Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Paulo González Ogando Profesor de Matemáticas

“As matemáticas axúdannos a pensar e tomar decisións”

Paulo González Ogando, en Bueu. Gonzalo Núñez

En Bocados matemáticos (Xerais), Paulo González Ogando (Pontevedra, 1982), profesor no IES Johán Carballeira de Bueu, bota unha anovadora ollada sobre as Matemáticas: unha materia que pode ser fermosa e divertida e que, nesta sociedade das novas tecnoloxías, pode axudarnos moito a desenvolvernos

–Cal foi o seu obxectivo á hora de decidirse a escribir, e publicar, este libro?

Bocados matematicos é un libro que nace desde unha vocación de lector, porque a min me gusta moito a divulgación científica e, nomeadamente, a matemática. Entón, chegou un momento no que decidín poñer por escrito, coas miñas palabras, certas curiosidades que ía lendo e que fun investigando. Isto, claro, foi un proceso longo, de maneira que cando pasaron uns cantos anos, e xa tiña uns cantos artigos feitos, formulei a idea de publicar un libro.

–E, ademais, porque non hai moitas xente que escriba libros sobre matemáticas...

–Son moi escasos, si, sobre todo en Galicia.

–Unha das teses deste libro é que as matemáticas poden chegar a ser fermosas e divertidas. Como se pode conseguir isto, sobre todo naqueles alumnos que xa teñen os seus prexuízos sobre esta materia?

–Non hai dúbida de que é complicado. É un reto que temos os profesores de Matematicas día a día. Certamente, hai moita xente que enfoca as matemáticas con ideas preconcibidas sobre a súa dificultade, pero precisamente unha das formas de enfrontar eses medos, é tratar a nosa materia con paixón, facer ver as súas aplicación na nosa vida cotiá, explicar como nos poden facer ver o noso pensamento, como nos permiten gañar ferramentas para resolver problemas…Daquela, traballando en distintos eidos podemos chegar a convencer o alumnado da potencialidade que te teñen as Matemáticas.

–Cales son as cualidades que debe ter un bo profesor de Matemáticas?

–Diante de todo, moito amor pola materia. E tamén cercanía e empatía para poder conectar co alumnado así como ganas de traballar; isto é, de deseñar tarefas que sexan capaces de liberar deses medos e deses prexuízos cos que moitos se achegan ás Matemáticas.

–No ensino secundario xa hai alumnos que empezan a ter claro que non se van dedicar a nada que teña que ver coas “matemáticas avanzadas”. Tales alumnos debe ser tratados dun xeito especial polo profesor?

–Por uns ou outros motivos, chegar a todo o alumnado non é nada doado, pero os mestres debemos procurar enganchalos con aquilo que máis os motive, comprendendo, iso si, que non en todos é o mesmo motivo. O que sería unha magoa é dar un alumno por perdido porque aínda que, coma ti dis, hainos que saben que o seu futuro non vai ir polas matemáticas especializadas, eu son un firme defensor de que as matemáticas que estudamos na ESO non só serven para aprender a materia de seu, senón que tamén deveñen útiles para desenvolver as nosas capacidades mentais, para axudarnos a aprender a pensar e perseverar, e esas son cousas ás que todo o mundo se vai enfrontar ao longo da súa vida.

  • GONZÁLEZ OGANDO, Paulo, Bocados matemáticos, Edicións Xerais, 2022, 136 págs.

–Cre que na sociedade na que vivimos, coas novas tecnoloxías, ter só uns coñecementos básicos en Matemáticas (que non vaian máis alá de saber sumar, restar, multiplicar ou dividir) é o mesmo que ser analfabeto; é dicir, non saber ler nin escribir?

–Co paso do tempo, eu penso que o termo 'analfabeto' mudou de sentido. Hai dous séculos, un analfabeto era aquel que non sabía ler nin escribir. A día de hoxe, ler e escribir sabemos xa case a totalidade das persoas nete país. Daquela, na actualidade considéranse analfabetos outro tipo de persoas, que si saben ler e escribir, pero que, en cambio, non acadan outras destrezas que son necesarias para poder desenvolverse socialmente. Entón, claro, saber sumar, restar, multiplicar e dividir, que eran as matemáticas básicas de hai 200 anos e que hoxe sabe todo mundo, xa non chega para superar o que debería chamarse analfabetismo matemático. Hoxe hai que entender de cousas como o cálculo por porcentaxes, os tantos por cento, etc. O matemático John Alen Paulos chamounas persoas anuméricas;é dicir, que carecen do sentido suficiente para defenderse con éxito nas tarefas do día a día, que implican a aparición de números.

–De que lle pode valer saber moito de logaritmos a unha persoa que se dedique profesionalmente á Historia,á Filoloxía, á Literatura, mesmo ao Xornalismo….?

–Ás veces, eu intento razoar e, outras, intento chegar a esas persoas con analoxías.

–Como cales?

–Por exemplo, dándolle a volta á pregunta que me fas. Daquela: de que lle valerían aos de Ciencias os estudos de Literatura ou de Historia? Eu, que son de Ciencias puras, son consciente de que teño o deber de saber ler e escribir, así como tamén ter unha cultura que abrangue materias como a Historia, a Literatura... Pois, aplicando esta lóxica, penso que aos de Letras debe, ou debería, pasarlles o mesmo.

–Cando dá clases da materia aos seus alumnos, que importancia lle da á visiblización do que lles está deprendendo?

–A visiblizacion é importante. Eu practícoa cun obxectivo dobre: por unha banda para demostrar que as matemáticas si aparecen nas vidas cotiás e, por outra, como dicía antes, tamén lles valen para reflexionar, para desenvolveren as capacidades intelectuais e, en consecuencia, chegado o caso, para tomar as decisíons máis acertadas.

"O reto é convencer, e 'enganchar', os alumnos de Letras de que as matemáticas lles van servir"

decoration

–Para ser un bo matemático, que é máis importante: ter talento para esta materia ou poñerlle toda a vontade de que sexamos capaces?

–Un pouco das dúas cousas. Ao meu modo de ver, non hai unha sen a outra. En calquera disciplina, non só nas matemáticas, cando se avanzan e as cousas se volven complexas, ten que haber talento e capacidade, pero tamén ten que haber ganas.

–Por que as matemáticas causan tanto “medo” nunha porcentaxe moi alta de alumnos?: pola natureza de seu da materia; por culpa de certos libros que non destacan, precisamente, polo seu didactismo ou porque non hai os suficientes profesores de Matemáticas que as expliquen ben?

–En realidade, trátase dunha conxunción de varios factores. Se só llo puideramos apoñer a un só motivo, sería moito máis doado de corrixir. Pero, efectivamente, son varios os motivos que inciden nese medo, neses prexuízos, e por iso é máis difícil de reverter. Daquela, hai un pouco de todo. Non cabe dúbida de que cando se pasa das matemáticas básicas ás avanzadas, fanse cada vez máis complexas. Tamén hai que recoñecer que, historicamente, houbo moito profesorado que non soubo facer unha didáctica axeitada. Por outra banda, tamén é certo que hai unha carencia de textos accesíbeis e, claro, se falta divulgación, a materia faise propicia a que xurda ese oscurantismo que existe arredor dela. E aínda, por riba, cando de xeración en xeración vai pasando o tópico de que “as matemáticas, buf!”, os rapaces interiorizan e repiten iso malia que sexa apenas de ouvidas, sen pouco fundamento.

Compartir el artículo

stats