Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Prensa, ética e política

Albert Camus e os artigos de Combat

Albert Camus (1913-1960) e María Casares (1922-1996).

De Albert Camus (1913-1960) e María Casares (1922-1996) témonos ocupado en FARO DA CULTURA en diversas oportunidades: tratouse, a de ambos, dunha paixón amorosa entre unha grande actriz de teatro e cinema e mais un extraordinario escritor, que se prolongou ao longo de quince anos e que foi frustrada polo desgrazado accidente mortal do escritor en 1960. Precisamente neste ano 2022 vaise celebrar na Coruña o centenario de María Casares, quen nos deixou un fermoso libro, Residente privilegie 1980, felizmente traducido ao galego pola editorial Trifolium en 2009. De Camus, a súa novela L’Étranger (1942) foi de lectura obrigada no ambiente universitario compostelán na década dos 60. No eido do teatro, Les justes (1950) foi representada no Instituto de Pontevedra en 1958. Porén, á decisiva obra deste Premio Nobel de Literatura (1957) cómpre engadirlle aínda prefacios, traducións, correspondencia epistolar, adaptacións teatrais ou antoloxías.

Perspectiva de Sant Lluis, Menorca, nos anos 30 do século pasado.

A noite da verdade. Os artigos de Combat (1944-1949) -traducidos en España por Debate, Barcelona 2021- móstranos agora un indiscutible intelectual, situado entre os máis salientables do século XX. Como redactor e editorialista, Camus traballou arreo en Combat (1943-1947), periódico da Resistencia, onde os seus artigos sobre política, xustiza, situación colonial (especialmente en Alxeria), e sobre todo, o periodismo manteñen a dia de hoxe a máxima actualidade. A nítida complicidade e participación co que o seu arredor acontecía dá noticia do impresionante compromiso dun autor rigoroso, crítico e analista capaz de poñer en primeira liña os valores da xustiza, igualdade e fraternidade.

Camus foi un verdadeiro mestre do periodismo, escribiu sempre con liberdade e transparencia. “Un pais –dicía- vale con frecuencia o que vale a súa prensa. Os periódicos son a voz dunha nación, e as palabras teñen un valor, polo que hai que pensalas.” Calquera reforma ética da prensa sería, entón, en van senón a acompañasen medidas políticas que lle permitisen garantir aos xornais unha independencia real fronte o capital. Por outra banda, á inversa, a reforma política non tería sentido ningún se non se inspirase nunha profunda reconsideración do periodismo que levasen acabo os propios xornalistas. Aquí, como en todo, existe unha interdependencia entre a política e a ética.

“Un periodista, -continua Camus-, en primeiro lugar, é un home o unha muller que ten ideas, que se encarga cada dia de informar ao publico dos acontecementos do día anterior, un historiador sobre a marcha, e a súa principal preocupación ten que ser a verdade, pero calquera historiador sabe ata que punto en historia pesa a perspectiva, ou o contraste dos documentos e as testemuñas que coincidan, porque a verdade é, certamente cousa escorregadiza. Quérese informar de présa en vez de informar ben, a verdade neste caso non sae gañando.” Así, o xornalista –sempre facendo referencia a Camus- debe aportar un comentario político e ético da actualidade. Fronte as forzas desordenadas da historia, que se reflicten nas informacións, pode ser bo apuntar, sobre a marcha, a reflexión dunha mente ou as observacións comúns a varias mentes. Pero tal cousa non se pode facer sen escrúpulos, sen distancia e sen determinada idea da relatividade. Desde logo, o gusto pola verdade non impide tomar partido. Un periódico independente créase para que uns cantos homes ou mulleres, dentro do respecto aos matices de opinión que os diferencian, se una no exercicio da crítica libre. Nada máis e nada menos. Unha prensa libre é unha prensa que se controla a si mesma.

Os homes e mulleres –para Camus- penan, sofren, insúltanse ou mutílan sepor unha meta que non sempre ven con claridade. Pero esa meta esta sempre no home e na muller. É o propio home e muller a súa liberación. “Toda a historia do mundo é a historia da liberdade -reflexiona-, gárdase dun mesmo e non desespera dos demais, esa nova ciencia non é deseñábel.” Ela é, en efecto, a que nos permite chegar á conclusión de que estes anos tan decepciónantes foron, a pesar de todo, fecundos. Mañá serán mellores.

Rebeldía e diálogo

Visitando Menorca en xullo 2021, no concello de Sant Lluis, reparei na frase “No hi ha vida sense dialeg” (“Non hai vida sen diálogo”), a anunciar as III Trobades Mediterranis celebradas en xuño 2021. A frase forma parte da conferencia “A testemuña da liberdade”, pronunciada por Camus na Sala Pleyel de París en 1948, que preconizaba rebelarse e fora o reclamo das II Trobades do 2019 “Rebélome logo somos.”

É que a palabra “rebeldía” devén clave no pensamento de Camus: unha rebeldía entendida como unha actitude xeradora de comunidade. “Rebélome, polo tanto existo”, como unha forza creativa. A resposta de Camus á violencia, inherente a rebeldía é o diálogo. O diálogo antes, durante e despois da rebeldía. O diálogo co adversario, aínda que non a calquera prezo. E, ademais recórdanos, hai que combater sempre: o medo e mais o silencio. A revolta xusta non é a causa, senón as súas consecuencias. Unha reflexión humanista inspirada no mito do deus que devolve o lume aos humanos: Baixo o signo de Prometeo. Os camiños de volta.

Fillo do alsaciano Lucien Camus e da menorquina Catalina Sintés, Albert Camus visitou Mallorca en 1935, como o fixeran antes Frederic Chopin e a súa amante George Sand. Ao contemplar Valldemossa, comenta no ensaio “Amor de vivir”, na revista O revés e o dereito (1936): “trátase dun lugar onde pensei que podería vivir e morrer.”

Compartir el artículo

stats