A vida oculta

En xeito de homenaxe

A vida oculta

A vida oculta / Detalle da portada do libro.

Oriana Méndez

Asulagadas fala con claridade. É un conxunto de poemas dedicado, no sentido máis fondo do concepto, á memoria daquelas aldeas que foran anegadas polo encoro de Lindoso, na raia con Portugal: Aceredo, Buscalque, O Vao e A Reloeira. Preguntábase a poeta María Sánchez nunha publicación recente en internet qué paisaxe ferida hai dentro de cada un de nós, reflexionando sobre todas as partículas de natureza que morreron, todas as palabras que se esgotaron, todas as células que deixaron de existir e que nos conformaron nalgún tempo da nosa vida, permanecendo para sempre dentro de cada unha de nós como lugares de memoria. Para o poeta Suso Díaz, autor de Asulagadas, o territorio do Val do Limia e as súas xentes son ese territorio do que un xamais se vai, a comezar pola propia lingua, como así se explicita na nota que abre o libro: vaise empregar ese galego propio da raia que transita co portugués dun xeito exclusivo.

Fronte ao espello do val asulagado, Díaz ergue toda unha homenaxe ao traballo daqueles que se esforzaron e construíron a arquitectura que lles deu acubillo, que sostiveron o seu medio de vida e que crearon espazos con nomes propios. “Componse o mundo / dun anaco de terra / que agroma dentro”. Os poemas intercálanse, ademais, con algunhas reflexións, de Luis Soto ou de Xaquín Lourenzo (Xocas), sobre o vínculo humano coa terra. Cómpre lembrar que non é a primeira vez: o documental Os días afogados (César Souto Vilanova e Luís Avilés, 2015) e mais o poemario Auga a través, de Dores Tembrás (Apiario, 2016), recuperaron, retrataron e poetizaron con emoción a historia desa raia.

En Asulagadas está tamén a contradición ou a ironía de ser chamado o Limia, o Lethes, río do esquecemento: “era mentira que eiquí estaba / a fronteira do esquezo”. A vontade de existencia dos pobos quizais sexa coma a das linguas, teimuda e virtuosa, que vai e volve: non desaparece mentres existan quen queiran defendela. “Levas oculta / a existencia no corpo / e segues viva”.

Imagen Pax6(II)

Imagen Pax6(II)

DÍAZ, Suso, Asulagadas, Positivas, Santiago, 2022, PVP. 14,25€

Suscríbete para seguir leyendo