A función debe continuar

Maxia, teatro, circo e danza en Vigocultura

Maxia, teatro, circo... polas rúas de Vigo na programación  do Vigocultura.

Maxia, teatro, circo... polas rúas de Vigo na programación do Vigocultura. / Ricardo Grobas

Judith R. Iglesias

Coa chegada do outono, Vigo converteuse nun escenario; nun refuxio para a maxia, o teatro, a danza... Cóntase que o mellor acontece tras o pano, xusto antes de saír á escena. Así que apagade os móbiles e agardade en silencio, pois a función está a punto de empezar. O vinte e tres de setembro, o Ciclo de Artes Escénicas da cidade, Vigocultura 2022, arrancou dun xeito moi especial: cun espectáculo a pé de rúa.

Príncipe esvaeu dando paso á rúa Brasov; e un dentista ambulante, interpretado por Diego Roca, interactuou cos paseantes que, abraiados, vivían a peculiar historia dun bebé que naceu con dentes. Era O estraño caso do dentista da rúa Brasov da compañía Troula, preludio de todo o que viría despois. O Mago Teto, que aínda non actuara, comentaría: “O teatro estaba cheo. Foi moi especial e houbo unha gran difusión. Está moi ben presentar a programación cun espectáculo nas prazas”. Dezanove compañías e vinte e nove funcións aluméanse agora baixo os focos do Auditorio do Concello de Vigo. Un percorrido que chega no centenario da actriz coruñesa María Casares, á que Ainé Producións e a Quinta Cuadrante renden homenaxe coa obra teatral Continente María.

Ao escribir estas liñas, algunhas actuacións xa viron correr o pano vermello do auditorio e pensar, como di o Mago Teto, “agora xa foi”. Aparicións, desaparicións, música e danza deron renda libre á súa maxia con Ultreia. Ao final do camiño estás ti,, un percorrido máxico cara ao noso interior. “Ultreia era un saúdo dos peregrinos, e tamén unha palabra de ánimo, de forza”, engade. “Na produción do espectáculo pillounos unha pandemia e resultou ser o título, para relacionalo con Galicia e cos camiños; non os de Santiago, os da vida. E por ser un berro de que, custe o que custe, chegaremos ao final do espectáculo”. Amor Producciones presentou por primeira vez en Galicia Freak; Galitoon, Premio ao Mellor Espectáculo Infantil e ao Máis Innovador, ofreceunos Golulá; e vimos o debut de Outrora Nós, da compañía Mevadeus, onde catro mozos leváronnos a preguntarmos “de que maneira o desexo de amar e ser amados, nos forma, nos conforma ou nos deforma?”. Mais a función aínda continúa.

Desde o musical ata a comedia, o teatro vibra con forza, xunto a maxia, o circo e máis a danza e... música para bebés? Tamén. Trátase de Paulo Lameiro, compañía que convida os menores de tres anos a escoitar. “Pódeche gustar máis un estilo que outro, e podes ter un prexuízo e vencelo”, comenta Melania Cruz, actriz protagonista de Continente María. “Para iso serve a diversidade, para amosar que todo pode gustar, ser recibido, conformar unha aprendizaxe e que a cultura alimenta a alma”. Porén, cada argumento percorre este outono con reflexións, risos, improvisacións, música e tecnoloxía, como o Teatro Che y Moche e a súa peza Las cuatro estaciones... ya no son lo que eran. A violinista ucraniana Tereza Polyvka virá acompañada o 13 de novembro por todo un elenco de músicos e actores para facernos reflexionar, en clave de humor, sobre un dos temas máis preocupantes da actualidade: o cambio climático; e como fío condutor, Vivaldi.

Ata a última fin de semana de novembro poderemos desfrutar de actuacións que irán desde os máis cativos ata o público adulto, como a que traen as premiadísimas Las Niñas de Cádiz ou a estrea mundial de Backup. A resurrección de Nuno de De Ste Xeito Producións; así como as compañías Eme2 Emoción&Arte e Ajidanha, Talía Teatro e Primera Toma-Crémilo. Poderemos ver tamén a obra Hugo de Os Náufragos, gañadora do Premio María Casares 2022 ao Mellor Espectáculo Infantil e a compañía DA TE. Danza, Premio FETEM 2021 polo achegamento do baile aos máis pequenos. Na Praza do Rei terá lugar Technocracia, peza de danza contemporánea de Fumboa Escénica; e o novo circo virá representado por D’es Tro, ata chegar a última obra da programación, Ninja de Gazhafelhos.

“Nos ensaios aparecen cousas moi valiosas: experimentas, innovas, buscas, atopas... é un proceso bonito e intenso, moi descoñecido para o público xeral”, comenta Melania Cruz e conclúe, “xa o dicía María Casares: eu ensaiaría sempre”. E, se puidésemos ensaiar sempre, tal vez, sempre serían os minutos previos á ilusión; o momento xusto de entrar no teatro.

[object Object]

Filla do ministro e xefe de goberno da Segunda República e exiliada en Francia desde 1936, á idade de catorce anos, a actriz María Casares atopouse a si mesma e o seu fogar nos escenarios. “Ela entendía como ninguén o que era estar sobre as táboas”, reflexiona Melania Cruz. “Non só por ser unha das actrices que máis personaxes interpretou, senón por como se refuxiou nelas, escapando de situacións de vida moi difíciles”.

A obra Continente María, dirixida por Tito Asorey e escrita por Marianella Morena, estará no Auditorio do Concello de Vigo o 11 e 12 de novembro, con Melania Cruz na pel de María. No centenario do seu nacemento, a peza debuxa unha cartografía emocional arredor da súa vida que, máis alá diso, fala tamén do seu amor polo teatro e da condición dos artistas nun mundo que non deixa de mudar. “Hai unha frase do espectáculo que levo tatuada, literalmente: “actuar é vencer o medo”, sinala a actriz. “Ela axudoume a entregarme ao que veña, sen medo”.

Dito coas súas propias palabras, “María Casares entendía o teatro como o que é, un lugar para estar viva e aferrarse ao presente máis absoluto”. Así, é un espazo para crear, contar historias e escoitar. Apagade os móbiles, mantede o silencio e deixade que aconteza. O que? Shhh... que empeza!

Suscríbete para seguir leyendo