Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ión e Cíclope

Eurípides en galego

Odiseo na cova de Polifemo, cadro de Jacob Jordaens, primeira metade do XVII.

Editadas por Rinoceronte, e da man de Iria Pedreira Sanjurjo, que as traduce, introduce e anota, de maneira impecable, chegan dúas pezas de Eurípides, un dos tres autores máis coñecidos da literatura dramática grega, e do que máis textos se conservan. Falamos da traxedia Ión, que propón unha mirada nova ao tráxico, e do drama satírico Cíclope, único texto neste xénero co que contamos, que se sitúa a medio camiño entre a elaboración tráxica e a mirada cómica.

Eurípides, que viviu entre os anos 480 e 406 a.n.e, é o terceiro dos tres tráxicos máis coñecidos, e marca unha transición importante cara unha outra forma de escrita, que se manifestará na chamada comedia nova, da que Menandro (ca. 342-292 a.n.e.) será un dos autores máis nomeados. Tal vez por iso, pola renuncia a formas de escribir máis propias da mirada épica, como en Esquilo (ca. 526-456 a.n.e.), recibirá críticas constantes de autores tan destacados como Aristófanes (444-385 a.n.e.), que o converte en motivo de mofa en varias das súas comedias, como tamén fai con Sócrates (470-399 a.n.e.). O filósofo era, segundo se conta, moi amigo do autor de Medea, unha das moitas pezas da súa autoría protagonizadas por mulleres, e na que deita a mirada sobre as razóns que explican o comportamento, desde a introversión, iniciando así o que logo será drama psicolóxico. O retórico romano Claudio Eliano (ca. 175-235) conta no capítulo trece do segundo libro da súa Varia Historia, que Sócrates só acudía ao teatro cando se representaba algunha traxedia de Eurípides.

Eurípides (ca. 480/484 a.C.-406 a.C.). Manuel F. Vieites

Malia a visión que se ten construído do celebrado comediógrafo, o autor de Lisístrata, activo militante de posicións conservadoras, criticaba que Eurípides renunciase ao canon clásico, aínda representado por Sófocles (496-406 a.n.e.), de quen outros especialistas máis recentes destacan a perfección formal que acada na pescuda clasicista. Con Eurípides desaparecen, en efecto, as dimensións épica ou heroica, e abrolla un tratamento da mesma materia dramática máis asentado no perspectivismo, o subxectivismo, e nun certo agnosticismo en relación aos deuses. Quizais nesa súa visión teñan algo que ver as lerias de Pródico de Ceos (465-395 a.n.e.), un dos promotores dunha forma orixinal de interpretación dos mitos que se coñece como evemerismo, por ser o seu compilador fundamental Evémero (330-250 a.n.e.). Sostiñan que os deuses en realidade non eran máis que personaxes históricos destacados, deificados por razóns varias. Unha posición que contradicía a visión tradicional e conservadora que defendían as elites gobernantes.

Ión parte dun tópico moi común na literatura clásica que conforma a xenealoxía de moitos heroes, ao ser fillos de deuses que manteñen relacións, consentidas ou forzadas con mulleres, e que logo de avatares diversos finalmente recoñecen a súa prole. Neste caso, o deus será Apolo, quen viola a Creusa, filla de Erecteo, e a moza terá un meniño que abandona na mesma cova en que foi concibido. O meniño será coidado pola Pitia, sacerdotisa suma do santuario de Delfos, e a acción da peza comeza cando o rapaz, xa mozo, se afana no mantemento das instalacións do Oráculo, controlando o acceso ao mesmo, como fiel gardián, mentres enfía un fermoso parlamento onde traslada claves da súa historia pero tamén as súas expectativas e desexos. No inicio da peza leremos un longo monólogo de Hermes no que presenta todas as claves da narrativa que logo se desenvolve en modo dramático. Por aí aparece xa un dos trazos máis destacables da escrita de Eurípides, o uso da ironía tráxica, que fai que o lector saiba desde o inicio claves fundamentais da trama, se ben descoñece o desenlace, o que implica un alto nivel de incerteza que pode xerar moito suspense.

A enleada que se vai construíndo coa chegada a Delfos de novos personaxes, e que semella anunciar un tráxico desenlace, vai ser resolta pola padroa de Atenas, Palas Atenea, grazas ao coñecido recurso do deux ex machina, moi utilizado por Eurípides, e que ao mellor ten claves ideolóxicas, pois non serían os deuses os que resolven a situación senón as normas, o diálogo, a deliberación e o acordo. Pero no texto tamén asoman procedementos que fará seus o melodrama, e por iso Ión é un deses textos que marcan o inicio dun novo paradigma, o realista, agora dispoñible en galego. Parabéns.

O drama satírico

Nos concursos dramáticos e teatrais de Atenas cada escritor presentaba, de forma consecutiva, tres traxedias e un drama satírico, sendo este o último da serie, o que permitía aliviar as tensións vividas ou padecidas durante os tres primeiros espectáculos, malia que adoitaban ter algunha relación temática ou argumental coas traxedias precedentes. Como se dixo, Cíclope é o único texto enteiro conservado malia que haxa outros incompletos que partillan trazos similares, e dá conta da peripecia de Odiseo ao chegar á illa habitada por Polifemo, nunha maneira en que semella querer realzar a crueza e a crueldade do señor de Ítaca, sempre tan argalleiro e raposeiro.

Na peza hai unha certa pegada das formas discursivas dos sofistas, e unha contraposición de dúas maneiras posibles de existencia, a vida natural representada por Polifemo, e a orde cívica que defende por Ulises, que ademais viría encarnar os ideas da civilización. Non obstante, a peza tamén se pode entender como unha crítica, ao mellor velada, aos usos da linguaxe e ás trampas coas que os seres humanos constrúen o poder e a hexemonía. Moitos anos antes que John Langshaw Austin, Eurípides xa alertaba de todo o que se pode facer coas palabras, e tamén do valor das leas que permiten artellar, esas mentiras que pasan por verdades, como agora mesmo. Dous textos de verdadeira actualidade, pensando tamén nos modos de facer e dicir da clase política

Compartir el artículo

stats