Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Relatos senlleiros

Un volume magnífico

Detalle da portada do libro de X.R. Pena.

Se vostede segue a carreira literaria de Xosé Ramón Pena, debe ler canto antes a súa última publicación, En tempo de desconto (Galaxia); se non a segue ou non coñece o autor, ben fará en comezar a súa lectura por este mesmo título, que dá continuidade ao xénero de relatos longos que tan ben manexa Pena, despois da publicación de Todas as vidas, recentemente traducido ao castelán, herdeira da novela curta, que de sempre cultivou o betanceiro-vigués, e da que é bo exemplo A batalla do paraíso triste, tamén recén traducida ao portugués.

Certamente, a escrita literaria de X.R. Pena discorre maioritariamente entre a novela curta e o relato longo; porén vén ser este último a deriva natural do autor nos últimos tempos, conformando ademais o espazo máis cómodo para a súa creatividade, estruturación espazo-temporal e desenlace, e por iso non é de estrañar que o editor, con acerto, escriba na contracapa que estamos diante “desa clase de autor que pertence á mellor tradición de contistas do noso país”, ao que podemos engadir que, sendo a nosa tradición maioritaria a do conto ou relato breve, os longos de Pena son, asemade, senlleiros. E, en efecto, estamos diante dun libro de 232 páxinas e só catro relatos. O derradeiro, “Mala de culebrón”, está subdividido en dez fragmentos capitulares, ao xeito cinematográfico, que nos fai lembrar a estruturación das películas de Quentin Tarantino, con capítulos explicativos que ordenan o discurso completo, o que o converte aínda en máis singular. E é verdade que o autor tende a facilitar a filmación das súas obras, ao resultar moi gráficas e visuais, ademais de activas, como ocorre neste caso.

No primeiro dos relatos, “Making of”, cúmprese precisamente o soño de ser director de cine, e o lector poderá, se ten a idade necesaria, lembrar o cantante Andrés Dobarro (e coñecer o seu presunto rival, Teddy Puga). Se non ten esa idade precisa, poderá coñecer un anaco, en parte ficcionado, da nosa historia cercana.

En “Rabuñada nas costas / Cigarro na túa boca” sentirá o lector moitas emocións e paixóns fondas, e en “Triunfador na feira” tal vez amargor e pena. En todos os relatos o fío que os comunica e, precisamente, que os personaxes están na historia en tempo de desconto, vivos, pero nunha viaxe abrumadora. En todos eles, ademais, a lingua e mais o estilo son coidados, nunha narración directa en primeira persoa, con múltiples referencias para que os nosos sentidos se adapten ás historias e aos personaxes.

En definitiva, e como sinala o editor, “este libro de relatos é a confirmación [...] de que estamos diante dun dos mellores narradores das letras galegas”, e de que se trata de “un libro magnífico”. Certo, pode vostede comprobalo.

PENA, Xosé Ramón, En tempo de desconto, Galaxia, Vigo, 2022, PVP. 19,75€

Compartir el artículo

stats