Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O escándalo do que nos escandaliza

Escultores do noso cerebro

Sue Lyon e James Mason en 'Lolita' (Stanley Kubrick, 1962). Arquivo

Se a función das artes é remover consciencias, como non considerar o escándalo como o néctar que alimenta esta vocación, coa forza suficiente como para acabar con quen prende a mecha? A actitude de Sócrates ante os deuses debeu ser tan irreverente que foi condenado a morte. A rebeldía ante os deuses é moita rebeldía, tanto, que aínda hoxe perdura a máxima condena sobre os blasfemos. Que mellor proba diso que Os versos satánicos que, dende a súa publicación, manteñen a Salman Rushdie condenado a morte? Pero a cabeza do seu autor non é suficiente para calmar os deuses, este pecado irradia prohibicións de lectura da obra en numerosas poboacións porque hai que protexer as almas inocentes.

Cuestionar as crenzas e tradicións é ameazar a verdade, e esta é unha motivación da arte, mesmo cando esta aínda non era o seu obxectivo. Deviña consciente Caravaggio do escandaloso que era o seu San Mateo, retratado como un mendigo? Quería Miguel Anxo escandalizar cos corpos espidos ou só foi o desexo de demostrar que era o debuxante máis virtuoso? Si sabemos que Bacon era consciente da súa conduta provocadora cando retratou un papa sentado nunha cadeira eléctrica ou que Coubert foi moitas cousas menos inxenuo, porque sinte a adrenalina do escándalo en cada pincelada da Orixe do mundo e aproveita moito a súa confrontación porque aquela vaxina xigante, a máis provocativa da historia, tardou 125 anos en entrar no museo de Orsay. O escándalo pode ser consecuencia dunha idea que irrompe para destronar o mito pero tamén para proxectar unha personalidade. Neste último sentido, en 2014, Deborah de Robertis, colocou o seu nome no mundo da arte cando no Museo de Orsay rendeu homenaxe á pintura de Coubert, exhibindo a súa propia vaxina.

Salman Rushdie. Arquivo

Do que non cabe dúbida é que mesmo nos casos onde aínda a provocación non era una motivación clara, tanto con intención efectista ou para vencer a resistencia do mito interiorizado máis aló do ben o do mal, as consciencias promotoras acollen novas ideas na forma de observar o mundo que transcenden nos seus actos. Poñer en dúbida as supostas obxectividades arraizadas como verdades absolutas é un traballo ao que está chamada esta consciencia crítica que edifica identidade. Porque sen esta mente que interpreta por diante das respostas biolóxicas e mais as xa aprendidas - aquelas que se reproducen pola inercia do pasado-, sen esta extraordinaria función da mente humana que nos dota cunhas habilidades simbólicas especiais, seguiriamos vivindo nas cavernas. Aínda que, ás veces, parece que a caverna tira moito, e isto si é un escándalo. É o caso da Orixe das especies de Darwin, que daquela foi ruidosa; pero que sobreviva hoxe o ruído dos creacionistas, iso devén un escándalo. Os casos vinculados á relixión deixan pegada dende a antigüidade ata hoxe, e como paradigma de tal, en 2005, un museo en Moscova foi multado pola exposición “Coidado: relixión!”. A mostra foi destruída por ortodoxos que deixaron a súa acusación, “blasfemia”, pintada en vermello nas paredes, acusación que o xulgado converteu nunha sentenza condenatoria.

As ofensas ao poder tamén son perigosas. As espigadoras de Jean-François Millet foi unha ofensa para as clases altas en 1857, xa que aquelas vulgares agricultoras exhibidas nun tamaño propio dunha obra relixiosa eran pouco decorosas. No caso da literatura, o caso Dreyfus foi unha oportunidade de denuncia dun delito real baixo a pluma de Zola, que se converteu no primeiro intelectual comprometido. O seu libro ocasionou unha auténtica revolución na sociedade francesa de 1898, como froito do relato dun caso de antisemitismo e corrupción real.

Falar de poder, relixión ou de sexo é falar do mesmo, da materia dos escándalos. Lolita, a obra de Vladimir Nabokov, é un escándalo perpetuo como os problemas na exposición de Balthus no MET en Nova York xa que, segundo algunhas observadoras, as imaxes das adolescentes dos seus cadros promoven a pedofilia. Observar a presenza da sexualidade adolescente produce pedofilia? Non menos alboroto provocaron en 2018 as obras de Egon Schiele con mulleres masturbándose; sucede que as masturbacións teñen a súa propia historia, moita indignación provocou o Ulises de Joyce con estas obscenidades. O ofendido é vítima sempre da súa subxectividade, e interpretar abre un universo interesante de realidades na mente pero non interpretamos cun órgano regulado pola forza inmanente da pura natureza, interpretamos a través do que construímos na nosa mente porque, como dicía ese científico xenial e sabio que foi Don Santiago Ramón e Cajal, o ser humano, se quere, é o escultor do seu cerebro.

Compartir el artículo

stats