Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un tesouro bibliográfico e artístico

O Libro de Horas de Fernando I e Sancha

Miniatura presente no 'Diurnal de Fernando I e Sancha'. Arquivo

Na mostra Santiago de Compostela no tempo, exposición que se pode contemplar na sede de Afundación na capital galega até o mes de setembro e que fai parte do proxecto “Cidades no tempo”, destaca a presenza dunha obra autenticamente excepcional, un dos máis valiosos tesouros do patrimonio bibliográfico galego, o chamado Libro de Horas de Fernando I e Sancha. O libro, tamén coñecido como Diurnal de Fernando I e Sancha, é unha obra pertencente ao acervo da Biblioteca Xeral Universitaria de Compostela e agora sae dos seus fondos despois de vinte anos para ser exposto por un tempo limitado. O manuscrito estivo sempre vinculado á cidade de Compostela e pasou do mosterio de San Martiño Pinario, onde foi custodiado durante séculos, á biblioteca universitaria.

O códice foi resultado da vontade da raíña Sancha (1013-1067) de facerlle un rico presente ao seu marido, o rei Fernando (1017-1065), para o que fixo preparar este volume que consiste nun Salterio -un compendio de salmos- e Libro de Cánticos, seguido por unhas Horas para a devoción privada, especialmente orientadas cara a oración nocturna. O Diurnal, unha obra de grande calidade polo coidado da caligrafía e das imaxes, foi rematado en 1055, no contexto do primeiro románico e foi miniado por un Fructosus, de quen figura o nome no volume, acompañado tamén pola mención do copista, denominado no texto Petrus scriptor, ambos os autores aparecen ao final do códice. Nese mesmo escrito fornécese a exacta datación xa que se afirma que a data de realización é “era milenia novies dena quoque terna” -era 1093- o que corresponde ao ano 1055 e tamén se menciona a raíña Sancha como interesada na súa realización, polo tanto como comitente.

Desde o punto de vista artístico, Ángel Sicart, que estudou pormenorizadamente a nosa iluminación medieval, vincúlao estilisticamente á arte do norte da Península e polo Camiño de Santiago con obradoiros do suroeste de Francia do contexto do primeiro románico. Joaquín Yarza sinala a relación deste manuscrito co extraordinario Beato de Fernando I e Sancha (Biblioteca Nacional de Madrid), elaborado poucos anos antes, e fala dun scriptorium real, outros autores, como Serafín Moralejo ou Xosé Manuel García Iglesias, sinalan que o códice ten maiores afinidades con outro libro iluminado extraordinario, o Beato de Saint-Sever (Bibliothèque nationale de France), o único dos “Beatos” realizado alén Pireneos por un hispano Stephanus Garsia, que coincide temporalmente coa elaboración do códice da Biblioteca Universitario de Compostela.

Outra miniatura presente no libro.

O libro leva un labirinto inicial coa dedicatoria ao rei e presenta todas as súas iniciais en ouro e abondosas e ricas capitais. Estas letras proporciónannos numerosos exemplos de animais, de feito moitas das iniciais están decoradas con peixes, leóns, aves, coellos, serpes de dúas cabezas e outros animais verdadeiros ou fantásticos, entre os que destacan os dragóns e as anfisbenas, que conforman moitas das letras grazas á facilidade con que o seu corpo se dobra e se retorce adquirindo posturas inverosímiles. Outro animal fantástico moi presente é o dragón, un dos híbridos con maior presenza nos libros miniados que se conservan en Galicia, case sempre cun valor simplemente decorativo. Con dragóns compóñense bastantes das iniciais do Diurnal de Fernando I e Sancha; aprovéitase a posibilidade de retorcelos e dobralos para formar unha grande variedade de letras, que despois se adornan con numerosos entrelazos, o que deixa patente que, alén de sentidos simbólicos, frecuentemente se procura unha finalidade decorativa.

Entre retrato de corte e cadro de historia

Con todo e con iso, entre as miniaturas máis destacadas cómpre citarmos a do Alfa coa imaxe de Cristo cos seus fondos purpúreos imperiais e a dos reis cun personaxe, posibelmente Petrus scriptor, que fai entrega do códice. Esta última iluminación foi explicada brillantemente por Serafín Moralejo que indicaba que esta escena de presentación do libro inauguraba o “retrato de corte” na nosa historia. Na miniatura vemos o escritor, no medio entre os monarcas, que se dirixe co códice na man cara o rei e, ao mesmo tempo, vira a cabeza cara a raíña, como atendendo as súas instrucións, o que traduce o que o texto dá a entender, a iniciativa de dona Sancha, raíña de Galicia e León, na encomenda do códice e a propiedade compartida. Serafín Moralejo tamén chamaba atención de que esta representación en 1055 podía ter un sentido áulico, que inauguraría o “cadro de historia”, porque o monarca que representa é o vencedor da batalla de Atapuerca onde meses antes (1 de setembro de 1054) é derrotado e morto seu irmán máis vello García de Navarra, convertindo a Fernando I no rei máis poderoso do seu tempo no espazo peninsular. Como vemos, a arte, como en moitos momentos do pasado, explica e xustifica aspectos centrais da representación do poder coas imaxes como elementos esenciais para lexitimar e fundamentar a acción do poder.

Título: Santiago de Compostela no tempo, ciclo “Cidades no tempo”. Comisariado: Manuel Gago. Local: Sede Afundación, Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela. Até o 10 de setembro de 2022.

Compartir el artículo

stats