Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Letras Galegas 2022

Espazos de emancipación

Memoria de "Vieiros"

Florencio Delgado Gurriarán, en Sargadelos (1981). Arquivo

A batalla polo monolingüísmo como carta de galeguidade, a diáspora -económica e política- como constitutiva de Galiza e a intervención pública son esgos que nos falan dunha comunidade de elección, a do exilio mexicano que chega ao porto de Veracruz no Sinaia ou no Ipanema, que se une á volta do antifascismo e dos dereitos nacionais e sociais de Galiza, se congrega no Padroado da Cultura Galega e cultiva a comunicación. O Boletín Galego de Información ou Loita para alén da emisión semanal A hora da Galiza, revistas como Saudade que no seu nome terma do desexo de retorno á Terra e, a seguido, Vieiros da cultura e da aición galegas, que con só catro números editados de modo incidental entre o 59 e o 68, segue a ser esa cabeceira que nos honra e os honra. A imaxe, elemento de distinción e de auto-estima, tamén fai parte do termo “aición” coa sinatura artística de Castelao, Maside, Souto, Quesada, Pousa, Reimundo Patiño secomasí da toma de posición dende unha cabeceira que, se ben se define ecléctica, éo partir dun principio: traballar polo dereito de autodeterminación.

Tanto a emisión de radio coma as publicacións non admiten propaganda comercial e foran ideadas como dispositivos de conexión entre a Galiza desterrada e a do interior. E a revista Vieiros, que na súa temática abrangue da enxeñería á bioloxía, que divulga o uso racional dos recursos -a auga, a terra, a madeira, a minería-, en resumo, que dá a ver e a coñecer os aspectos materiais e inmateriais que definen a nación, pensase para que chegue acó como un espazo de emancipación que exista en paralelo ao da ditadura fascista. Nas responsabilidades de dirección Carlos Velo, Luís Soto e Florencio Delgado Gurriarán nos dous primeiros números; no Concello Executivo, dende o segundo número, 1962, unha muller, Luísa Viqueira, na secretaría de redacción, tamén locutora nas emisións radiais e ensinante voluntaria de galego, tamén filla de Xohán Vicente Viqueira.

Ilustración da revista "Vieiros". Arquivo

Vieiros devén, asemade, proba incontestábel dese desexo de comunidade que o filósofo Jacques Rancière sitúa en determinados acontecementos que representan a toma do espazo público por parte daqués aos que se lles nega “a fala e o pensamento”, acollendo unha das afirmacións de Castelao no texto do 1944 que Vieiros publica no número 1 e cuxo sentido profundo chega ate arestora, ate nós. A respecto do que hoxe chamamos deseño, a aparencia visual que devala dunha serie de escollas verbo da tipografía, a imaxe, a posta en relación de todos os elementos na composición da páxina -neste caso da dobre-páxina- e a calidade do papel, era sinal de harmonía, de bo facer e a marca dunha revista que, tamén na forma, reflectía o desexo dun futuro de liberdade nacional, progreso cultural e económico, xustiza social.

A fórmula que se empregou para os textos, as ilustracións e o espallamento da revista, foi a cooperación de centos, si, de centos de persoas en América, Portugal, Galiza, canda unha presada de singulares colaboradoras, mesmo a nivel monetario, que lle dan corpo ao que se designa co apelativo “petrucio” xa que, no dicir de Luís Soto, eran quen sacudían a faldriqueira. Velaí o público-modelo, o altoparlante, os e as propagadoras da nova poisque cada número de Vieiros foi un acontecemento. No núm. 2 (1962) a revista dedica 4 páxinas a cartas dende “tódolos meridiáns do mundo”. “Son 56 misivas, 6 delas de mulleres -Elsa Fernández, Bs.As.; Jesusa Prado, Habana; Elisa Carrazoni, Celanova; Xohana Torres, Ferrol; Amelia Rey, Lisboa; Sara Fernández, Vilanova dos Infantes, de quen escolmamos un parágrafo que resume o que outras cartas tamén describen: os dous números que chegaron eiquí, ó pobo, van de man en man e de casa en casa, e sería bo que mandásedes mais (sic). Paco del Riego, Tobio, Cortezón, Chamoso Lamas, Martínez López, Guerra da Cal, Paz Andrade, Manuel María, Blanco Amor, Leandro Carré, Piñeiro, Manuel Camaño... parabenizan. Pedrayo, dende Trasalba, escribe: Co saúdo do Bardo: ¡Boandanza e saúde! Sempre do Padroado da Cultura Galega, de VIEIROS, de vostede , vello amigo e irmán.”

Florencio e a súa época

Delgado Gurriarán nace co século, 1903, nunha familia de burguesía rural con biblioteca e recoñécese nas creacións do século: as Irmandades da Fala, o Partido Galeguista, a intervención na esfera pública e a comunicación como un operador da súa construción. E cando o século creba, cando o golpe de estado fascista interrompe a historia común, o poeta que canta en Bebedeira as experiencias que lle entrega cada día o Valdeorras que habita, comeza un periplo que o vai reunir en Barcelona con Lois Soto e con Carlos Velo. Eles, aló, no México, formarán ese núcleo de creadores-organizadores que se responsabiliza de facer posíbel Vieiros.

Florencio, que se auto-cualifica como “poeta errático” e atravesa todos os rexistros -da paisaxe á poesía civil e mais os poemas de recendo crioulo- incorporárase ao galeguismo cando un colega lle fai entrega en Valladolid, onde andaba a estudar Dereito, dun exemplar d’A Nosa Terra. Coméntao nunha conversa longa xa serodia, no 1979, con Dolores Pla, onde dá a coñecer un inédito á morte de Lázaro Cárdenas que remata así: louvor eterno a ti, nobre anfitrión. O presidente Cárdenas fixera chegar aos campos de Argèles e St. Ciprien aquela mensaxe: “combatientes leales a la República, ustedes tienen Patria. ¡México los espera con los brazos abiertos!”.

Compartir el artículo

stats