Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Libros

Con modelo clásico

Demasiados elos emocionais

Detalle da ilustración de portada de "Carolina".

Tomás Abilleira, o narrador, é un xornalista que traballa na delegación en Madrid do xornal ourensán "La Región". A finais da década do 1990 encóntrase nun café coa atractiva octoxenaria Rosalía Mera (nada a ver coa empresaria real), que lle conta un segredo familiar relacionado coa Guerra do 36. Así descubrirá que na casa da súa familia en Ourense estivo refuxiado o poeta Tristán Ulloa (nada a ver co actor real) e terá as primeiras noticias de Carolina Ernau, guerrilleira republicana que lle dá título a esta novela de Alberto Canal, publicada por Xerais.

Carolina é unha novela que poderiamos encaixar no xénero de investigación xornalística/memoria histórica, e na que Canal conta, mediante un trasunto literario, a experiencia da resistencia antifranquista, especialmente a das mulleres que tomaron as armas na man e se botaron ao monte. O autor utiliza un modelo clásico, con certas doses de intriga, personaxes sen demasiada profundidade e unha trama que se beneficia do rico universo narrativo da guerra e da posguerra.

O peor da novela é a súa mecánica literaria, que falla principalmente por tres motivos. As frases son, case sempre, demasiado longas. Hai poucas oracións que ocupen menos de cinco liñas no libro. Subordinadas que se entrelazan entre si e deixan sen alento mental o lector. Canal abusa das preposicións e, sobre todo, do xerundio, un vicio da linguaxe burocrática española que nesta novela ten demasiado protagonismo.

As metáforas e comparacións, a maioría das veces, están fóra de lugar. O autor úsaas en escenas accesorias na trama, o que provoca un ruído innecesario. Asemade, poucas veces lle engaden beleza ao texto; son máis ben evidencias expresivas relacionadas coa natureza: “Stuard Ross e Milton Doyle uliron a miña angustia vital como as quenllas olen a brincadeira nerviosa dunha foca desorientada nas frías augas do Ártico” (p. 71).

Os diálogos caen en todos os vicios: son discursivos e artificiais, wikipédicos e farragosos. Só en contadas ocasións o autor consegue darlles algo de viveza, expresar con eles a personalidade dos diferentes personaxes e romper o estilo da voz do narrador en primeira persoa. Ben ao contrario, en moitos momentos o autor converte os personaxes en narradores auxiliares que lle axudan a contar a historia. Pero eses personaxes non falan, en realidade “escriben” mininovelas, cos seus diálogos, descricións e idénticos defectos expresivos.

En definitiva, Carolina é outra novela a sumar no reconto anual de historias ambientadas no contexto violento do 1936, neste caso cun perfil xa máis próximo á novela de xénero, pero unida por demasiados elos emocionais cos acontecementos.

  • Carolina

    Alberto Canal
    Xerais, Vigo, 2022. PVP. 18,53 €

Compartir el artículo

stats