Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arxinas daSagrada Familia

Canteiros galegos na catedral moderna de Cataluña

Vista aérea da Sagrada Familia (Barcelona). Cortesía do autor do texto.

Galicia era para Manuel María unha “estraña tribo incomprensíbel / feita de tebra, vento e cantería”. A cantería é aínda hoxe un dos nosos emblemas. Boa proba disto son os canteiros das terras de Pontevedra, Alejandro Muelle Martínez (1981) e Emilio J. González Martínez (1981), que aprenderon o oficio na Escola de Canteiros de Poio e levan xa 15 anos modelando co seu cicel experto as pedras da barcelonesa Sagrada Familia, en palabras de Antoni Gaudí (1852-1926), o templo que non está chamado a ser “a derradeira das catedrais, senón a primeira dunha nova serie”.

Alejandro e Emilio exhiben con orgullo os seus mazos e punteiros de última xeración, fundidos en ferro pero con mina de vidia, un aglomerado de diferentes minerais utilizado como ferramenta de perforación e corte. “A cantería require moita concentración. Cando traballas estás unicamente ti e o bloque de pedra, nada máis. Hai que traballar fuxindo da rixidez do corpo, tes que estar a gusto coa pedra, senón ela pode contigo”, reflexionan. “Co paso dos anos aprendes a labrar con comodidade, sen cansarte moito. Isto aprendémolo dos nosos profesores da escola, e canto máis tempo pasa e máis sabemos, máis respecto temos por eles”, recoñecen con gratitude...“O canteiro non é un profesional fachendoso, pero si orgulloso, porque o traballo dun fala. Iso descubrímolo visitando grandes escultores galegos como Francisco Leiro, Manolo Paz, Maxín Picallo ou Silverio Rivas. Cando estudabamos na escola, aproveitabamos moitas fins de semana para visitalos sen previo aviso, petándolles na porta mentres traballaban nos seus obradoiros e sempre nos recibiron moi ben, sentíanse orgullosos de que os que estabamos a aprender nos interesásemos polo seu traballo.” “Cando rematamos os estudos, un empresario catalán que se dedica ao marisco e peixe conxelado encargounos dúas obras de grande formato coa temática dos peixes. Así estivemos sete meses do inverno traballando na canteira de Couso, a mesma pedreira da que sae o granito negro de Campo Lameiro, unha materia prima que utiliza moito Leiro nas súas esculturas”.

Os canteiros Alejandro Muelle e Emilio González en Pontevedra.

"Alejandro e Emilio exhiben con orgullo os seus mazos e punteiros de última xeración, fundidos en ferro pero con mina de vidia"

decoration

Unha vez que remataron estas dúas obras, en 2008, os nosos arxinas e mais un terceiro formado tamén en Poio decidiron marchar a Barcelona para intentaren iniciar unha nova etapa profesional no templo da Sagrada Familia. Ao principio ninguén os recibía e os vixilantes das portas da obra asegurábanlles que alí non había traballo, “ata que atopamos unha porta pola que entraban os camións e por alí colámonos e conseguimos darlle o noso currículo ao xefe de obra. Ao pouco chamáronos para facer unha proba e encargáronos labrar un paraboloide en granito tarn francés”. Os paraboloides son a típica forma gaudiniana, unha figura xeométrica que resulta do xiro dunha parábola arredor do seu eixe. “Déronnos unha semana para facelo, pero nós labrámolo en tres días. E como o traballo estaba ben feito, contratáronnos. Daquela non tiñamos fillos nin hipoteca, por iso tíñamos moito valor e certa ousadía”, reflexionan.

“Cando empezamos a traballar descubrimos que os xefes, na hora do xantar, medían e revisaban as pezas que tallabamos para comprobar que estaban ben feitas. O noso traballo provocou certa tensión no obradoiro, porque algúns dos seis canteiros veteranos estaban acomodados e traballaban máis a modo ca nós. Entón a empresa empezou a despedilos ou a prexubilalos. A día de hoxe os únicos canteiros que traballamos na obra somos nós os dous”.

Iniciada no ano 1882, a construción do templo modernista máis ambicioso do mundo progresa de novo a bo ritmo despois da crise sanitaria da covid, pero sen apuro, porque como dicía Gaudí “a obra da Sagrada Familia avanza lentamente, porque o meu cliente no ten présa”. Os traballos céntranse agora en rematar as torres dos evanxelistas Lucas e Marcos, así como no levantamento da torre de Xesucristo.

Os arxinas galegos saen con frecuencia nos documentais da TV3, Discovery Max ou na canle dedicada a Megaestruturas xunto cos diferentes obradoiros que traballan para o templo, entre eles os da empresa luguesa PCM, dedicada a tallar granitos moldurados de grande tamaño. A función dos nosos dous artesáns consiste en reparar pedras en mal estado, axustar as que proceden dos obradoiros que fornecen o templo ou cicelar pezas especiais que ninguén talla. “Nós documentamos o noso traballo por medio de fotografías, para que os arquitectos da casa coñezan o proceso. Porque eu podo falar contigo e quedar ben, pero ao final é o traballo o que fala”, conclúen. Mais estes dous mestres canteiros non esquecen a humildade cando aseguran que “a nós gústanos falar e debater cos arquitectos, aparelladores e albaneis da obra, porque dialogando apréndese e faise o traballo mellor”. “Tratamos a Sagrada Familia como se fose a nosa casa. Camiñando pola obra estamos pendentes do estado dos muros, das fisuras que aparecen, das pezas mal reparadas... Se non facemos o noso traballo a tempo, antes da colocación das pezas na obra, a súa reparación no seu lugar definitivo é imposible en moitos casos, incluso para os escaladores, xa que non hai acceso nin espazo físico para facelo”.

“Nós non inventamos nada novo”, recoñecen, “traballamos de forma tradicional, como se fixo sempre. O oficio, a maneira de traballar a pedra, non ten cambiado moito, unicamente cambiaron as máquinas que nos axudan, que aceleran o proceso de produción. Por exemplo, os galegos introducimos na Sagrada Familia a pedra do esmeril para matar os cantos vivos da pedra, cando antes de nós utilizaban a máquina de chorrear area, que deixaba os perpiaños moi gastados”.

Beleza, función e simbolismo

“O Templo da Sagrada Familia representará o futuro da Cataluña moderna” deixou escrito Gaudí, que concibiu a arquitectura como imitación da natureza, a obra suprema de Deus. “A obra humana non pode superar a Divina, por iso a Sagrada Familia terá 170 metros de altura, 3 metros menos que a montaña de Montjuïc”.

Pero o papel simbólico deste templo estaría coxo se non fose funcional. “O requisito máis importante para que un obxecto sexa considerado belo é que cumpra co propósito para o que foi concibido”, dixo o arquitecto. A contribución á arquitectura de Gaudí é enorme, xa que rachou cos esquemas de deseño establecidos, renovando a linguaxe e os sistemas construtivos e estruturais que se coñecían ata o momento. O coidado polo detalle explica o seu aprecio pola artesanía, unha técnica tradicional manual que o faría estar orgulloso do traballo dos canteiros galegos que, cada día, poñen o mellor de seu para ergueren a obra mestra que elevou o arquitecto catalán á categoría de xenio mundial.

Compartir el artículo

stats