Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arte: exposicións

As metamorfoses de Cindy Sherman

Fotografía e discurso narrativo

32

Vista xeral da exposición "Metamorfoses", en Serralves. ©Filipe Braga

En Serralves. Museu de Arte Contemporânea no Porto pódese ver até o 16 de abril de 2023 a exposición Cindy Sherman: Metamorfoses, unha completa escolma de obras que atravesan a carreira da artista norteamericana desde o seu inicio até ás fotografías máis recentes. Unha mostra a non perder dunha artista fundamental da nosa contemporaneidade.

Cindy Sherman (Glen Ridge, New Jersey, 1954) é sobre todo coñecida por imaxes en que se retrata como modelo da sua propia obra, encarnando o papel de estereotipos femininos nun vasto abano de personaxes e ambientes. Fotografa soa no seu estudio, actuando como directora artística, fotógrafa, maquilladora e intérprete do papel a desempeñar. Deste xeito, a fotografía convértese para ela en rexistro da experiencia artística, en ilustración do discurso creativo.

Obras da serie "The Clowns". ©Filipe Braga

A práctica do retrato escenificado que iniciou hai décadas é responsábel dalgunhas das máis destacadas e influentes imaxes da arte contemporánea configurando auténticas construcións intelectuais que na súa materialidade de formas e no seu sentido profundo permiten que nos situemos nun espazo e nun signo que no esencial acaba por nos mostrar, de moi diversas maneiras, os múltiples lados da nosa condición e da nosa existencia.

A traxectoria de Cindy Sherman parte da vontade de realizar un intenso diálogo co eu e co contexto social e histórico e deste modo xorden series como Fashion (1983-1984), Bus Rider (1976-2000), The Historical Portraits (1988-1990), The Clowns (2003-2005), Society (2008) ou Flappers (2016-2018). A súa plasmación é, no que atinxe á representación, complexa e aparentemente contraditoria xa que o mundo en que se sitúa o seu proxecto artístico -a nosa estrita contemporaneidade- evidencia, por un lado, unha perda do suxeito no ideal colectivo das vangardas, até o punto de chegaren algúns teóricos a falar de mundo ácéfalo, como fai Jean Clair, mais, simultaneamente, tamén se manifesta unha auténtica obsesión pola propia imaxe tanto en termos de aspecto exterior como no que refire ao convulso interior que a psicoanálise pon en primeiro plano.

Fotografía da serie "Retratos históricos". Carlos L. Bernárdez

Esta dicotomía é resolta pola artista desde a omnipresenza do autorretrato e da máscara fortemente subxectivizada, ligados ambos os elementos -autorretrato e máscara- á construción e análise do eu, o que ten moito de interrogación obsesiva entre a incerteza e o desacougo.

O conxunto de autorretratos de Cindy Sherman presenta unha pautada retórica da representación, o que transmite un intenso estrañamento e deixa en evidencia a sorpresa da propia imaxe, porque contemplarmos a imaxe propia é ser confrontado cos propios límites. Como di Sabine Melchior-Bonnet na Historia do espello: “ollar para o tempo e para a súa obra de destrución, aprehender as dolorosas ou inquietantes evidencias das cales o home se defende -a súa realidade biolóxica e mortal: calquera espello é espello de vaidades e calquera autorretrato é “auto-mortrato” Para abeirar este escenario abisal de “dolorosas e inquietantes evidencias” e achegarse á representación crítica do mundo íntimo ou público a artista o que fai é uso moitas veces do grotesco.

Vista da exposición en Serralves. ©Filipe Braga

Nas súas “metamorfoses” Cindy Sherman constrúe un auténtico espello do eu, que a artista plasma por medio de postas en escena e máscaras de forte emotividade, sen por iso renunciar a controlar a emoción por medio da rigorosa estrutura formal do xénero retrato. Sobresae pola elección de tonalidades e a homoxeneidade do tratamento de cada serie, frecuentemente moi pictórico, aspectos que patentizan até que punto a artista quere controlar o efecto plástico e facilitar a sensación de interiorización que transmite a fotografía. Un traballo que en conxunto salienta por unha beleza convulsa e violenta e por un tratamento teatralizado.

Título: Metamorfoses

Artista: Cindy Sherman

Local: Serralves. Museu de Arte Contemporânea. Porto

Até o 16 de abril de 2023

Presenza da máscara

É especialmente brillante a serie de “Fotogramas sen título” (Untitled Film Still) realizada entre 1983 e 1984 onde elabora composicións provenientes da ficción cinematográfica, imaxes que fan alusión a outras imaxes e que se interrogan sobre a identidade feminina, sobre os clixés e sobre a posta en escena. Son fotografías que certifican a nosa condición de produto cultural, de linguaxe. A salientar tamén as súas “Máscaras” (Masks), serie creada en 1995 que nos leva a outra forma de desdobramento coa presenza da máscara, mostrando a desaparición do eu individual mergullado na maquillaxe que desfigura e provoca unha sensación de artificialidade. Son obras que permite combinar a preocupación por reflectir aspectos grotescos e esconder a propia identidade en beneficio dunha representación que se conecta con preocupacións colectivas.

Alén diso, a estratexia das “Máscaras” pode ligarse coa confusión entre o humano e unha particular e artificial abxección que posibilita a conversión da face en carauta e do corpo en masa repulsiva cos rostros esluídos e confundidos, tornándose o rostro máscara.

Compartir el artículo

stats