O secuestro máis longo cometido por ETA hai 25 anos –un funcionario de prisións– é o pano de fondo da nova entrega literaria de Miguel Sande, escritor e xornalista arteixán con premios de poesía, narrativa breve, novela e teatro.Tal como reza o título (O negociador), a negociación levada a cabo pola persoa designada polo Estado español para a liberación de Ortega Lara é o cadro que abre as páxinas da nova novela de Sande. Mais aínda que esta é sen dúbida a trama principal, apreciamos que segundo imos avanzando na lectura cambian as personaxes e mudan as paisaxes.

O libro divídese en catro partes ben distinguidas con personaxes diferentes. Se na primeira somos espectadores da negociación que o protagonista principal leva a cabo nun hotel dun Alxer en guerra, na segunda aterramos na cidade do Támese onde un programador informático ten que pelexar coas contradicións que atopou na súa vida profesional nunha cidade homófoba. Na terceira parte amósasenos unha residencia de anciáns afectada duramente pola COVID-19 e xa na última, asistimos a unha “caixa escura” onde alguén se introduce para manter relacións sexuais con persoas descoñecidas. Malia que puidesen parecer inconexas, as catro partes manteñen un elo común, xa que todas relatan vivencias de persoas que teñen que ver co secuestro aínda que nun primeiro momento da lectura semellasen historias independentes, pois é co avance desta cando imos ir atando cabos e colocando as pezas segundo se nos van mostrando. Personaxes secundarias do comezo convértense en principais nas historias posteriores ata arredondar sorprendentemente a novela nas últimas liñas do texto.

Aínda que a historia está ben documentada con palpable rigor xornalístico, estamos diante dunha novela de ficción que non quere amosarnos o aspecto histórico senón toda unha restra de vivencias, emocións e sobre todo sensacións que se consegue a través da música e dos olores, do tacto e das olladas. O medo ao fracaso, a mentira piadosa que intenta acalmar unha dor terminal, a frustración ante a COVID, a sensación de pracer ou de calafrío ao tocar un corpo alleo e descoñecido, a impotencia que anda rabuñando na ferida... das distintas personaxes son os verdadeiros asuntos que se superpoñen á historia política de fondo.

E xa para irmos rematando, non podemos deixar de salientar o estilo onde o rigor xornalístico se mestura con retallos de poesía e mesmo con formas teatrais. Sande afástase da novela histórica e do estilo documental para transmitirnos sensacións e sentimentos constantes por riba da trama. Nun xogo maxistral entre realidade e ficción mantén ao longo das páxinas a faísca acesa que revive na lapa da sorpresa final.

O NEGOCIADOR (2022): Miguel Sande, Xerais, Vigo, PVP. 9,49€