Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con ton de seu

Nas "Reviravoltas" dos Caramuxo

O Cuarteto Caramuxo. Cedida

A pasada sexta feira estreouse en todas as plataformas de distribución musical en Internet o novo traballo discográfico do Cuarteto Caramuxo.

Reviravoltas é o título da terceira entrega dunha formación que segue apostando firmemente pola reinterpretación da nosa música tradicional dende unha óptica contemporánea e chea de novos matices cargados de delicadeza e connotacións que todo o batuxan con pingas de moitos estilos musicais. Contan eles que logo da gravación do seu primeiro traballo discográfico Tiruriru (Falcatruada, 2008), posible grazas a ter gañado o Concurso Folk “Cancioneiros” da Fundación Pedro Barrié de la Maza, tiveron a sorte de recibir o que daquela eran os apuntamentos para a tese de doutoramento do seu amigo Xavier Groba: “O legado musical de Casto Sampedro Folgar: o canto galego de tradición oral”, onde o grupo descubriu unha gran cantidade de melodías inéditas froito das recollidas realizadas por Casto Sampedro e colaboradores no final do s. XIX e principios do XX (Colección Sampedro, CS) que non foran incluídas na selección publicada por Filgueira Valverde no seu Cancioneiro Popular Galego. Así, con aquel material como referencia, comezaron a xogar, a traballar e a fascinarse con aquelas suxestivas melodías ao tempo que a produción e composición propia dentro da colectividade da formación abría novos camiños que se viron reflexados no seu segundo disco Arrieiros somos.

Agora chega este novo Reviravoltas no que o título xa nos trae certas pistas do interese da formación en continuar a consolidar ese son tan de seu marcado pola súa militancia nun repertorio que aposta pola recuperación de instrumentos que foran tempo atrás tan habituais nos grupos de música tradicional galega. O disco está cargado de moi obvias doses de calidade instrumental á vez de supor un auténtico espertador para un monllo de sensacións que se poñen en efervescente actividade coa escoita de cada tema. Cun son apuntalado nos clarinetes e cunha estética que xoga entre certa nostalxia e moita contemporaneidade, o Cuarteto Caramuxo recupera a tradición oral como base para construír unha emocionante e universal interpretación da nosa tradición. Moita enerxía, ningún prexuízo e unha aparente e forte convicción de que non existe mellor camiño que aquel que se fai respetando o que a historia nos deixou e nos ensinou para así poder derrubar certas portas.

Xulia Feixoo (percusión), Marcos Padrón (acordeón), Felipe Agell (clarinete), Xoán Carlos Váquez (clarinete), Óscar Prieto (clarinete baixo) e Fernando Abreu (clarinete e clarinete baixo) e coa colaboración de Mercedes Peón tocando pandeiretas e poñendo voz precisamente nunha revisión de “De seu” da propia Mercedes. Tamén Marilú Campos colabora coa percusión en “Rock chas” e incluso hai sitio para a electrónica nunha peza titulada “Santa Porta” que mergulla o Cuarteto Caramuxo en sonoridades máis apegadas á electrónica cunha base de José A. Vilas que é técnico da formación nas súas postas en directo. Nove cancións gravadas nos estudios Planta Sónica de Vigo por Pancho Suárez de Lis e o propio Vilas que tamén se encargou das mesturas e da masterización, nas que o grupo nos convida a bailar, a emocionarnos e a lembrarnos que a música, coma case sempre, non entendede demasiado das etiquetaxes nin das temporalidades.

Eurofans

Hai a quen tanto nos ten o que pase ou deixe de pasar en festivais como Eurovisión. Hai a quen non nos interesa absolutamente nada que teña que ver con competicións entre proxectos musicais, con xurados máis ou menos preparados, xustos ou escuros pois a música, para nós, non se mide en votos, marcas..., en mellor ou peor. Así que vivimos atónitos estes tempos de tanto debate e tanto entendido en euromúsicas e competitividades melódicas, harmónicas e poéticas, desde a pracidez que nos confire o noso desprezo por tal esperpento. E vaia por diante que claro que respectamos a quen lle encante. Como tamén entendemos e valoramos o marabilloso que é que se escoite a nosa música, a nosa cultura e o noso idioma nestas plataformas tan mediáticas e o bo que é para a nosa escena visibilizar que si existe, e ademais con tremendas cotas de calidade.

Claro que nos encantan, pois, as Tanxugueiras, xa desde aquel disco homónimo do 2018 e, despois, con aquel caralludo Contrapunto do 2019. Tamén admiramos o sobresaínte traballo de produción e a volta que están a dar da man do productor Iago Pico, facendo bo o de “non hai fronteiras” e todo apuntalado na calidade de tres mozas furacán con tanto talento como forzas magnéticas ao seu redor. Máis xa que estamos, igual era a ocasión para animarnos todas e todos, sobre todo aqueles que agora tan claro o vedes baixo a hipnose eurovisiva, a que escoitedes as Bouba, as Leilía, as Malvela, a Mercedes Peón, a Faia, a MJ Pérez, a Ses, a Guadi, a Marful, a Uxía, a Tajes, a Dorrio, a Zurcher, ou eu que sei, por citar so algunhas. E xa de paso que continuedes a saltar de estilos e paseedes pola vizosa e efervescente realidade musical deste noso curruncho tan xenialmente sementado de tan boa música.

A ver se aproveitamos ese cabreo tan grande para coller ánimos para apoiar realmente de corpo presente nos concertos, ou comprando discos, ou escoitando nas plataformas. A música galega existe, aí está e aí estivo; quen faltamos case sempre somos nós, tan indignados agora polo pouco que se lles valora en certos ambientes. Comecemos, mellor, por valoralas nós.

Compartir el artículo

stats