Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Trama ben artellada

Afouteza e perseveranza

Trama ben artellada

Ter poderes e poder empregalos para desprazarse ou brincar cos amigos semellan prácticas divertidas ou, polo menos, así o expresa Selana, protagonista do volume que Alba De Eván e Xabier Domínguez veñen de publicar na colección “Meigas” de Edicións do Cumio, aínda que, ás veces, as cousas non saen como un quere e a solución é máis complicada do que nun principio podería parecer.

Ademais da tarefa escolar cotiá a pequena meiga ha de prepararse para os exames de bruxa e seguir practicando un feitizo que non lle dá saído e que a ten certamente amolada. Por iso, ha de renunciar a ficar cos compañeiros despois da saída de clase e aproveitar todo o tempo libre para superar ditas probas. Mais por se era pouco traballo crúzase no seu camiño a desconfianza de Saúl e a cativa non ten máis remedio ca solicitar a axuda da súa avoa que vive, tamén, rodeada de apócemas e conxuros para resolver o desaguisado.

Unha trama ben artellada con ingredientes cautivadores fará que a cativada se sinta atraída polos movementos da rapaza que poderá servir de modelo de afouteza e perseveranza no traballo; se un quere acadar os seus obxectivos ha de esforzarse e renunciar a determinados momentos de xolda e diversión, pedir axuda a quen a poida ofrecer e pensar que, se un quere, pode atinxir todo aquilo que desexa.

Por outra parte, no texto sería de destacar a creatividade como capacidade de xerar ideas e conceptos que poden axudar á hora de resolución de problemas e que supoñendo un pensamento orixinal achegan á persoa unha sorte de estratexias que quizais permitan superar expectativas, identificar oportunidades ou procurar solucións e que serán positivas para a formación intelectual e emocional dos nenos e das nenas.

Portada de "A Bruxa Selana", de Alba de Eván y Xabier Domínguez.

DE EVÁN, Alba/DOMÍNGUEZ, Xabier, "A Bruxa Selana" (Ils. Laura Cortés), Cumio, Ponte Caldelas, 2021, PVP. 12,30€

Compartir el artículo

stats