Libros

Pensamento filosófico

O ser, a verdade, o ben e a xustiza

Detalle da ilustración de portada de "O moucho voa".

Detalle da ilustración de portada de "O moucho voa". / María Navarro

María Navarro

A voz convértese en texto e a reflexión filosófica en conversas que o profesor e escritor Miguel Vázquez Freire mantén con Paula e Xabier, isto é, unha alumna de segundo de Bacharelato e un xubilado da fábrica de carburos de Cee, e que agora plasma en O moucho voa, publicado recentemente por Edicións Xerais de Galicia na colección “Seica” e que, con anterioridade, tivemos a oportunidade de escoitar en Radio Neria, a radio municipal de Corcubión, coa intención de introducir a mocidade -e a quen lle interese- na filosofía e, ao mesmo tempo, amosar a importancia que ten o pensamento á hora de abordar razoamentos e críticas que conlevan a xeración de coñecemento, chave que diferencia o ser humano entre todas as especies.

A temática das conversas xira en torno a catro núcleos clásicos tradicionais ben definidos nesta disciplina: o ser, a verdade, o ben e a xustiza e a través de diálogos amenos e desenfadados, que descansan sobre supostos da ontoloxía, da teoría do coñecemento, da filosofía moral ou ética e da filosofía política, respectivamente, son agora auténticas leccións.

A posta en escena non pode ser máis efectista; ás curtas intervencións da moza e do vello lle seguen as explicacións ben fundamentadas no coñecemento da materia, no pensamento histórico, nas diferentes teorías e posturas ao longo do tempo e, como non, nos exemplos que aderezan as participacións do mestre que procura en todo momento, e coa rigorosidade que o tema esixe, demostrar que practicamente en todo o que nos rodea subxace o pensamento filosófico que axuda a interpretar a realidade e o mundo, de modo que fenómenos da vida social, política e económica son sometidos a debate e a partir de aí, dado o carácter interdisciplinar que posúe a disciplina, dar resposta aos retos que a realidade ou as realidades propoñen.

  • O moucho voa

    Miguel Vázquez Freire (María Lires, il.)
    Xerais, Vigo, 2022, PVP. 12,30 €

Suscríbete para seguir leyendo