Unha alegoría da vida mesma

Poemario maduro

Portada de "A timidez das copas", de Ruth Oliveira.

Portada de "A timidez das copas", de Ruth Oliveira.

Héitor Mera

Vén de saír o primeiro poemario da autora viguesa Ruth Oliveira. E faino como boa noticia unha vez lemos e situámonos perante a proposta.

En calquera proxecto creativo a solidez é unha das características que nos fai pensar que o que temos diante é realmente un produto de valor. Xa temos dito nesta columna nalgunha ocasión que o caixón de xastre, sen orde, sen criterio sen, en definitiva, unha poética presente palpable, perceptible, pode levar a identificar pequeñas raiolas de talento moi mal canalizado e dende logo non alicerzadas. É por iso que gustamos de percibir un construto sólido, levado adiante por un plan previo. Esas pautas son as correctas para facilitar a creación cun verniz de rigor sempre preciso en calquera circunstancia. E se a a isto lle engadimos sensibilidade e capacidade para a escrita poética, o resultado xa é circular, prístino. E non dicimos que acadar todo isto sexa sinxelo. Non é unha ecuación.

A timidez das copas ten algo de todo isto. É unha primeira entrega a de Ruth Oliveira que non parece tal. Hai táboas, hai traballo previo perceptible nos seus versos. Esa poesía da contemplación da vida, da natureza e a existencia. Ese compendio de telurismo e existencialismo envolve ao lector/a na evocación de moitos dos sentimentos e procesos de observación que nos pode tocar a nós mesmos nun momento dado da nosa vida.

Coidamos que A timidez… é unha alegoría da vida mesma. A visión das fírgoas que dan luz e vida convivindo tamén coa escuridade é metáfora perfecta do sentir vital, do proceso intuitivo que nos leva a percibir a existencia cotiá a través dunha manchea de matices. Non podemos obviar que esta visión non está exenta de certo escapismo. Abstracción por todo aquilo que nos é dado mais non é desexado.

Ao ler o poemario percíbese madurez. O escapismo non ten que ser sinónimo de covardía, irresponsabilidade. Moi pola contra, a lectura destes versos axúdanos a reflexionar e escoller. A sermos máis completos/as.Así pois, lectura recomendada. Debemos recuncar sempre na boa poesía.

Portada de "A timidez das copas", de Ruth Oliveira.

Portada de "A timidez das copas", de Ruth Oliveira.

OLIVEIRA, Ruth. "A timidez das copas", Laiovento, Santiago, 2021, PVP. 10€

Suscríbete para seguir leyendo