba Cid/Estevo Creus
    Rinoceronte, Cangas, 2022, PVP. 16 €

Suscríbete para seguir leyendo