Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No Arquipiélago Quilombo

García Mc: con valores e con rap

Con valores e con rap, García Mc no Arquipiélago Quilombo. / Yelena Molina

Arquipélago Quilombo vén ser o novo disco do García Mc. Do seu rap enxebre e cen por cen humano xa temos falado por aquí, mais agora, por fin, temos un primeira longa duración onde o rapeiro de Ordes, agora residindo en Muros, xunta esas cancións que o acompañaron en todos o seus directos nos últimos anos. Outra vez difícil de etiquetar, e por momentos máis cercano ao coñecido como world music, as músicas de mil sitios e saíndose cando lle peta dos estandares rapeiros máis recoñecibles, o García navega en mares do eclepticismo máis voraz, pescando nese milleiro de caladoiros e baleirando a saca de calquera prexuízo que se deixe asomar.

Interior de La Iguana, en Vigo. / Yelena Molina

Porque, ao final falamos de cancións, non de estilos. Falamos de emocións, non de fórmulas matemáticas en busca dun resultado numérico. Falamos de espirse e de compartir a maneira de entender a vida, a sociedade, os sentimentos, o amor e mais o xeito de comportarnos e interactuarmos co planeta e mais coas criaturas que nel habitamos. Así entendemos, entón, a música de García: coma un berro da Pachamama ou, mellor aínda, como un aloumiño do sol, da lúa, das estrelas e das augas dun mar que nos molla e alimenta, que nos coida e nos torna do frío. Cancións que van e veñen en ondas, que nos fan bailar pero tamén pensar e soñar.

Polo medio colaboracións de moitos músicos, moitas voces e moitas maneiras distintas de entender a música pero todo absolutamente ben cosido, punto a punto, fío a fío, cos versos máis descarnados e poéticos dun gamberro da palabra. Arquipélago Quilombo constitúe o seu segundo disco en solitario. O rapeiro reivéntase para traernos co novo ano unha estimulante travesía polas dez illas do seu arquipélago en forma de cancións nas que colabora con artistas como Nastasia Zürcher, Cynthia Montaño, High Paw, Digo, Diego, Gatopersa e Javier Vicalo entre outros. Reggae, latin, hip hop… e a palabra sempre como centro do universo: todo aquelado e revelado con maestría nunha inmersión absoluta de beats, de ritmos da banda Nación Quilombo, tamén cancións ao vivo, e ata un remix e un dub de extras. Así nolo explicou el: “Con este traballo rexurdín das miñas cinzas para navegar os sete mares. Non deixedes de facer esta viaxe musical ate o Arquipélago Quilombo, onde a morte se converte en vida!”.

Van xa máis de vinte anos de traxectoria musical dun xa referente indiscutible da cultura hip-hop e musical do noso país: García Mc foi parte de iniciativas tan recoñecidas como Dios Ke Te Crew, onde participou activamente até 2016. Tamén formou parte de Labregos do Tempo, dos Sputniks ou Ghamberros. Musicou poemas de Celso Emilio Ferreiro en clave rapeira, e é colaborador da Banda Xangai ademais de poñer o seu grao de area, de maneira xenerosa, en colaboracións en ducias de traballos de grupos do páis. Tamén leva máis de quince anos exercendo como pedagogo independente, impartindo obradoiros e cursos de rap, creando conciencia e valores entre adolescentes que se deixan seducir pola palabra máis efervescente do rapeiro.

O disco xa está en Internet en calquera plataforma na que busques mentres o formato físico en vinilo vén de camiño. García continúa o seu roteiro; nós escoitámolo, mirámolo de esguello e agardamos atopalo polos carreiros do mundo. El segue paso a paso, baixo sol ou choiva, pero con paso firme. Como diría o seu amado Celso Emilio: “Camiño a pé e por iso é polo que vexo o mundo tal cal é”. Nós, mentres, bailaremos a danza sagrada da viva que boa falta nos fai.

Máis azos

Non sei de que pode valer dar azos a todos eses músicos do noso país que nestes últimos tempos viven no esvaradoiro constante de fixada, desfixada, adiamentos, cancelacións e concertos que marchan ao limbo dos imposibles. Non sei se a situación mudará, agardemos que si, e poderemos gozar nalgún momento de certa normalidade cando os nomes dos nosos artistas estean no cartaz dunha programación. E penso nas horas de ensaio, decote moitas, nas ilusións persoais e artísticas, na vida e na aposta económica de moitas persoas e moitos proxectos que quedan á deriva e á espera eterna de que algo cambie mentres o pesadelo se fai demasiado interminable no tempo.

Tamén nas salas que traballan nas programacións do mes a mes e na distancia pequena cun público ao que xa habitualmente custa convencer da súa asistencia. Números vermellos enriba de números vermellos, un monllo de soños rotos, de facer caixa da nada, de presentacións de discos que puideron ser pero non foron, de horas e horas de escena medrando en palcos que parecen conxeladas, e mirando atentos, cada semana, as novas restriccións e recomendacións do maldito DOG. E que dicir das axencias, dos programadores, dos profesionais sen poder traballar, da parte dos equipos técnicos, de gañar con xustiza os euros necesarios para a vida. Miseria e noite longa que, cando deixa entrar unha raiola, ao pouco baixa a reixa e de novo nos enterra na desilusión.

Os azos igual xa pouco valen mais o que si se fai imprescindible é un pacto de comadres, de compadres, un trato de amigos e mecenas, un compromiso de militancia con toda esa música que, se ben non pode ser, aquí e hoxe, agardemos que sexa o antes posible. Un compromiso coas noas salas, coas nosas músicas e unha promesa sincera de que alí nos terán apoiando e tamén divertíndonos, gozando e emocionándonos coa nosa vizosa e magnífica escena. Que cando poidan facelo, ninguén de nós falte a esas citas. Por suposto que temos os mellores músicos e músicas do mundo pero temos que coidalos cando os tempos veñen tan tortos e escuros. Azos si, pero sobre todo compromiso e militancia imprescindible. Contade con nós. Alí estaremos.

Compartir el artículo

stats