Liberármonos de elefantes

Normalizando trastornos da saúde

Detalle da portada.

Detalle da portada. / Pilar Ponte

Pilar Ponte

Non penses nun elefante rosa, frase tirada do mundo da psiquiatría, conforma a cerna da nova creación literaria da enxeñeira e escritora Antía Yáñez. O éxito abraiante dos últimos títulos da burelense fai pensar que este será un máis despois dunha listaxe que cerran Senlleiras (2018), Be Water (2019), Plan de rescate (2020) ou a súa participación no libro de relatos Entre donas (2020).

Aurora, protagonista principal da novela, é unha millennial que ten que loitar cos seus pensamentos intrusivos. Moza que pasa dos 30 anos e, aparentemente, ten unha vida exemplar de cara á galería: un bo traballo, amizades, unha parella coa que merca un piso... unha muller de éxito.Mais a realidade é diferente; a protagonista padece un problema de saúde mental, un trastorno obsesivo-compulsivo (TOC) que marcará o trascurso de toda a novela en forma de ansiedade e planará sobre os outros temas ben presentes na historia, isto é: a precariedade laboral, a produtividade nas empresas, a educación sexual da muller... E vén ser, entón, nese círculo onde se se insire a verdadeira vida de Aurora; un traballo precario, a súa parella abandónaa e déixaa colgada cunha hipoteca, vive unha vida sen máis alicientes que manter relacións sexuais con quen quere e agardar que chegue o domingo para ter o seu día propio (limpeza xeral na casa e ver algunha película de medo, todo un plan!).

O tratar de non pensar en algo é proporcional á importancia que se lle dá ao “non pensar”. Isto é, canto máis interesados esteamos en arredar un pensamento da cabeza, máis probable será que o pensemos. “Non quero pensar na miña ex parella, non quero pensar en que poida pasar algo malo”. E esta obsesión aparece constantemente en toda a obra; unha situación que é tratada con humor maxistral que se afasta de crear unha caricatura de quen padece trastornos de saúde.E esta realidade é a que a protagonista ten que acochar, de maneira que non queda coas súas amigas e só manten relación con elas vía Whatsapp, e coa nai mantén conversas telefónicas e atrasa todo o posible ir á vila visitar os seus proxenitores para que non lle pregunten por Xoán, o xenro perfecto.Neste sentido, Brais, un rapaz que vive no mesmo edificio, de dez anos, cunha familia desestruturada, superdotado e de raza negra será o coprotagonista e contrapunto perante a situación da súa veciña á cal persegue e controla todo o que pode. Aurora entra nun bucle que Brais rompe e permite que ela poida pararse a meditar sobre a súa situación.

Antía Yáñez nesta obra deu coa tecla do humor intelixente e consegue que despois de máis de 400 páxinas desexemos seguir sabendo de Aurora e das súas repeticións obsesivas. Por favor, que continúe, que continúe, que continúe...

Libro 1

Portada do libro.

YÁÑEZ, Antía, Non penses nun elefante rosa, Xerais, Vigo, 2022, PVP. 17,57€

Suscríbete para seguir leyendo